DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida pola súa conselleira Elena Pérez Canal

Unha conferencia sobre Aceites Abril abre a programación deste curso da Cátedra de Empresa Familiar da UVigo

Na intervención falou da súa historia, expansión e organización

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 19/10/2021

A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo arrancou este martes a súa programación de actividades deste curso académico cunha conferencia titulada Aceites Abril: a organización dunha empresa familiar. Nela, Elena Pérez Canal, conselleira de Aceites Abril, foi a encargada de explicar ao alumnado e profesorado presente o nacemento desta empresa, a súa evolución e a súa situación actual.   

A realidade do tecido produtivo galego

Tal e como lembrou Elena Rivo, co-directora da Cátedra de Empresa Familiar da UVigo xunto a Santiago Lago, a cátedra organizadora desta conferencia centra a súa actividade na difusión do coñecemento da empresa familiar e a promoción do emprendemento entre as e os novos empresarios. “Organizamos xornadas, conferencias, visitas a empresas, etc. e a programación deste curso quixemos iniciala con esta conferencia sobre unha empresa familiar como é Aceites Abril”, sinalou. Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar, entidade patrocinadora das cátedra de empresa familiar existentes nas tres universidades galegas, entre elas a da UVigo, explicou que desde a creación destas cátedras “un dos proxectos que puxemos en marcha foi charlas de empresarios nas propias universidades” como “unha forma de achegar aos alumnos a realidade da empresa familiar en primeira persoa, facilitando que os propios membros das empresas familiares lles conten cal é o seu proxecto”.

Margarita Hermo subliñou que, tendo en conta que o 92% das empresas galegas son familiares, “moi probablemente moitos dos alumnos que están nas diferentes facultades das universidades galegas, rematarán traballando nunha empresa familiar”. Por este motivo, afirmou, “que mellor que coñezan cal é a súa realidade, a realidade do tecido produtivo galego” con iniciativas como a celebrada este martes na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Na súa intervención ante o alumnado presente, a directora da Asociación Galega de Empresa Familiar recalcou que “en Galicia temos grandes empresas familiares e grandes emprendedores” e fixo fincapé en que estas empresas son empresas modernizadas, internacionalizadas, cada día máis profesionalizadas e que compiten nun mercado xa globalizado. Tamén quixo animar ao alumnado a emprender os seus propios proxectos empresariais “porque ao final, a riqueza que temos na nosa comunidade baséase proxectos que moitas persoas que coma vós se decidiron a levalos a cabo”.

O exemplo de Aceites Abril

Elena Pérez Canal, que traballa nas áreas de exportación e márketing de Aceites Abril, compartiu co público presenta a historia de Aceites Abril, que actualmente está en mans da terceira xeración familiar, a dela e de seus irmáns. A empresa, indicou, leva “60 anos no mercado” despois de “empezar un pouco por casualidade no negocio do aceite”. “As nosas orixes son unha empresa familiar. O meu avó (José Pérez Delgado) estaba no mundo dos viños e meu pai un pouco por casualidade empezou no mundo do aceite ao ir a mercar un muíño de prensa. Desa maneira empezou no negocio do aceite, e logo a outra parte da familia quedouse coa parte dos viños”, sinalou. A partir de aí, Pérez Canal fixo un repaso pola evolución do negocio, destacando entre outros fitos como en 1994 se mudaron ás instalacións que actualmente teñen en San Cibrao das Viñas.

Hoxe en día, comentou Elena Pérez Canal, “somos 120 persoas, repartidas en áreas típicas de calquera empresa. O que nos fai diferentes é que temos unha parte de envasado de aceite, coas marcas que vemos nos supermercados e na restauración, e logo temos a parte de granel, que é o coa que abastecemos á industria conserveira”. Á hora de falar da expansión do negocio, a conselleira de Aceites Abril explicou que “en principio podería ser unha desvantaxe estar en Galicia, porque estamos lonxe do centro de produción de aceite, que é o sur e Castilla y León, pero iso tornouse nunha fortaleza xa que somos a única embotelladora de aceite e refinado do noroeste peninsular, o que nos dá máis marxe para comercializar nesta zona”. Igualmente, engadiu, “estamos preto dos portos para exportación, o que nos converte en moi competitivos, e estamos moi preto da industria conserveira, que é o noso principal cliente na área de granel”. Neste senso, salientou que “desde hai 12 anos temos o departamento de exportación e estamos agora vendendo en 50 países”.

Sobre a súa visión da empresa familiar, Elena Pérez Canal lembrou como ela e seus irmáns “medramos no piso de arriba da mesma empresa”, sinalando como “desde que nacín vin ao meu pai botando unha man para encher botellas, levar un camión de aceite ou cobrar. Para min está moi entroncado o que é a familia e a empresa”. Así, subliñou como aínda que este modelo de negocio pode supor “o problema de que nunca desconectamos”, “o bo é que na empresa familiar sempre arrimas máis o ombro, sempre estás máis comprometido”.