DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ordenadores están dispoñibles desde este venres e as tabletas a vindeira semana 

Comeza o reparto entre o PDI dos equipamentos das aulas integra para o primeiro cuadrimestre 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
DUVI 30/10/2020

Co obxectivo de facilitarlle ao profesorado, nun escenario de docencia mixta e de docencia en liña, o uso dos encerados virtuais, a UVigo porá desde hoxe a disposición do seu PDI o equipamento comprometido para as aulas integra para o primeiro cuadrimestre do curso 20/21. Concretamente desde este venres están dispoñibles unhas 500 unidades de portátiles Lenovo ThinkPad Yoga 11e Gen 5 (11”) e a partir da vindeira semana outras tantas tabletas dixitalizadoras Huion Kamvas (13”), que se repartirán en función das peticións realizadas polos decanatos e direccións dos centros dos tres campus, despois das negociacións que escolas e facultades tiveron co equipo de goberno o pasado mes de xullo. “Ao dispor dunha pantalla táctil que se asimile ao encerado da aula física, no caso de estar confinados ou como substituto do encerado tradicional cando é docencia mixta, o docente escribe sobre ela e á vez proxecta sobre a pantalla da clase”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez en relación co funcionamento dos dispositivos.

Naqueles centros onde non houbo previsión de facer aula integra, non foi preciso mercar ningún equipamento específico, dándose tamén o caso de centros que non realizaron ningunha solicitude relacionada coas aulas integras e unha escola, a de Enxeñaría Informática, que preferiu recibir cartos e buscar unha solución propia. O persoal con vinculación permanente poderá quedar cos ordenadores e tabletas este curso e o que vén, mentres que no caso do profesorado non fixo, os equipos entregaranse nos centros para o seu uso compartido, utilizándoos no segundo cuadrimestre o profesorado que imparta esa docencia.

Optimización das aulas integra en función da súa configuración 

En paralelo á posta a disposición desde hoxe dos equipamentos acordados para o primeiro cuadrimestre, xa está en marcha a compra de máis equipos para o segundo. Esta nova partida de equipamentos repartiríanse nos centros en función das solicitudes recibidas. “A día de hoxe hai unhas 1500 aulas en campus remoto e unhas 300 en aulas integra e a nosa intención é habilitar pouco a pouco en función das necesidades como se vai facendo desde os centros”, explica Míguez, que lembra que atendendo á elección das escolas e facultades existen diferentes configuracións de aula integra que poden ir optimizándose. 

Desde o inicio do curso o pasado mes de setembro, nos centros da UVigo estase a impartir de xeito maioritario docencia presencial e parcialmente presencial, aínda que esta semana a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pasaron a docencia virtual tras a detección de positivos nos test rápidos realizados nos últimos días ao alumnado. Caso de ser preciso volver a implantar docencia totalmente virtual en toda da Universidade, como xa sucedera durante o confinamento, o vicerreitor recorda que a institución deseñara unha nova plataforma Moovi sobre a base de Moodle coa última versión “e ten novas aplicacións en campus remoto (xemelgo da universidade) que nos permite responder mellor ante un novo confinamento, que non desexamos, se contamos coa responsabilidade de todos”.