DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Historia puxo en marcha esta iniciativa este curso académico

O cineclub La Barraca remata a súa programación coa proxección de Á fin da escapada

O acto, aberto ás persoas interesadas, será este xoves na aula 0.6 do Edificio de Ferro ás 18.00 h

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/05/2022

Alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha este curso o cineclub universitario La Barraca. Co curso entrando xa na súa recta final, este xoves pecharán a súa programación 2021/2022 coa proxección da película Á fin da escapada.

Esta obra, con título orixinal À bout de souffle, supuxo en 1960 o debut cinematográfico de Jean-Luc Godard. Protagonizada por Jean-Paul Belmondo, Jean Seberg, Daniel Boulanger e Jean-Pierre Melville está considerada película fundacional do movemento Nouvelle Vague. As persoas interesadas poden asistir á súa proxección, de balde e ata completar aforo, na aula 0.6 do Edificio de Ferro o xoves 26 ás 18.00 h. Con ela péchase o ciclo dedicado á Nouvelle Vague que este cineclub universitario desenvolveu cada xoves pola tarde durante o mes de maio e que incluíu o visionado de, ademais da xa citada Á fin da escapada, Os 400 golpes, Hiroshima mon amour e La point courte.

Un curso académico de actividade

Con esta proxección rematará o primeiro curso de actividade de La Barraca, unha iniciativa posta en marcha por un grupo de estudantes de cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia co apoio da delegación de alumnado da Facultade de Historia e do propio centro. “Quixemos organizar un cineclub formado por universitarios e basicamente destinado a proxectar películas de cine clásico e de cine de autor, por ser un tipo de cine que non é fácil atopar”, comentan os seus membros. O nome de La Barraca, apunta Daniel Barredo, un dos estudantes promotores do cineclub, provén “tanto do proxecto cultural de Federico García Lorca durante os anos da República como da obra de Vicente Blasco Ibáñez. Quixemos ligar o noso cineclub a estas dúas obras culturais porque con elas quixeron achegar a cultura á cidadanía e no noso caso queremos achegar o coñecemento sobre cine a xente que non está ligada a el”.

Ao longo deste curso desenvolveron varios ciclos de proxección, sempre en versión orixinal con subtítulos, dedicados a diferentes movementos cinematográficos, desde o neorrealismo italiano ata o cine noir e de suspense, visionando películas como Viridiana, Charada, O home do brazo de ouro e O ladrón de bicicletas. Tamén houbo tempo para dedicar espazo a cine de ciencia ficción e ver obras como Metrópolis. Tratouse sempre, indican os promotores da iniciativa, de producións que forman parte da historia do cine, que se consideran referentes nel.

“Estas proxección dannos a posibilidade de ver un tipo de cine que non é doado de atopar fóra de Internet, que está fóra dos circuítos comerciais”, apunta desde o cineclub. Porén, subliñan, o máis interesante desta actividade é “a posibilidade de facer coloquios ao remate de cada proxección, conversar nun ambiente de foro aberto, onde poder falar libremente”. Proxección a proxección, e “pouco a pouco”, sinalan, “fomos dándonos a coñecer e cada vez son máis as persoas que se van achegando”. Arrancar unha iniciativa é sempre difícil pero, apuntan desde La Barraca, están satisfeitos polo seu desenvolvemento este primeiro curso e amosan o seu desexo de darlle continuidade o vindeiro curso 2022/2023.