DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa aposta pola innovación non só científica senón tamén tecnolóxica

O CITI abre novas liñas de traballo en novos materiais e impresión 3D

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación funciona de nexo entre empresa e universidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 07/06/2022

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) naceu no ano 2005, creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento da I+D+i nas empresas así como a unión entre industria e universidade. Na actualidade, o centro conta cunha planta piloto con catro liñas principais de servizos e aposta pola innovación “non só científica senón tecnolóxica” coa incorporación da impresión 3D e o desenvolvemento de novos materiais.

Situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, o CITI conta con catro módulos e unha nave e ofrece instalacións e equipamento científico-tecnolóxico. “É un centro de servizos á comunidade científica e ás empresas que queren realizar determinados procesos demostrativos de produción”, afirma Javier Rodeiro, o seu director. O centro, detalla, conta cunha planta piloto especializada en diversas liñas de traballo relacionadas co ámbito agroalimentario, a biotecnoloxía, a xestión enerxética, o medio ambiente e as tecnoloxías da información. Ademais, estas instalacións albergan un total de once espazos, entre laboratorios e oficinas.

Instalacións para proxectos innovadores

Concretamente, a planta piloto do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación ofrece “unhas instalacións únicas que albergan innovadores e disruptivos proxectos”. Nela trabállanse en catro liñas principais. A primeira é a de transformación química e biotecnolóxica, que inclúe distintos equipos de fermentación así como un reactor a presión. Dispón tanto de equipos a escala de laboratorio como equipos cun volume axeitado para a realización de probas de escalado. “Un exemplo de uso é a obtención de celulosa a partir de material residual de poda de vides empregando un reactor extractor con axitación”, sinalan desde o CITI.

A planta piloto tamén dispón dunha liña de separación, extracción e purificación de compostos que permite a separación de produtos tanto por centrifugación como por filtración. Ademais, ten unha planta de extracción supercrítica, un disruptor celular e equipos de cromatografía. “No CITI este equipamento emprégase, entre outros usos, para obter extractos de algas con CO2 supercrítico”, comentan. Unha terceira liña de traballo é a de hixienización e conservación de alimentos, aplicando alta presión e eliminando os principais microorganismos patóxenos sen alterar as propiedades organolépticas dos alimentos. Por último, e de nova incorporación, a planta piloto conta agora tamén cunha liña de desenvolvemento de novos materiais que dispón dunha extrusora. “Con este equipo, os proxectos do CITI poden reciclar materiais e crear novos filamentos para impresión 3D”, sinalan desde o centro.

Diversificación e traballo por proxectos

Javier Rodeiro subliña a aposta pola diversificación deste centro, pasando de conter principalmente grupos do ámbito científico a incorporar tamén grupos e proxectos do ámbito tecnolóxico e “indo máis alá do que son as capacidades de servizo do equipamento científico que temos”. Así, indica, “estamos facendo o posible para incrementar a oferta tecnolóxica de servizos, incorporando impresión 3Ds, desenvolvemento de novos materiais, etc”. Igualmente, recalca o compromiso do centro coas temáticas de sostibilidade e economía circular co obxectivo de “poder involucrarnos o máis posible na axenda 2030 e en accións ou procesos que vaian orientadas á obtención dos ODS”.

Segundo lembra Javier Rodeiro, o CITI naceu como un centro de unión entre o tecido empresarial e os grupos de investigación do campus de Ourense e tamén como un centro de servizos á comunidade científica e ás empresas que queren realizar determinados procesos demostrativos de produción. Para isto, detalla, equipouse cunha cantidade grande de equipamento científico que non é habitual, polo custo do mesmo, para que as empresas puidesen facer as súas probas de produción neste centro. “O modelo que agora mesmo estamos desenvolvendo máis é o modelo de colaboración empresa-grupos para un determinado proxecto concreto, cunha duración no tempo e dentro dunha ubicación do CITI”. Así, subliña o responsable, “esta é quizais a evolución máis grande do CITI: a incorporación dunha nova metodoloxía de colaboración entre universidade e empresa por proxecto”. Neste senso explica que “o que buscamos agora son colaboracións puntuais, incluso con grupos que non están no CITI: teñen un proxecto cunha empresa, precisan instalacións para levalo a cabo e vemos a forma axeitada de darlle ese punto de unión espacial e servizos para desenvolver o seu proxecto”.