DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicerreitoría e Concellería de Promoción Económica impulsan cinco obradoiros con inscrición gratuíta

Cinco cursos buscan ampliar a formación de alumnado e sector empresarial 

Videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º centran os talleres

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/09/2021

Con inscrición gratuíta ata cubrir as 15 prazas dispoñibles en cada un deles, desde esta semana permanece aberta, na plataforma Campus Activo, a inscrición nos obradoiros Aula Crea, unha das iniciativas xurdidas do convenio de colaboración impulsado pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidade. O potencial dos videoxogos como ferramenta educativa; o uso da ilustración para definir a identidade gráfica dun proxecto, marca ou empresa; a fotografía creativa; a creación de contidos para redes sociais e a realización de vídeos 360º centran esta serie de talleres, que se desenvolverán en diferentes centros do campus entre setembro e novembro.

Co “aspecto creativo como peza clave” estes talleres “están dirixidos tanto ao alumnado como a calquera persoa que teña interese por estas temáticas”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, destas actividades enmarcadas no convenio de colaboración entre Universidade e Concello presentado o pasado mércores. De feito, na definición destas actividades formativas, impartidas por “profesionais especialistas nas diferentes materias”, buscouse “establecer un vínculo coas diferentes liñas formativas do campus, tratando de dar resposta ás peticións ou inquedanzas que nos ten trasladado tanto o alumnado como o profesorado”, ao mesmo tempo que ofertar unha formación “que poida resultar tamén de interese para comerciantes, empresas ou autónomos”, engade Agrelo.

Videoxogos, ilustración e fotografía

Esta programación botará andar a vindeira semana con Gañando o futuro, un obradoiro que afonda no videoxogo como medio de expresión e ferramenta educativa, coa idea de extraer unha serie de coñecementos de cara tanto á súa boa escolla e uso como ao deseño de propostas de aprendizaxes. Estruturado, ao igual que o resto de talleres en catro sesións, desenvolverase entre o 16 de setembro e o 7 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e será impartido por responsables do Museo de Videoxogo de Galicia.

Tamén este mes arrancará na Facultade de Belas Artes Ilustración en acción!, un obradoiro centrado no uso do debuxo, a pintura e o deseño para dotar dunha imaxe gráfica a proxectos e ideas, tanto de carácter académico ou persoal, como profesional ou comercial. Impartido polo ilustrador e graduado en Belas Artes Santiago Paredes, desenvolverase entre o 20 de setembro e o 11 de outubro. 

Ofrecer un achegamento á fotografía creativa aplicada ao retrato e ao produto, coa idea de facer desta un recurso para proxectos tanto persoais como empresariais, é o obxectivo do taller que, entre o 18 de outubro e o 15 de novembro, terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Impartido por Graciela Vilagudín e David Cons, do estudo fotográfico La Marela, este taller de fotografía creativa cubriu xa nestes primeiros días as súas 15 prazas. 

Redes sociais e vídeos 360º

Tamén coas súas prazas cubertas, CCSS e da Comunicación acollerá entre o 19 de outubro e o 9 de novembro o obradoiro Creación de contidos para redes sociais. Impartido por Natalia Maquieira, responsable do blog Pasoapaso, o taller tomará como punto de partida o ebook de Maquieira El poder de las redes para afondar na creación de vídeos, fotografías e outra serie de contidos para diferentes plataformas. 

Por último, entre o 23 e o 26 de novembro terá lugar, na sede da Vicerreitoría, o taller de iniciación na creación de contidos 360º Inmersión virtual en Pontevedra, que impartirá o realizador Rubén Lázaro Silva. Desde un enfoque teórico e práctico, o taller buscará achegar ao alumnado coñecementos sobre as últimas técnicas de vídeo inmersivo, desde a súa gravación ata a súa difusión en gafas de realidade virtual ou redes sociais.