DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Dúas Señoras’ estrease este venres na Aula de Cine deste centro

As cómicas aventuras de dúas xubiladas centran unha webserie creada por estudantes da Facultade de Comunicación

Resultado dun taller inserido no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/10/2024

“Maruja e Balbina, dúas inseparables xubiladas, quedan todos os días no banco de sempre para pasar o rato e dunha forma ou doutra sempre acaban metidas nunha aventura diferente”. Esta idea constitúe o punto de partida de Dúas Señoras, a webserie de humor realizada por 18 estudantes de Comunicación Audiovisual, no marco dun taller inserido no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC). Coordinado polo profesor Paulino Pérez e dirixido a achegar o alumnado a unha contorna de traballo profesional, na que se dividen en diferentes departamentos e contan cun orzamento e un tempo de rodaxe limitado, o resultado final deste taller é unha serie protagonizada por Mercedes Castro e Ana Santos, que se estrea na tarde deste vernes, ás 18.00 horas, na Aula de Cine da Facultade de Comunicación. 

Dirixida por Uxía Soutullo e Luján Monteiro, con Alejandra Justo e Álvaro Cidre como produtores, Dúas Señoras conta é o resultado final da décimo terceira edición do taller Celanova, plató de ficción, que contou co patrocinio da Fundación Carlos Casares e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia. A gravación levouse a cabo en outubro do pasado ano en Celanova e, unha vez completado o proceso de montaxe, este venres preséntase o resultado final, nunha sesión aberta a toda a cidadanía. Desde esta xornada ademais, os catro capítulos da serie poderán verse na rede.

Unha comedia construída con “situacións anecdóticas”

Como explica Pérez, nese obxectivo de achegar o alumnado aos procesos de traballo na industria, o taller promove cada ano o desenvolvemento dunha produción audiovisual, apostándose na última edición “polo formato da webserie, que non facíamos desde 2019”. O punto de partida, sinala, foron “situacións anecdóticas que lles poden pasar ás persoas maiores”, inspirándose “en historias das avoas e da familia dunha das directoras", a partir das que deron forma a unha comedia integrada por catro capítulos curtos, desenvolvida, “nun formato máis clásico, como se fora unha serie de televisión en pequeno formato”. Nese senso, o taller permitiu a este grupo de estudantes traballar “con dúas actrices recoñecidas”, cunha ampla traxectoria en series de televisión, como Mercedes Castro e Ana Santos.

O proxecto foi realizado por un grupo de 18 alumnos e alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual, que integran Lóstrego Filmes, o proxecto de produtora que previamente deseñaran para unha materia da titulación. Dúas Señoras constitúe así mesmo o traballo de fin de grao (TFG), tanto da produtora Alejandra Justo, como de Uxía Soutullo, guionista, codirectora e autora da banda sonora da serie.