DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades do programa Divulgando Ciencia Singular

O Cinbio espalla o coñecemento científico por escolas e rúas e abre as súas portas á sociedade

Onte xoves esgotáronse as prazas para coñecer os laboratorios do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 12/11/2021

As prazas esgotadas para a xornada de portas abertas de onte xoves. Máis de 200 persoas inscritas e outras 100 en lista de agarda para a xincana científica que terá lugar o sábado no campus. Arredor de 400 visitas aos postos informativos instalados no centro de Vigo e Ourense. As cifras demostran que as propostas de divulgación científica postas en marcha polo Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, están a acadar moi boa acollida entre a cidadanía. Agrupadas na iniciativa Ciencia con C de Cinbio, forman parte do programa Divulgando Ciencia Singular, a través do cal a Universidade de Vigo quere poñer en valor e promocionar o traballo dos seus centros de investigación. 

As actividades do Cinbio arrancaron a comezos deste mes e estenderanse ata o día 18, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade e conseguir que se perciba como unha disciplina próxima, fomentando ao mesmo tempo as vocacións científicas entre a xuventude e visibilizando o traballo que desenvolve o persoal do Cinbio tanto no campus de Vigo como no de Ourense. O programa Ciencia con C de Cinbio, cofinanciado polo Programa Operativo FEDER-Galicia 2014-2020, divídese en tres eixos fundamentais: Cinbio na escola, Cinbio na rúa e Coñece o Cinbio. Este último arrancou onte xoves cunha xornada de portas abertas na que participaron 60 persoas. Como explican dende organización, a acollida foi tan boa que as prazas esgotáronse con días de antelación e tivo que crearse unha lista de agarda. A través de charlas, experimentos e visitas aos distintos laboratorios, as persoas participantes puideron coñecer o día a día do centro realizando talleres sobre nanofluidos ou nanopartículas e coñecer as aplicacións prácticas da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario, o funcionamento das neuronas, do sistema inmunitario ou do ADN. 

Esta xornada de portas abertas repetirase o vindeiro día 18 de novembro no campus de Ourense, con visitas aos laboratorios do Cinbio na Facultade de Ciencias e na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Para esta actividade aínda quedan prazas dispoñibles e realizaranse talleres, por exemplo, sobre intelixencia artificial ou biomasa.

A proposta de Coñece o Cinbio complétase mañá sábado día 13 cunha xincana científica na que os participantes poderán participar nunha carreira de orientación con diferentes probas de temática científica. A acollida deste proposta do Cinbio foi tamén moi boa, con 200 persoas inscritas e máis de 100 en lista de agarda. 

Cinbio na escola e na rúa

As actividades de Ciencia con C de Cinbio arrancaron xa o día 2 de novembro con Cinbio na escola, unha proposta formativa para o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato co fin de promover vocacións científicas entre os máis novos e novas. Os centros participantes traballaron cunha unidade didáctica que incluía xogos, desafíos, experimentos científicos, etc.  tanto para coñecer o Cinbio como para realizar unha reflexión sobre a necesidade da actividade investigadora. Tamén participaron nun xogo virtual semellante ao Trivial sobre ciencia, no que o alumnado puido examinar os seus coñecementos científicos.

O programa de visibilización do traballo deste centro de investigación completouse coa instalación de postos informativos nas rúas de Ourense e Vigo os días 4 e 9 deste mes, aos que se achegaron 175 e 200 persoas respectivamente.