DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición do programa Divulgando Ciencia Singular

O Cintecx abre as súas portas a alumnado de bacharelato STEM

Recibiron a visita dun grupo de alumnas e alumnos do colexio Compañía de María de Vigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 29/10/2021

No caso do Cintecx a xornada de portas abertas arrancou cunha pequena presentación sobre o centro, para xa logo meterse de cheo nos obradoiros, tres talleres organizados polo propio persoal investigador con actividades moi visuais e prácticas para que os estudantes se puidesen facer unha idea, non só do tipo de actividades que se levan a cabo no Cintecx, senón tamén de como a tecnoloxía axuda a lograr unha sociedade industrial e sostible comprometida coa conservación do planeta.

Divididos en grupos asistiron a un taller de combustión, bautizado como Combustión: The Sci-Ence Games, no que, guiados pola investigadora do Grupo de Tecnoloxía Enerxética Raquel Orozco, puideron aprender dende os conceptos máis simples (como se produce a D-2 reactivos, produtos, etc.) ata a súa aplicación a sistemas complexos e reais como motores de combustión, plantas de xeración de enerxía, etc. No segundo obradoiro, Intelixencia artificial: Érase una vez un mundo de datos, a investigadora Ana Larrañaga, tamén do grupo GTE, explicoulles dun xeito interactivo a  aplicación destas novas tecnoloxías ao mundo da enxeñaría. Neste caso, as mozas e mozos participantes tiveron que resolver un problema de visión artificial e aprenderon a importancia da compilación de datos, desenvolvendo a súa capacidade resolutiva e súa imaxinación. 

O programa completouse cunha terceira actividade de desenvolvemento sostible e biotecnoloxía, na que as investigadoras Aida Díez e Silvia Escudero, do Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, guiaron aos estudantes para levar a cabo diferentes experimentos de tratamento de augas coloreadas empregando absorbentes producidos a partir de residuos.

A vindeira semana será o Cinbio o que saia á rúa

Se a semana pasada foi o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, o que abriu as súas portas á cidadanía, esta semana tomou o relevo o Cintecx e, a vindeira, será a quenda do Cinbio, o Centro de Investigación Biomédica, onde organizaron toda unha serie de actividades baixo o lema Ciencia con C de Cinbio. Arrancarán este martes día 2 con Cinbio na escola, unha proposta formativa para o alumnado dos institutos públicos de 4º da ESO e primeiro de bacharelato, que inclúe a realización de diferentes xogos de realidade virtual sen necesidade de moverse das aulas. A continuación, os días 4 e 9 de novembro instalaranse na rúa do Príncipe en Vigo e no paseo de Ourense stands nos que o persoal do centro informará ás persoas interesadas sobre as diferentes actividades que se levan a cabo neste centro.