DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller de creación de curtametraxes promovido polo Campus Crea e Novos Cinemas

A cineasta Candela Soto convida dez estudantes a traballar sobre a memoria desde a xunqueira de Alba

Os resultados finais presentaranse na sesión de apertura do festival

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/10/2026

O concepto de zona húmida como un espazo de transición, onde se depositan e mesturan materiais diversos, constitúe o punto de partida do taller que levou dez estudantes das facultades de Comunicación, Belas Artes e Deseño a visitar a xunqueira de Alba xunto coa cineasta madrileña Candela Sotos. Fixérono na primeira sesión do taller Filmes como marismas, promovido polo Campus Crea e Novos Cinemas e no que as alumnas e alumnos seleccionados traballan nas curtametraxes que presentarán neste festival. Fano coa titorización de Sotos, que proponlles “pensar nesa lóxica dunha marisma, na que non hai xerarquía na materialidade”, como punto de partida de traballos centrados na memoria e na combinación de materiais heteroxéneos.

Os resultados finais deste taller estrearanse en decembro, na xornada de apertura da décimo primeira edición de Novos Cinemas, pondo peche a “tres meses de traballo intensos”, recoñece Sotos, que abriu este obradoiro achegándolles unha serie de referencias cinematográficas que puidesen axudarlles neste proceso. Esta primeira xornada de traballo completouse cun encontro coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, e cun percorrido por Alba, que permitiu tamén debater as primeiras ideas a desenvolver no marco deste obradoiro.

A memoria como marisma

“Unha zona húmida é un espazo de transición”, entre a auga e a terra, “a onde chegan sedimentos, materia biolóxica e non biolóxica, e o humidal encárgase de procesala”, apunta Sotos, que en 2025 era recoñecida co Premio Latexos de Novos Cinemas polo seu filme Yrupẽ. Partindo desta idea, propón ao alumnado ver “a memoria como unha zona húmida”, na que se “procésanse e fíltranse historias, un contexto social, textos, imaxes, arquivos...”, sinala a artista e cineasta. De feito, un dos obxectivos deste obradoiro é “explorar os materiais audiovisuais desde a montaxe non lineal, con esa idea de sedimentación, de filtrado, de capas que se acumulan sen eliminar o anterior”, recolle o seu texto de presentación. 

A marisma actúa nese senso como “idea conceptual” no inicio destes proxectos, mais non como eixe temático. “Non necesariamente serán curtas que vaian ir deste tema, pero atravésaos”, destaca Sotos. Nese senso, a proximidade ao campus da xunqueira de Alba fai desde un espazo ao que, por exemplo, “poden volver a tomar os recursos sonoros”, apunta. “Parecía moi útil poder traballar desde aí e non desde algo máis abstracto”, sinala Sotos, que explica que os proxectos “poden inspirarse tamén noutros máis próximos á súa propia historia”. 

Aberto á participación do alumnado de grao, mestrado e doutoramento do campus de Pontevedra, así como a egresados e egresadas o pasado curso, trátase da primeira edición na que este taller ten á fronte a unha cineasta emerxente non vinculada co audiovisual galego. Residente en Madrid, onde dirixe un taller de obra gráfica e espazo de arte independente, Sotos recoñece o “estimulante e divertido” deste proxecto, que ve tamén como un “reto para mín, porque veño dun proceso un pouco máis das artes visuais, de probar cousas dunha forma moi experimental”. De feito, nos últimos anos levou o seu traballo artístico a espazos como o Centro de Residencias Artísticas Matadero ou o Círculo de Bellas Artes de Madrid, así como ao Centro Pompidou de Málaga. O pasado ano estreou a súa primeira longametraxe documental, Yrupẽ, que ademais de en Novos Cinemas foi premiada na Seminci de Valladolid e en Cinespaña. 

Ata o 8 de decembro, xornada de presentación das pezas, Sotos guiará e asesorará no desenvolvemento das súas curtas aos estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual Andrés Álvarez, Carlos Pinaque, Sara González e Celeste Pose; ás alumnas do Belas Artes Andrea Zermeno, María Pillado e Naiara Vila; á estudante de doutoramento desta facultade Cristina Chiarroni, á egresada deste centro Xoana Abraira e á estudante da Facultade de Deseño Raquel Álvarez.