DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres proxectarán a obra de Federico Fellini ‘Oito e medio (8 1/2)’

O cineclub La Barraca remata o curso cun ciclo de películas de arte e ensaio e experimental

A asistencia é aberta ás persoas interesadas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 26/05/2023

O pasado curso académico, por iniciativa de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense, púxose en marcha o cineclub universitario La Barraca. Desde entón, ten desenvolvido periodicamente diferentes ciclos de cine dedicados a temáticas moi diversas. Para rematar este curso 2022/2023, está a levar a cabo un ciclo dedicado ao cinema de arte e ensaio e experimental, ao abeiro do cal este venres se proxectará a obra de Federico Fellini Oito e medio (8 1/2).

O ciclo, que conta coa colaboración da Facultade de Historia, arrancou o pasado 28 de abril e prolongarase ata o 23 de xuño. Desde entón téñense proxectado obras como “a versión heterodoxa” do Evanxeo de San Mateo segundo Pasolini (1964); “unha obra clave do cine mudo” como A paixón de Xoana de Arco, de Carl Theodor Dreyer (1928); a controvertida película dirixida por David Lynch en 2001 Mulholland drive, e Persoa, “a máis críptica e tal vez mellor película de Ingmar Bergman”.

Seguindo esta programación, este venres, 26 de maio, La Barraca propón “un dos filmes máis destacados e persoais do oscarizado Federico Fellini: Oito e medio (8 1/2), un dos mellores intentos de capturar o complexo fenómeno da inspiración artística”. Como cada sesión, será ás 17.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, de balde e aberta ás persoas interesadas. Tras a proxección, abrirase un espazo de reflexión e debate.

A programación continuará durante o mes de xuño coa proxección de O espello, de Andréi Tarkovski (1975), o día 2, e La Jetée (de Chris Marker, 1962) e O home coa cámara (de Dziga Vertov, 1929), o día 9 de xuño. Seguiranlle O espírito da colmea, dirixida por Víctor Erice en 1973, que se poderá ver o día 16 de xuño, e Arrebato, de Iván Zulueta (1979), que se proxectará o venres 23.