DUVI

Diario da Universidade de Vigo

claustro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/07/2025

Último informe de Esther Pillado como valedora universitaria

Como viña acontecendo nos últimos anos o informe da Valedoría Universitaria confirmou a tendencia crecente dos expedientes e das consultas, “o que non debe levar necesariamente á conclusión dun aumento da conflitividade na universidade”, explicou Esther Pillado, no que, tal e como ela mesma anunciou, será o seu último informe ante o Claustro como valedora universitaria. “O meu mandato, de seis anos, empezou o 15 de outubro de 2019 e, polo tanto, achégase ao seu fin, polo que para a próxima memoria será outra persoa a que colla testemuña da Valedoría Universitaria”, apuntou Pillado, quen aproveitou para dar as grazas “pola confianza depositada en min” para levar a cabo un labor ao que se referiu como “moi gratificante e intenso”. Admitiu “marchar satisfeita se nalgo axudei a mellorar a vida da comunidade universitaria e pido desculpas se nalgún intre non estiven á altura do que se agardaba de min”, subliñou a valedora, a quen o reitor agradeceu todo o traballo realizado á fronte da Valedoría.

No que ao informe da valedora se refiere Pillado explicou que no ano 2024 confírmase a tendencia á alza dos expedientes (nun 4 %), pero sobre todo chama a atención o crecemento das consultas nun 41 % fronte ao 2023”. Este incremento do número de peticións de intervencións débese, ao seu modo de ver, a un conxunto de factores: dun lado, a maior visibilidade que foi acadando este órgano e a confianza nel depositada da comunidade universitaria como instrumento de control; doutro lado, un maior coñecemento por parte do alumnado, o PDI e o PTXAS dos seus dereitos e de como exercelos. “Agora ben, non se pode deixar de sinalar que, sobre todo os colectivos de PDI e PTXAS, están dirixindo á Valedoría Universitaria unha serie de queixas, reclamacións e consultas que evidencian situacións de tensión na aplicación dos procedementos e normas vixentes”, salientou a valedora.

Coma en anos anteriores, a maioría dos expedientes refírense ao estudantado (59 %), seguido a bastante distancia polo profesorado (21 %) e polo PTXAS (20 %), se ben neste último a porcentaxe vai en aumento. Outro tanto acontece coas consultas, das que o 58 % proceden do estudantado, o 35 % corresponden ao profesorado, mentres que as do PTXAS representan un 7 % do total das recibidas.

Os motivos que levaron a abrir expedientes no sector do estudantado están relacionados, sobre todo, coas avaliacións, bolsas, docencia en liña, Erasmus, exención de prezos públicos, taxas, matrícula… No sector do PDI, as queixas céntranse na aprobación de actas de consello de departamento, na avaliación de actividade docente, na avaliación por compensación... No caso dos PTXAS as queixas refírense á RPT, acción social por incapacidade permanente total, axuda do fondo social, cambios de quenda...

“Bo progreso” na execución do Plan Estratéxico 2021-2026

Outro dos puntos desta sesión do Claustro foi a presentación do informe de seguimento e avaliación anual do Plan 2021-2026 da UVigo, no que se dá conta do grao de avance na consecución dos obxectivos establecidos neste documento, permitindo “identificar as fortalezas e as debilidades da Universidade no seu camiño cara ao logro dos seus obxectivos estratéxicos e a mellora continua na calidade do ensino, investigación e xestión, e unha maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos públicos”. 

Segundo explicou Mónica Siota, coordinadora do Plan Estratéxico, dos 29 obxectivos e 118 accións que se incluíron inicialmente no Plan Estratéxico, actualmente pasouse a 30 obxectivos e 124 accións. Desas 124 accións, 11 xa foron completadas (8,9%), 91 xa están iniciadas (73,4%) e só 22 están aínda pendentes de iniciarse (17,7%), “o que pon de manifesto un bo progreso na execución do Plan Estratéxico”.

Ademais, no seguimento do 2024 percíbese a tendencia á mellora xeneralizada dos valores dos indicadores, con evolución positiva do 54,8% dos avaliados. A diferencia do seguimento de 2023, no 2024 hai algúns indicadores con evolución negativa, pero só representan o 8,5% dos indicadores avaliados, como indicaba Siota. O outro 36,6% presentan unha situación estable. 

Neste punto, entre outros membros do Claustro, interveu o profesor Xosé Henrique Vázquez, en nome de Nós Universidade, que sinalou varias eivas dun documento de seguimento “que debería servir para axudar a axustar decisións e reasignar recursos, pero se non permiten avaliar avances nin formular aprendizaxes, perde a súa razón de ser como instrumento de gobernanza”. Como propostas de mellora, Vázquez aposta polo despregue de ferramentas de xestión que permitan facer seguimentos, incluso en tempo real; que se dispoña dun cadro de mando e que todos os obxectivos do plan teñan indicadores clave fáciles de entender e medibles, marcando metas concretas e contando con datos actualizados.