DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de persoal investigador da Facultade de Fisioterapia e da Escola de Enxeñaría Forestal

Comezan os traballos de campo do estudo sobre a influencia da calidade dos bosques na saúde física e mental

Abertos á incorporación de novos participantes, que realizarán percorridos porespazos verdes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 05/09/2025

A Facultade de Fisioterapia acollía nas últimas horas unha reunión de presentación dos traballos de campo do estudo que nas próximas semanas levará ás persoas participantes a percorrer espazos verdes con diferentes características, co propósito de avaliar se a calidade das masas arbóreas inflúe na regulación do sistema nervioso autónomo, axudando a reducir o estrés e a mellorar o benestar xeral. Ese é o obxectivo do proxecto que o grupo de investigación FS1 desenvolve ao abeiro do V Plan Social Ence Pontevedra e que abrangue a medición dunha serie de parámetros fisiolóxicos en itinerarios por diferentes masas forestais, xunto coa avaliación doutra serie de variables centradas na percepción destas áreas por parte das e dos participantes. Esta realizarase a través dunha escala de calidade ambiental desenvolvida polo grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, no marco doutro proxecto financiado polo Plan Social Ence e centrado na posta a proba dunha metodoloxía dirixida a avaliar os beneficios de carácter inmaterial que achegan os bosques, vinculados á saúde física e mental, a benestar ou ao ocio.

Estes percorridos por diferentes masas arboradas da provincia de Pontevedra levaranse a cabo ao longo das próximas dúas semanas, estando aberto o estudo á incorporación de novas e novos participantes, como explica a investigadora Ana Gil. Tratarase, sinala, “de catro paseos de tres quilómetros, a ritmo suave”. Tres deles cales realizaranse en contornas verdes próximas ao campus, mentres que o último será un percorrido nunha contorna interior, que realizarase nunha cinta na Facultade de Fisioterapia. As persoas interesadas en participar neste estudo poden porse en contacto co equipo investigador a través do correo ana.gil.iglesias2@uvigo.gal.

Escala de calidade ambiental

Xunto á medición de diferentes parámetros fisiolóxicos, estes traballos de campo abranguerán tamén a posta a proba da escala de calidade ambiental desenvolvida polo grupo AF-4 no marco do proxecto Sylvia, centrado na posta a proba dunha metodoloxía para medir os beneficios intanxibles que proporcionan os bosques. Coordinado por Enrique Valero, este proxecto dá continuidade á liña de traballo iniciada nun proxecto anterior, financiado tamén polo Plan Social Ence, e céntrase en avaliar a efectividade dos parámetros definidos por este grupo de investigación para medir un conxunto de bens intanxibles que os bosques proporcionan ás persoas, ligados ás emocións, ao benestar, ao ocio ou a saúde física e mental. Este traballo levou á definición de 29 subindicadores e 62 descritores que determinan que aspectos é preciso a medir nas masas arboradas e o proxecto abrangue unha serie de traballos de campo dirixidos a constatar a idoneidade dos descritores propostos.

O obxectivo final deste estudo sería validar esta innovadora metodoloxía, co propósito de tratar de incorporala aos procedementos de certificación forestal do sistema PEFC.

Como inflúen as características dos bosques na saúde

Conectado con este proxecto, a investigación que coordina a responsable do grupo FS1, Eva María Lantarón, ten como obxectivo estudar o efecto de diferentes contornas forestais na regulación do sistema nervioso autónomo, asociado aos estados de estrés e relaxación. O obxectivo do proxecto é afondar en como as características específicas das masas arboradas e a percepción subxectiva de cada individuo poden potenciar os efectos positivos dos bosques na saúde física e mental. 

Partindo da hipótese de que unha maior calidade da contorna natural terá un impacto positivo en materia de benestar e saúde física e mental, o proxecto Calidade ambiental das masas forestais, benestar percibido e regulación do sistema nervioso autónomo buscará nese senso avaliar en que medida eses beneficios que os bosques achegan á saúdan varían segundo as características dos bosques. Con esa idea, realizaranse as mesmas medicións ás persoas participantes no estudo durante a realización de tres percorridos por sendas que transcorren por espazos verdes con distintas características ambientais.