DUVI

Diario da Universidade de Vigo

x

Claustro

x

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 19/12/2025

251.111.612 euros. A esta cifra récord ascende o proxecto de orzamentos presentado este venres polo equipo de goberno da UVigo ante o Claustro e que será sometido a aprobación do Consello de Goberno o vindeiro luns 22 de decembro e ao do Consello Social o día 29. Respecto do deste ano, o orzamento de 2026, que se incrementa en pouco máis de 2,7 millóns de euros (1,1%), “diríxese a manter o equilibrio orzamentario; ademais de considerar as grandes infraestruturas, permitir a execución de políticas de PDI; esforzo pola internacionalización; así como garantir a diversidade, igualdade e fornecer o desenvolvemento sostible e fomentar a dixitalización”, dixo o reitor, Manuel Reigosa.

Na derradeira sesión de Claustro do ano, o reitor tamén confirmou que o vindeiro martes 23 de decembro celebrarase unha sesión de Consello de Goberno extraordinaria para aprobar o acordo para a descentralización da docencia do Grao en Medicina. Despois que nas últimas horas a Facultade de Medicina dese o seu apoio ao acordo, que esta mesma mañá recibía o visto e prace do Consello de Goberno da USC, Reigosa lembrou que a aprobación da Facultade inclúe “unha serie de pedimentos” que se tratarían na comisión de seguimento do acordo, se este é ratificado, e subliñou “que moitos deles teñen plena racionalidade”, posto que se centran en cuestións relativas a “preservar os dereitos do alumnado”.

Na sesión que se prolongou durante case seis horas non foi posible elixir á persoa que sucederá á catedrática Esther Pillado González á fronte da Valedoría da UVigo, xa que os candidatos, ambos da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense: María Isabel Doval e Xosé Manuel Cid non acadaron os votos esixidos para o seu nomeamento. Aínda que Doval logrou un maior número de apoios nas dúas votacións, non foron suficientes para súa elección, polo que o reitor sinalou que “estudaremos para un seguinte Claustro unha nova elección”. A maiores, o reitor aproveitou o seu informe anual para presentar os resultados acadados en 2025 en investigación e transferencia, cifras que rozan os 30 millóns de euros, e os datos de matrícula deste curso, un ano no que a taxa de ocupación marcou o “récord histórico” do 109%.

Previsión orzamentaria de ingresos 

Despois que o reitor Manuel Reigosa reiterase a importancia do capital humano e o "equilibrado" dun orzamento claramente "continuista", foi a xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, a encargada de detallar un proxecto orzamentario no que no capítulo de ingresos, o de transferencias correntes (capítulo IV), que constitúe a fonte de ingresos máis importante do orzamento, representa un 64,89% do total (162.934 millóns de euros), cun incremento de 6,5 m€ respecto de 2025. Neste capítulo compútanse todos os ingresos por subvencións correntes que a Universidade recibe da Xunta de Galicia (147.9 m€); da Administración Xeral do Estado para programas como Campus Rural, María Goyri e Erasmus (10.8 m€); así como de organismos autónomos, empresas públicas, corporacións locais e demais entes do sector público institucional autonómico e estatal, así como de institucións sen ánimo de lucro e de empresas privadas.

As transferencias de capital (capítulo VII), que teñen a súa orixe nas achegas para proxectos de investigación obtidas en procedementos de concorrencia competitiva nos programas da Administración central do Estado e da Xunta de Galicia, achegas do Fondo de recuperación, transformación e resiliencia, e por contratos de actividades de I+D con institucións e empresas, superan neste orzamento os 42 millóns, o que representa un 16,8% do total.

Pola súa banda, o capítulo de variación de activos financeiros, que inclúe os ingresos por reintegros de préstamos ao persoal e o remanente de tesouraría, que inclúe as estimacións dunha parte do remanente do exercicio 2025, representa o 11,25%, do orzamento cunha cifra que supera lixeiramente os 28 m€. Completan a previsión orzamentaria de ingresos, dunha banda, as taxas, prezos públicos e outros ingresos (capítulo III) (6,75%) que ascenden a 16.950.951 m€, dos que máis de 13 corresponden a dereitos de matrícula e servizos académicos por titulacións oficiais, e, doutra, os ingresos patrimoniais (capítulo V), que ascenden a 725.000 euros

En comparación coa distribución dos ingresos por capítulos do orzamento do ano pasado, increméntase do de transferencia correntes, que pasa de 62,97% a un 64,89% e o de taxas e prezos públicos que sube do 6,19% ao 6.75%. Nos restantes capítulos rexístranse lixeiras baixadas, sendo a máis significativa a de transferencias de capital que pasa do 18,12% ao 16,82%.

Orzamento de gastos e principais capítulos de gasto

O conxunto do gasto vese incrementado neste orzamento polos custos asociados ás políticas de persoal e ao incremento dos prezos, que con carácter xeral, afecta a todos o sectores de produción e particularmente aos servizos. En canto á distribución do orzamento de gastos por capítulos, o de persoal (capítulo I) representa a maior porcentaxe cun 59,12% e 148,45 millóns de euros, cun incremento de algo máis de 2,7 m€ respecto do 2025 e que recolle o gasto afectado do programa Maria Goyri, baixo o principio de contención do gasto público aliñado coa senda de gasto que marca a Xunta.

Pola súa banda, o capítulo de investimentos reais (capítulo II), asociados ao funcionamento, proxectos de investigación, equipamentos, investimentos en infraestruturas informáticas, equipamentos deportivos e outras infraestruturas, ascende neste proxecto de orzamentos a 59,11 millóns (23,54%), mentres que o de gastos correntes en bens e servizos (capítulo II), que ten unha previsión dos custos das subministracións e servizos en fase de licitación, tales como a limpeza e outros que se van ver afectados polo incremento dos prezos do consumo, ascende a case 34 m€ (13,54%). 

En canto aos programas de gasto que máis peso teñen no conxunto do orzamento no 2026, o relativo a goberno e administración sitúase en primeiro lugar con 156 millóns de euros (62%), incluíndo 146,35 m€ de gastos de persoal; 5 millóns de gasto de funcionamento ordinario e case 4 millóns en subministracións. Pola súa banda, o programa para investigación e transferencia roza os 52 m€, que inclúen os algo máis de 9 millóns para proxectos internacionais; 2,8 para sostemento de centros de investigación e 1,5 m€ para contratos predoutorais e outras axudas á investigación. Mentres o gasto no programa de goberno e administración da universidade descende, respecto a 2025 nuns 400.000 euros, o de investigación e transferencia increméntase en 197.000. 

O programa que máis incrementa a súa contía é o de dotación e mantemento de infraestruturas e equipamento que pasa de 23,7 m€ en 2025 a 26,6 millóns no orzamento de 2026. O gasto en servizos de limpeza, mantemento, vixilancia e software elévanse ata case 10 millóns; seguido pola Escola de Enxeñaría de Aeronáutica con 6,6 m€; e mantemento e dotación de edificios, laboratorios e preservación de espazos que supera o 3,7 millóns. Pola súa banda, o programa de apoio ao alumnado supera os 9 m€; o de dotación e funcionamento e escolas e facultades os 3,9; a dotación de fondos bibliográficos acada os 2,25 e o de actividades de extensión universitaria chega a 1,1 m€.

Liñas básicas de actuación 

A política de persoal segue a ser para o equipo de goberno un alicerce fundamental nas súas liñas de actuación, polo que nestes orzamentos sinalan  “se segue a avanzar na consolidación e promoción do PDI, tentando, ao mesmo tempo, comezar unha senda de rexuvenecemento do cadro de persoal”. A promoción e estabilización do PDI, volvendo utilizar as ofertas de emprego público para sacar a concurso o máximo de prazas de funcionarios/as dos corpos docentes que permite a taxa de reposición fixada pola Lei de orzamentos do Estado; a redución da listaxe de persoal interino; a promoción de figuras estables do profesorado que obtivese a acreditación correspondente e a aposta polo retención de talento, son as liñas básica de actuación referidas ao PDI. 

En canto á  política dirixida ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, PTXAS, plantexarase a negociación dun acordo marco de relacións laborais e concertación social no que se aborde entre outros temas a revisión da RPT poñendo especial fincapé naquelas áreas acredores de mais atención como son a estrutura orgánica de ATIC, a área de internacionalización e aquelas áreas que puideran quedar mais deficitarias ou obsoletas en canto as respostas das necesidades actuais na RPT do 2016; o marco para a remuda dos cadros de persoal: Itinerarios e promoción interna; o programa para a conciliación persoal e familiar (teletraballo e flexibilidade horaria); deseño da carreira profesional horizontal e plan de formación centrado na incidencia da IA nos procesos de traballo.
Os principais obxectivos de financiamento no que respecta a investigación, transferencia e innovación mantéñense, apoiando as políticas de agrupación en centros e institutos de investigación; traballando no fortalecemento dos servizos de investigación e consolidando o programa de axudas propio, entre outros.

En canto á modernización de instalacións e a adaptación ás necesidades docentes e de investigación, o programa da Vicerreitoría de Planificación e Sustentabilidade conta para o exercicio 2026 cunha contía económica superior á de 2025 ao incorporar a dotación para dúas actuacións cofinanciadas polo convenio de infraestruturas singulares da Xunta de Galicia: a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no Campus de Ourense, e a remodelación dun dos edificios no antigo complexo da ETEA para albergar o Centro de Investigación Mariña, en Vigo. Conta, tamén, cunha importante dotación para rematar as infraestruturas de eficiencia enerxética, nas que a Universidade de Vigo acumula unha importante inversión de preto de 5 millóns de euros nos seis exercicios anteriores, dos que case catro millóns foron financiados por organismos autonómicos e estatais.

Críticas ao proxecto de orzamentos

O catedrático Jacobo Porteiro, candidato á Reitoría por Consenso, preguntou ao equipo de Goberno se, tendo en conta os descuadres entre orzamentos e o gasto en exercicios anteriores, o proxecto de orzamentos reflicte os gastos reais e puxo como exemplo “doloroso” que só se gastase o 60% do orzamentado para bolsas. Porteiro tamén cuestionou ao equipo de Goberno sobre se se emprega o remanente para financiar os orzamentos, ademais de lamentar que ao profesorado invitado se lle pague en 150 días.

Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada Juan Surís sinalou que Nós Universidade “ten a certeza de que a UVigo ten un desgaste orzamentario progresivo e un grave problema xerencial, que se traduce en incerteza financeira, limitación operativa e debilidade da carreira profesional”. Surís falou dnha xestión que cualificou de “limitada e deficiente” e que ten a súa orixe nun incremento continuado dos desequilibrios económico-financeiros, que afirmou "foi ratificada pola Comisión Económica do Consello Social, que manifestaba a existencia de tensións preocupantes nos exercicios precedentes que se resolveron financiando gasto corrente de carácter estrutural con remanentes acumulados de períodos anteriores”. O catedrático de Economía afirmou que a UVigo ten uns indicadores de xestión orzamentaria deficientes con, por exemplo, un grao de execución de gasto dun 77% en 2024, ademais dunha cifra próxima aos 8 millóns de euros en saldos de dubidoso cobro nas contas dese mesmo ano e “continuos procesos litixiosos, cun custo orzamentario por sentenzas por riba de un millón de euros en 2025”.

O catedrático de Organización de Empresas e Márketing Xosé Henriquez Vázquez, pola súa banda, demandou melloras na sustentabilidade do financiamento estrutural, nas infraestruturas como capital público e na capacidade de xestión e execución. Nun contexto demográfico que prevé importantes descensos nas matriculacións, sumado ao éxito da FP, Vázquez apuntou que “se en 2026 se consolida gasto corrente sen colchón real, o axuste chegará pola vía silenciosa con deterioro dos servizos, prazos máis longos e atrasos nas convocatorias. Ademais se non se deixan recursos entraremos na negociación do novo Plan de Financiamento sen marxe e á defensiva”. Ademais de demandar reposición e mantemento das infraestruturas, o catedrático tamén asegurou que “o debate de fondo non é este software ou aquel, senón o modelo de gobernanza do cambio. Sen dotación suficiente para as persoas, soporte e formación, non hai capacidade real de cambio”, dixo.

En representación do PTXAS. Rita Velasco lamentou a falta dun plan de formación para este colectivo, mentres que o director de Área de estratexia de recursos, dotación e redimensionamento dos cadros do PTXAS, Xan Cebro, defendeu a xestión do equipo de goberno e do equipo xerencial, logo de oito anos de goberno, antes da chegada de Manuel Reigosa á Reitoría, que cualificou como “os peores da historia da Xerencia”. Cebro asegurou que en oito anos de goberno de Salustiano Mato con Manuel Jáuregui como xerente “non se chegou a un acordo sobre o PTXAS”, unha situación que mudou coa chegada dun goberno que ironicamente cualificou como “volchevique” e ao que, dixo “se lle ocorreu cumprir o que prometera como a funcionarización ou promocións de C2 a C1, así como chegar a 40 acordos”. Mentres, Federico Fernández insistiu na necesidade de remuda que tamén ten o PTXAS.

Tanto o reitor, como a xerenta, rebateron as críticas ao seu proxecto de orzamentos, lembrando, por exemplo, que “as estimacións de ingresos as fan os servizos baseándose en datos reais”, dixo Reigosa, que en relación coas sentenzas do persoal investigador María Zambrano e Margarita Salas sinalou que “corremos o risco, como outras universidades, aínda que a algunhas déronlle a razóns nos tribunais e a outras non e nós xa pagamos o millón de euros e pagaremos os intereses”.
Pola súa banda, a xerenta confirmou o uso do remanente para financiar os orzamentos, asegurando que “non temos pasivos financeiros, non hai débeda e non é unha prohibición”. Lesmes lembrou, en relación cos saldos de dubidoso cobro que o ritmo de ingresos e gastos non é o mesmo e “a calidade da nosa débeda é boa e sempre cobramos”. Sobre as políticas de PTXAS sinalou que se arranxaron os problemas que había cando chegou como a estabilización e a funcionarización e que “queda moito por traballar no novo escenario no que estamos”. 

O Consello de Goberno votará o martes o acordo sobre Medicina

No seu informe, o reitor informou da convocatoria dun Consello de Goberno extraordinario para o vindeiro martes 23, no que se abordará a aprobación do acordo para a descentralización da docencia do Grao en Medicina, baseado no acordo acadado polos reitores das tres universidades públicas galegas e as consellerías de Educación e Sanidade, posteriormente ratificado polo Consello de Docencia Clínica de Galicia. Como lembrou Reigosa, este acordo debía ser aprobado tamén polos consellos de goberno das tres universidades. Así aconteceu no caso da Universidade da Coruña (UDC), mais a Universidade de Santiago de Compostela (USC) “atopou que a Facultade de Medicina se puxo totalmente en contra”, o que motivou que o seu Consello de Goberno “non chegase a votalo”, como tampouco fixo a UVigo, que avogou seguir “traballando no pedimento da titulación”. Finalmente, a Facultade de Medicina daba nas últimas horas o seu apoio ao acordo, que foi aprobado esta mañá polo Consello de Goberno da USC. O apoio da facultade, lembrou Reigosa, inclúe “unha serie de pedimentos” que se tratarían na comisión de seguimento do acordo, se este é ratificado, e subliñou “que moitos deles teñen plena racionalidade”, posto que se centran en cuestións relativas a “preservar os dereitos do alumnado”.
 
Este acordo, lembrou, recolle un “calendario explícito” para acadar a descentralización da docencia, teórica e práctica, do 4º, 5º e 6º curso do Grao en Medicina, que debería completarse no curso 2028/2029. Este recolle tamén a “creación de unidades docentes compartidas con persoal docente e investigador das tres universidades”, o que implicaría que en Vigo esta estaría integrada por persoal tanto da UVigo como da USC, así como que a contratación do profesorado necesario para cada unidade se realizaría ao 50% entre as dúas universidades implicadas, contando co financiamento da Xunta de Galicia. Reigosa subliñou tamén que este acordo recolle que os hospitais vincularanse “ás universidades máis próximas xeograficamente”, así como a inclusión dunha “cláusula de saída”, de tal xeito que de incumprirse “os prazos ou os posicionamentos” que recolle, a Universidade poida solicitar Medicina.
 
O reitor lembrou tamén o “traballo interno” desenvolvido na UVigo tras a aprobación da expresión de interese, coa posta en marcha dun grupo de traballo “capitaneado” pola catedrática África González e o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, dirixido a avanzar na memoria dunha titulación propia. O reitor subliñou que este grupo de traballo “vai seguir activo”, de tal xeito que “sexa cal sexa a decisión que tomemos o martes”, o seu labor permita contar á Universidade, “en calquera momento, dun pedimento formal da titulación”, por se fose preciso. Do mesmo xeito, sinalou que durante o período de desenvolvemento do acordo, que se estendería ata 2029, poden facerse “novas propostas de descentralización”, recoñecendo que neste punto que “o ideal” sería acadar nun futuro “un título conxunto entre as tres universidades”.
 
O informe do reitor referiuse así mesmo ao proceso de creación da Facultade de Enfermaría, na que se integrarían as tres escolas adscritas de carácter público. Reigosa prevé recibir nas próximas semanas a resposta da Consellería de Sanidade, “con modificacións moi menores”, á proposta de convenio de desascrición das escolas de Vigo e Ourense. “Imos intentar correr para que este mesmo informe poida servir tamén para a incorporación de Pontevedra, porque a aspiración é que desde o inicio a facultade comece nos tres campus”, sinalou o reitor, que informou dun preacordo coa Deputación de Pontevedra para o financiamento temporal. Entre outras cuestións, Reigosa referiuse tamén aos traballos da Comisión de Estatutos, que realizaron xa “a análise de todas as emendas presentadas”, de tal xeito que prevé contar cun anteproxecto de estatutos a comezos de 2026, e anunciou que o proxecto Unisf, Universidade Sen Fronteiras, que reúne as universidades galegas e do norte de Portugal, acaba de obter financiamento do programa Interreg para “profundar” no desenvolvemento de títulos conxuntos.

Sen remuda na Valedoría Universitaria

Tamén foi a este último claustro de 2025 a elección dun novo valedor ou valedora universitaria, para dar relevo no cargo á catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo Esther Pillado. Dúas foron as candidaturas presentadas, as dúas de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense: Xosé Manuel Cid e María Isabel Doval. Cada un dos candidatos presentou a súa proposta na sesión celebrada este venres e procedeuse á súa votación por parte dos membros do Claustro presentes. Nunha primeira votación Xosé Manuel Cid conseguiu 43 votos favorables e María Isabel Doval 65, habendo sete abstencións ou votos en branco. Ao non acadar ningunha das propostas a maioría absoluta requirida para gañar (110 votos) procedeuse a unha segunda votación. Nesta segunda volta, Xosé Manuel Cid tivo 39 votos e María Isabel Doval 62, habendo cinco abstencións ou votos en branco. Ningunha das dúas candidaturas obtivo as dúas terceiras partes de votos favorables (79) dos membros presentes precisas para ser elixida. Ante este resultado, o reitor sinalou que “estudaremos para un seguinte Claustro unha nova elección. En todo, moitas grazas ás dúas persoas candidatas, que o fixeron moi ben”. 

Na súa intervención Xosé Manuel Cid, profesor titular da Área de Teoría e Historia da Educación, fixo un repaso pola traxectoria e méritos acumulados “nos máis de 45 de servizo a esta institución”, desde a súa chegada ao campus de Ourense en 1974 ata a súa implicación nos equipos de goberno da Facultade de Educación e Traballo Social e do seu programa de doutoramento, “sempre co mesmo talante colaborativo”. O profesor presentouse ao cargo de valedor apuntando que sería por “un prazo máximo dun ano e medio, ata chegar aos 70 anos”. Na súa proposta para a Valedoría Universitaria, Xosé Manuel Cid detallou diferentes ítems, destacando que “buscaría a mediación en todos aqueles asuntos que o requiran, procurando que a cultura da mediación non sexa só unha forma de comportarse desta Valedoría senón que sexa unha forma de comportarse de toda a comunidade universitaria”. Na súa listaxe de propostas incluíu aspectos como dar continuidade ao traballo levado a cabo polas persoas e órganos colexiados precedentes; abordar co máximo rigor, asesorándose cos servizos, centros e departamentos e demais órganos competentes, os expedientes que sexa necesario abrir e entrevistándose coas partes implicadas, e propor a mediación en todos aqueles asuntos que o requiran. Igualmente, expuxo a idea de favorecer as consultas máis informais, que sen chegar a expedientes “poden xerar confianza na institución e a percepción de que a universidade no seu conxunto traballa polos dereitos e valores que ten asumidos como institución pública” e ter en conta en todas as actuacións un código ético, “no que a imparcialidade e a confidencialidade serán os piares fundamentais”. Trátase, afirmou Xosé Manuel Cid, “de abordar a resolución dos problemas, non de xulgar ás persoas”, apostando por afrontar os problemas “veñan de quen veñan, sen prexuízos nin preconceptos”.     

Pola súa banda, “con ilusión, coa máxima responsabilidade e coa madurez que me dá a miña dilatada traxectoria de servizo na nosa Universidade”, María Isabel Doval presentou tamén a súa candidatura ante o Claustro. A profesora da Área de Didáctica e Organización Escolar lembrou que “levo anos formando parte activa da vida universitaria, tanto no eido da representación como da xestión”. O que a levou a presentarse a valedora, dixo, foi que “creo profundamente no valor de escoitar, acompañar e defender os dereitos de todos os membros da nosa comunidade universitaria pero especialmente dos máis vulnerables e porque quero unha universidade onde pedir axuda non sexa un signo de debilidade senón un exercicio de madurez, de confianza na institución”. María Isabel Doval tamén debullou unha serie de propostas fundamentais a desenvolver en caso de asumir a Valedoría da UVigo. Entre elas, estiveron “dicir a verdade ao poder”, independencia real e percibida; imparcialidade e equidade; confianza como capital institucional; comprensión da complexidade universitaria, etc. Na súa proposta, indicou, a Valedoría non sería “un órgano reactivo ante conflitos, senón un axente activo de calidade democrática, un axente preventivo”. Tamén citou cuestións como o recoñecemento da mediación como ferramenta prioritaria de resolución de conflito ou o deseño e impulso de campañas de sensibilización. Na súa intervención especificou o seu desexo de que “toda a comunidade universitaria se sinta representada pola Valedoría” e de xeito especial o estudantado. Neste senso sinalou a súa aspiración a ter unha Valedoría “que fale a linguaxe do estudantado, que explique con claridade os seus dereitos e deberes, que medie cando xorden conflitos e que actúe con firmeza cando se producen situacións inxustas. Unha Valedoría que non xulgue, senón que acompañe; que non complique, senón que axude; que non mire cara outro lado, senón que interveña con independencia e rigor”.

29,9 millóns de euros acadados en 2025 I+D+i

Cando apenas faltan uns meses para a finalización do seu mandato como reitor, a sesión deste venres foi a do último informe anual ao Claustro de Manuel Reigosa, e nel, ademais de facer un detallado repaso dos logros acadados pola institución neste 2025 foron tamén múltiples as referencias ao grao de cumprimento das promesas realizadas polo seu equipo á súa chegada á reitoría, no ano 2018. Especialmente orgulloso amosouse dos resultados acadados da evolución histórica do financiamento acadado en investigación e transferencia, en captación de alumnado e nos logros na consolidación do cadro de persoal docente e investigador.

Arrancou o seu informe pondo sobre a mesa os resultados logrado ao longo deste ano en investigación e transferencia. Neste senso, adiantou que  a cifra ascende xa a 29,9 millóns de euros, cantidade lixeiramente inferior a de anos anteriores, pero que se agarda se incremente de maneira significativa nas vindeiras semanas debido ao elevado número de proxectos europeos de investigación (185) pendentes aínda de resolver. “As cifras son moi boas e a tendencia é claramente positiva”, indicou o reitor, quen explicou que a día de hoxe os fondos acadados relacionados con proxectos de investigación europeos sitúase en 6,3 millóns  -25 proxectos-, se ben, tal e como insistiu, “as avaliacións van moi atrasadas” polo que se agardan “boas novas” para as vindeiras semanas.

No que se refire ao plan nacional, Reigosa informou que se acadaron 27 proxectos por un importe de 4,6 millóns de euros, “unha situación estable na que a taxa de éxito se sitúa anualmente arredor do 32%, o que non está  nada mal para unha universidade con arredor de 150 grupos de investigación”. Tamén como “extraordinarios” se referiu aos datos de transferencia directa coas empresas, nos que se ben diminuíron os encargos con respecto ao 2024 (586 fronte a 686), aumentaron de xeito significativo os ingresos (de 6,4 a 9 millóns de euros). Salientou, neste aspecto, a gran participación dos grupos nas novas convocatorias de colaboración público-privadas (Ignicia, Proba de concepto da AEI, Unidades Mixtas de Investigación...), “moitas delas pendentes tamén aínda de resolución”.

No ámbito autonómico, o reitor explicou que se está a producir unha “evolución histórica” do número de axudas a grupos de investigación, acadándose os niveis máximos históricos en Grupos de Referencia Competiva (16 grupos financiados con 5 M€) e aumentando lixeiramente en Grupos de Potencial Crecemento (10 grupos financiados con 975.000€). Aínda así, admitiu “ter a sensación de que aínda podemos dar máis neste sentido”.

Destacou, así mesmo, outros datos como a “tendencia tremendamente positiva” dos proxectos europeos educativos e de cooperación, nos que o incremento con respecto a 2024 foi de máis dun 40%, “o que claramente engade visibilidade a nivel internacional á nosa institución”. 

Datos históricos de matrícula: 109% de taxa de ocupación

O informe anual ao Claustro foi tamén o lugar elixido por Reigosa para presentar os datos de matrícula do 2025/2026, un curso no que se ofertaban un total de 3851 prazas de novo ingreso e das que se cubriron 4214, o que supón unha taxa de ocupación global do 109%, “un número récord” na Universidade de Vigo. “Por cada 100 prazas que ofertamos en primeiro de grao temos 109 estudantes matriculados”, explicou o reitor, quen insistiu en que a tendencia en matrícula dos últimos anos é claramente positiva. “Temos o número máximo de estudantes que optan como primeira opción pola Universidade de Vigo e as taxas de ocupación nos tres campus son absolutamente salientables”, indicou o reitor, quen admitiu que quedaría marxe de mellora nos mestrados, onde a taxa de ocupación global é do 82% (1436 prazas cubertas dun total de 1753)  e en doutoramento, cun 61% de taxa de ocupación (336 prazas de 548).

A cifra total de matrícula sitúase neste curso en 20.655 alumnas e alumnos: 10.866 no campus de Vigo, 5376 no de Ourense e 4413 no de Pontevedra. O 79% (16.326) están matriculados nalgunha titulación de grao, o 10% (2150) nalgún mestrado, o 7% (1547) en doutoramento e un 3% (632) no Programa Universitario de Maiores. Son datos “moi positivos”, xa que tal e como explicou o reitor, esta é a mellor cifra de estudantes matriculados dos últimos anos, superando en máis de 500 os resultados acadados no curso anterior, cando a cifra total ascendera a 20.148. 

Todos estes alumnos e alumnas están matriculados en 51 titulacións de grao, 10 programas de simultaneidade e 5 PARS; 70 mestrados e 40 programas de doutoramento. A todas elas agárdase poder sumar, segundo adiantou o reitor, novas titulacións para o curso 2026/2027: o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxía Naval para a Defensa, a simultaneidade de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas e tres novos mestrados: vehículos autónomos, traballo social no ámbito sanitario e química teórica e modelización computacional.

En relación tamén co ámbito da docencia o reitor explicou que este ano se crearon un total de 192 prazas docentes: 84 de profesor/a axudante doutor, 48 de permanente laboral, 30 de profesor titular e 30 de catedrático. Deste xeito, engadiu, “a día de hoxe o 56,7% do profesorado da UVigo xa é funcionario (863) e a cifra de asociados reduciuse ao 21,3%, se ben aínda estamos un pouco por enriba do que nos pide a LOSU polo que en 2026 se tomarán as medidas correspondentes para seguir reducindo esta cifra”.

No repaso ao 2025, Reigosa fixo tamén mención ás obras e infraestruturas, salientando neste senso que a actuación máis relevante foi o inicio da construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense, se ben se realizaron actuacións en practicamente todos os edificios da Universidade. “As obras máis habituais foron cambios de tellado ou impermeabilización, cambio de fiestras, electrificacións de aulas e arranxos nas estradas, beirarrúas e aparcadoiros”, salientou o reitor, quen tamén se referiu ás accións correctivas para mitigar a concentración de radon en diferentes instalacións.

Con respecto ao campus de Ourense fixo mención aos resultados acadados polo Campus Auga, onde, tras acadar o campus de especialización, se segue a “traballar arreo”, polo que se amosou convencido de que na seguinte avaliación “imos saír moi beneficiados”. No caso de Pontevedra, manifestouse convencido de que 2026 será o ano de consolidación do Campus Crea.

Modificación do réxime electoral

O Claustro aprobou tamén por asentimento unha modificación do Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Vigo, co obxectivo de dar cumprimento ás disposicións de aplicación directa recollidas na Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU), ata a aprobación dos novos estatutos da Universidade. “Estamos propoñendo o mesmo que fixeron todas as universidades do estado que tiveron eleccións, facer algunhas mudanzas para adaptarse ao proposto na LOSU”, explicou Reigosa. Así, tras esta modificación, tanto o reitor o reitora como as e os responsables dos decanatos e direccións de centros pasarán a ser elixidos para un único mandato de seis anos, improrrogable e non renovable. No caso do reitor ou reitora, este pasará a poder ser elixido entre o persoal docente e investigador permanente doutor a tempo complexo que reúna “os requisitos mínimos” esixidos na LOSU. Nomeadamente, que conte con tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia en cargos unipersoais de xestión universitaria. Ademais, esta modificación establece que a comisión electoral pasará a estar presidida pola secretaria xeral, que poderá delegar nun vicerreitor ou vicerreitora, en lugar de polo reitor.

A continuación, retirouse da orde do día unha proposta de acordo respecto da interpretación da disposición transitoria da LOSU que establece os requisitos esixibles para ser candidato ou candidata á Reitoría, no referido aos catro anos de experiencia en cargos unipersoais. Esta proposta recollía que terían esta consideración os de reitor ou reitora, vicerreitor ou vicerreitora, secretario ou secretaria xeral, decanos, decanas e directores e directoras de centros e de departamentos. Ante a petición de varios integrantes do Claustro de facer máis ampla esta listaxe, o acordo foi retirado para ser abordado nunha sesión posterior. 

Presidencia de Ceuvi e novo plan estratéxico

Por asentimento aprobouse a moción de confianza para a renovación de Juan Santos como presidente do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, Ceuvi. A consecución de contactos directos coas delegacións de alumnado, incluídas as de centros adscritos; a cobertura de todos os cargos do Consello e a continuidade en órganos nacionais, foron os fitos destacados por Santos na súa intervención, na que apuntou ao incremento da participación do estudantado no Claustro, como un dos seus principais obxectivos.

Outro dos puntos do Claustro era a aprobación da posta en marcha dos traballos relacionados coa elaboración dun novo plan estratéxico para a Universidade de Vigo, aínda que o seu debate finalmente quedou aprazado para o seguinte claustro, que terá lugar en xaneiro ou febreiro. O reitor lembrou que o plan vixente remata en decembro de 2026 e que son tres as opcións a considerar de cara á elaboración do seguinte: deixar a redacción do novo plan para iniciar os traballos polo novo Claustro que sexa elixido en maio; comezar os traballos cunha comisión elixida no seguinte Claustro ou encargar á comisión actual, elixida polo Consello de Goberno, que comece os traballos preparatorios. “En todo caso entendo que é algo que debería levar a diante o novo claustro e polo tanto a partir de maio”, adiantou sobre a súa postura.

Sen necesidade de votación, posto que o número de candidaturas era igual ou inferior ao número de vacantes, nesta sesión foron elixidos tamén novos integrantes da Mesa do Claustro, da Comisión de Estatutos, do Consello de Goberno, da Comisión Electoral e dos consellos de campus de Ourense e Pontevedra.