DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración das súas xornadas anuais no campus de Ourense

O colectivo de enfermaría da provincia visibiliza e potencia o seu labor investigador

Arredor de 300 profesionais asistiron este xoves á actividade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 15/05/2025

Tras varios anos sen celebrarse, concretamente desde 2018, este xoves o campus de Ourense acolleu unha nova edición das Xornadas de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A cita, que nesta ocasión levou por lema Integrando ciencia e humanidade, volveu a convocar ao colectivo de enfermeiras e enfermeiros da provincia co obxectivo de fomentar e visibilizar o seu labor clínico e investigador.

En beneficio de pacientes e da profesión

Estas XIV Xornadas de Enfermaría estiveron organizadas pola Dirección de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras (Sergas) e fixéronse coincidindo coa celebración esta semana do Día Internacional da Enfermaría. A iniciativa volveu a ser “marco de difusión da actividade científica e investigadora” da profesión, apostando por “unha clara vocación de integración, dando visibilidade aos seus diversos ámbitos de traballo, tanto a nivel de centros como especialidades e profesións”. Ademais, quixo ser “estímulo do importante labor clínico e investigador da enfermaría da provincia, recoñecendo un esforzo científico que, mediante a súa aplicación á práctica diaria, contribúe a mellorar a calidade dos coidados prestados ao paciente, e potencian o desenvolvemento profesional”.

Concretamente, explicaron desde a organización, esta reunión científica, “pioneira e referente no sector a nivel galego, serve para difundir os traballos de investigación publicados ou presentados ao longo dos pasados doce meses nos diversos congresos, simposios ou reunións científicas autonómicas, nacionais e internacionais”. Pacientes e profesionais, engadiron, son beneficiarios directos desta xornada, “xa que un dos seus  obxectivos é precisamente trasladar á práctica diaria os procedementos e actividades que, mediante o estudo, se demostraron como máis eficaces para o coidado e mantemento da saúde”.

Integrando ciencia e humanidade

O lema desta edición foi “integrando ciencia e humanidade”, subliñando “a necesidade de avanzar na especialización e coidados baseados na evidencia, sempre sen perder o papel da enfermaría como referente no contacto directo cos pacientes e as súas familias, en todos os ámbitos profesionais ou centros asistenciais”. A sesión central das xornadas, coa asistencia de arredor de 300 profesionais, tivo lugar este xoves nas instalacións universitarias pero como novidade, a programación deste ano incluíu a realización este mércores de obradoiros pre-xornada nos hospitais públicos de Verín, Valdeorras e Ourense.  

Na inauguración da xornada participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Josefa Rodríguez e Eloy Sánchez, directora de Enfermaría e director Asistencial respectivamente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e Laura López, xefa territorial de Sanidade en Ourense. Nos seus discursos púxose en valor o traballo que realizan enfermeiras e enfermeiros e os retos que afronta a profesión para dar resposta aos cambios que está a vivir a sociedade. Ademais, Francisco Javier Rodríguez lembrou ante o colectivo de enfermaría presente os pasos que se están dando para a creación da Facultade de Enfermaría, salientando que “estamos desexosos de que se complete a adscrición da Escola de Enfermaría de Ourense á Universidade de Vigo, o que nos vai facer aínda moito máis fortes en investigación”. A nova facultade, sinalou, “non só permitirá que se poidan continuar cursando estudos completos de grao en Ourense, senón que a futura creación dun mestrado e dun programa de doutoramento propios no ámbito sanitario permitirán poder realizar unha carreira investigadora completa dentro da nosa provincia”.  

Conferencias, mesas redondas, comunicacións e pósters

A programación XIV Xornadas de Enfermaría arrancou cunha conferencia sobre os retos de futuro do marco estratéxico de coidados de saúde, de Paloma Calleja, coordinadora do Comité de Coidados do Ministerio de Sanidade, e continuou con mesas redondas sobre temas como a prevención en nutrición; a saúde mental na xuventude; a educación para a saúde de menores; a vacinación como base da prevención e a importancia dos plans de saúde local. Tamén se falou de innovación e dixitalización en coidados, achegándose a aspectos como o tratamento de feridas crónicas mediante intelixencia artificial; o rol do teleseguemento na xestión de enfermidades crónicas; as redes sociais en divulgación sanitaria; as novas tecnoloxías en emerxencias ou os desafíos éticos no eido da intelixencia artificial. Outro bloque importante foi o da humanización dos coidados, abordando temas como a voz do paciente o papel das asociacións; as dificultades da alimentación na infancia desde a atención temperá; coidar aos que coidan; o coidado do paciente inmobilizado; a perda xestacional ou o manexo da dar desde a fisioterapia. Comunicacións libres e defensa de pósters completaron a sesión.