Co obxectivo de revalidar o segundo posto conseguido a tempada pasada
O Club Natación Escualos Campus da Auga participa con máis de 30 deportistas na segunda xornada da Liga Galega Máster
A cita celebrouse na piscina Rosario Dueñas de Ourense
O Club Natación Escualos Campus da Auga participou este domingo na segunda xornada da Liga Galega Máster celebrada na piscina Rosario Dueñas, da cidade de Ourense, acadando moi bos resultados. “Presentámonos a esta segunda xornada da competición con máis de 30 deportistas e pelexando por revalidar o segundo posto conseguido na liga galega a tempada pasada", comentan desde o equipo. A xornada, indican, “foi moi boa para nós, sendo o segundo club por número de deportistas e metendo na auga cinco equipos de relevos”. Concretamente, nadaron nas probas de 50 costas, 200 libre, 50 bolboreta, 100 braza e relevos 50 libre.
Esta tempada, sinalan desde o Club Natación Escualos Campus da Auga, a competición, na que participan case 30 clubs de toda Galicia e que está no seu ecuador, “ten moitísimo nivel, con moitos máis equipos e nadadores”. En todo caso, subliñan, “o obxectivo é o título, aínda que sabemos que é difícil, loitaremos por conseguilo”. Neste senso destacan que “cada día que pasa os nosos nadadores póñense máis a punto para a seguinte cita da tempada, o Campionato Galego de Inverno, do mes de xaneiro”. Por último, desde Escualos agradecen á Fegan e ao CN Pavillón Ourense pola organización da competición celebrada este domingo.