DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha duración de catro anos, foi aprobado este xoves pola Xunta de Goberno municipal

Concello e Universidade asinarán un convenio para destinar 100.000 euros a actividades culturais en Pontevedra

Abrangue diferentes propostas nos ámbitos da música, teatro e o cinema 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/05/2024

O Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo asinarán un convenio para o fomento de actividades culturais e creativas por un período de catro anos, polo que a administración municipal achegará 100.000 euros a potenciar diversas iniciativas nestes eidos. O convenio foi aprobado este xoves pola Xunta de Goberno Local e abrangue un conxunto de iniciativas en ámbitos como o teatro, a música e o cinema. Este novo acordo comprenderá o período 2024-2027, ao longo do cal a administración local achegará ese total de 100.000 euros, cos que contribuír á continuidade de actividades como as aulas de teatro, danza e música tradicional ou o coro do campus , que serán sufragadas noutro 50% pola institución académica.

Focalizado nos eidos cultural e creativo, entre as iniciativas que se incluirán neste convenio figuran as aulas de música e danza tradicional do campus, dúas actividades abertas ao conxunto da cidadanía nas que se forman máis de 70 persoas no presente curso. Tamén formará parte desta colaboración a aula de teatro, aberta tamén a toda a cidadanía. Insírense tamén neste acordo o Concerto de Primavera do campus e o ciclo de concertos Músicas para reCREAr, así como o ciclo de actuacións da Aula Permanente de Música Tradicional en diferentes prazas da cidade. A colaboración entre Concello e Universidade abranguerá así mesmo o coro universitario e os ciclos de cinema que se desenvolven cada cuadrimestre na Casa das Campás.