O concurso fotográfico Mulle.RME 2026 visibiliza o traballo das mulleres na industria offshore
Os actos relacionados coa celebración do Día Internacional da Muller continúan no campus de Vigo. Desta volta foi a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía a que fixo entrega dos premios do concurso fotográfico Mulle.RME, unha iniciativa que, dende 2019, busca dar visibilidade ás mulleres nas profesións técnicas, principalmente nos ámbitos de traballo relacionados coas titulacións que se imparten no centro: enxeñería de minas, materiais e enerxía.
Nesta edición o primeiro premio, dotado de 300 euros, foi para A muller na industria Offshore I, imaxe de Philip Walter Swenson e Andrea Vidal Rivera, que agradeceron a distinción dende Estados Unidos a través dun vídeo. O segundo galardón, dotado de 150 euros, foi para Camiños por picar, de Brian Rodríguez Torres, alumno da propia escola da UVigo, que recolleu o seu diploma no acto. A súa imaxe amosa unha muller percorrendo a mina Blue Stone, en Richelsdorf, un ligar que reflicte a dureza da minaría e “amosa como a forza bruta era sinónimo de calidade”.
O anuncio dos gañadores tivo lugar no mediodía deste martes no vestíbulo da escola, nun acto no que María Pazo Rodríguez, investigadora do Cintecx e enlace de Igualdade da EEME, destacou a necesidade de seguir construíndo sociedades máis xustas nun contexto global complexo. Pazo tamén fixo referencia ao lema escollido pola UVigo para a celebración do Día Internacional das Mulleres, Xeracións en simbiose: unidas polos nosos dereitos, e recalcou a importancia da cooperación e o diálogo entre xeracións de mulleres como motor de cambio social, así como na importancia de crear espazos de encontro e apoio mutuo.
O xurado encargado de elixir as imaxes gañadoras estivo composto por María Pazo Rodríguez, enlace de Igualdade da EEME; Paula Vega Carracedo, representante do estudantado dos graos; Miguel Martínez Conde, representante do alumando dos mestrados e Moisés Cordeiro Costas, como representante do PDI.
Apertura da exposición itinerante Mulleres Investigadoras Cintecx-Aimen
O acto serviu tamén para inaugurar en Minas e Enxería a exposición itinerante Mulleres Investigadoras Cintecx-Aimen, un proxecto que reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras de ambos os dous centros.
Tras o seu paso pola EE Industrial, esta exposición chega agora á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para visibilizar o traballo destas profesionais e ofrecer referentes que contribúan a motivar as novas xeracións e a promover unha ciencia libre de estereotipos. No acto interviñeron dúas das investigadoras da escola que participan neste proxecto: Amanda Franco Sardinha e Raquel Pérez Orozco, ambas do Grupo de Tecnoloxía Enerxética e investigadoras do Cintecx.
