A egresada María Alborés foi unha das 30 seleccionadas no certame de Bilbao Internacional Art & Fash
Unha colección nacida na UVigo, na final dun concurso internacional de novos deseñadores
O seu traballo de fin de estudos optará a un premio de 10.000 euros
Con máis dun milleiro de inscritos, procedentes de 90 países, a organización Bilbao International Art & Fashion (BIAAF) facía público nos últimos días o nome das e dos finalistas da novena edición do seu concurso internacional de deseño de moda, dirixido a novos talentos de entre 18 e 35 anos. Entre os 30 seleccionados e seleccionadas atópase a egresada da Universidade de Vigo María Alborés, que concorreu a este certame coa colección que realizou como proxecto final para os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), título propio que precedeu ao actual Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño. Deste xeito, a Universidade de Vigo forma parte da dos centros formativos de procedencia dos deseñadores e deseñadoras de máis de dez países seleccionados como finalistas, sendo unha das catro institucións españolas representadas nunha listaxe na que tamén figuran centros como a Parsons School of Design de Nova York, o Instituto Marangoni de Milán ou a Central Saint Martins de Londres.
“A verdade é que foi unha gran sorpresa e unha inmensa alegría”, recoñece Alborés, seleccionada pola súa colección /9.6.51/ Bienvenido a tu destino, un proxecto inspirado pola traxectoria vital do poeta William Burroughs. “BIAAF é un concurso internacional ao que se presentan gran cantidade de novos talentos de todo o mundo”, engade esta titulada, unha das 21 finalistas da categoría de deseño de moda, xunto a deseñadores e deseñadoras de Inglaterra, Bélxica, Países Baixos, Italia, Perú, Taiwan, Israel, Alemaña, Suecia, Francia e España. Todos eles optarán a un premio económico de 10.000 euros, na novena edición deste certame de carácter bienal, que celebrará a súa entrega de premios o 25 de xuño. Non obstante, esta deseñadora pon de relevo en que o propio feito de ser finalista “xa é todo un premio”, que “achegará á miña carreira un gran recoñecemento”.
Da “fascinación” polos insectos á poesía de Burroughs
Alborés, que actualmente amplía a súa formación no "prestixioso departamento de moda" da Royal Academy of Fine Arts de Amberes (Bélxica), decidiu concorrer ao concurso de BIAAF coa colección que en 2021 estreaba na pasarela Debut. “Pareceume oportuno presentala como agradecemento aos marabillosos cinco anos que pasei en Pontevedra, onde empecei a formarme como artista e deseñadora”, salienta esta egresada, que o pasado mes de decembro acadaba tamén o primeiro premio na categoría de moda do certame Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, con outra colección nacida nas aulas de Esdemga.
No caso do proxecto finalista de BIAAF, Alborés lembra que nel tratou de “aplicar todas as miñas inquedanzas, capacidades e habilidades nunha única colección”. O seu punto de partida foi a súa propia “fascinación” polos insectos, o que levouna en primeiro termo a Darwin e A orixe das especies, para logo deterse en que “o que nós chamamos becho” é algo “recorrente” nas obras de diferentes artistas e deseñadores. Mais, segundo ía avanzando no proxecto, a idea inicial dunha “oda dos insectos deixa de ter sentido”, recoñece, de tal xeito que o proxecto vaise achegando as ideas do “turbio e o desolador”. É entón, lembra, cando se mergulla na poesía do escritor estadounidense da xeración beat William S. Burroughs, que define o “rumbo” final desta colección.
Con ela, esta deseñadora suma un novo recoñecemento a súa traxectoria, que se engade a súa recente participación no desfile We´re Next de novos talentos, celebrado en Praga, ou á exposición dalgúns dos seus traballos gráficos relacionados coa moda en Pekín.