DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O colectivo da UVigo eXXperimenta en Feminino publica novos materiais divulgativos

Un cómic e cinco vídeos para visibilizar o talento feminino no ámbito aeroespacial

Están a disposición das persoas interesadas na súa páxina web

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 05/12/2025

O colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias e das escolas de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, pon en marcha dúas novas iniciativas divulgativas. Trátase da segunda edición da serie de vídeos titulada Exploradoras do Universo, nos que se recolle a biografía e logros de mulleres que co seu coñecemento e traballo axudaron a que a humanidade pisara a Lúa, e o cómic EVA y las aventureras del aire.

'EVA y las aventureras del aire'

O cómic EVA y las aventureras del aire, explican desde eXXperimenta en Feminino, ten o obxectivo de dar visibilidade ás distintas profesións que teñen cabida no sector aeroespacial, poñendo o foco no impacto social que cada unha das profesións teñen na sociedade, co fin de atraer ás nenas ao mundo CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A iniciativa parte de estudos que suxiren que “as nenas séntense máis atraídas por aquelas profesións nas que o impacto social é máis evidente” e dado que o “ impacto das profesións técnicas ás veces non é tan sinxelo de ver, neste libro queremos amosarlles, da man de profesionais do sector, como as devanditas ocupacións relacionadas co sector aeronáutico si son necesarias e axudan á sociedade”. 

O formato escollido, engaden as promotoras da iniciativa, é “o cómic, pola súa natureza transmedial (visual e textual)”. O equipo principal do proxecto son José Andrés Santiago, profesor da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, e María de las Nieves Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Para a elaboración do cómic contouse co traballo de seis autoras e autores de cómic: cinco egresadas e egresados da citada Facultade de Belas Artes, como son Laura González, Antón Yáñez, Iria Fernández, Loli Rivas e Delia Vázquez, e o debuxante José Ángel Ares.

O cómic elaborouse a partir das entrevistas realizadas a cinco mulleres con profesións relacionadas co sector aeronáutico e aeroespacial: Lidia Gómez, Tais Iglesias, Yanina Halk, Paula Martín e Patricia Serrano. Todas elas forman parte de Ellas Vuelan Alto, unha asociación de profesionais, con delegación en Galicia, fundada en 2018 por mulleres vinculadas ao sector da industria aeroespacial e o transporte aéreo, co obxectivo de visibilizar o labor das mulleres no sector aeroespacial en España, así como fomentar a igualdade en todos os ámbitos. O proxecto contou cunha axuda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a asociación Ellas Vuelan Alto, o grupo de investigación dx5-Digital&Graphic Art Research e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo.  

Novos vídeos de 'Exploradoras do Universo'

Non é esta a única iniciativa que se pon en marcha neste final de ano desde o colectivo eXXperimenta en Feminino. Tralo éxito da primeira edición de vídeos Exploradoras do Universo, ponse agora en marcha unha segunda edición coas biografías de cinco novas mulleres e as súas achegas á ciencia. Así, o público interesado poderá coñecer a Judy Sullivan, a biomédica encargada da saúde dos astronautas; a Margaret Brenneche, que deseñou os tanques de combustible do foguete Saturno; a Jeanne Lee Crews, creadora do escudo protector que aínda hoxe usa a estación espacial internacional; a Dorothy Lee, deseñadora do morro en forma de cono dos transbordadores espaciais, e a Annie Easley, autora do código informático dos primeiros coches híbridos.

Para a elaboración destas pílulas contaron unha vez máis coa ilustradora MeliMolita e as voces das profesoras da Universidade de Vigo Alma Gómez, Julia Carballo, Olga Escuredo e Inés Álvarez, e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Encina Calvo. A elaboración dos vídeos correu a cargo de Inés Álvarez e Mª de las Nieves Lorenzo. O financiamento foi achegado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.