DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida por Ricardo Echavarría, profesor de Dereito Penal da Universidad EAFIT (Colombia)

Unha conferencia sobre o delito de estafa na lexislación colombiana centra unha nova edición do Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito

A actividade celebrouse este venres no edificio Xurídico-Empresarial

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Ourense 27/02/2026

Este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou unha nova edición do seu Curso de Actualización Xurídica. Nesta ocasión, contou cunha conferencia centrada na análise dogmática do delito de estafa dende unha óptica de dereito comparado, ofrecida por Ricardo Echavarría Ramírez, profesor de Dereito Penal da Universidad EAFIT (Colombia) e investigador visitante na Universität Leipzig (Alemaña). 

Este curso púxose en marcha no ano 2017 no marco das accións da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da Facultade de Dereito participa un ano ou o seguinte propoñendo un especialista e unha temática que poida ser de interese para persoal docente e investigador de diferentes áreas de coñecemento no eido xurídico e para o alumnado. Os obxectivos da iniciativa son fomentar a formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da facultade; a actualización en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada docente, pero, a miúdo, necesarias para a aproximación e análise de cuestións complexas; o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade e a conformación de foros de debate e discusión. 

O comité organizador desta edición estivo composto por Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e vicedecana da Facultade de Dereito, e Susana Álvarez, profesora titular de Filosofía do Dereito e decana desta facultade. A Área de Dereito Penal foi a encargada neste caso de propor a conferencia. Estaba prevista unha segunda intervención, centrada no control da oferta ilegal de alugueiro de curta duración, abranguendo do Regulamento (UE) 2024/1028 ao Real Decreto 1312/2024, ofrecida por Apol·lònia Martínez, catedrática de Dereito Mercantil da Universitat de les Illes Balears, que tivo que ser anulada por causas de forza maior. O curso estivo dirixido a persoal docente e investigador da facultade organizadora, con docencia no Grao en Dereito, no Programa Conxunto ADE-Dereito e no Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría; a persoal docente e investigador da Universidade de Vigo e a alumnado e público en xeral.

Diálogo entre diferentes doutrinas 

A conferencia celebrada estes venres foi presentada por Francisca Fernández Prol e por Virxilio Rodríguez, director do Departamento de Dereito Público da UVigo e profesor da Área de Dereito Penal, que destacaron a traxectoria tanto do convidado como do curso. Na súa intervención, Ricardo Echavarría Ramírez falou ao público presente sobre “a evolución e o estado da discusión sobre o delito de estafa na lexislación penal colombiana, facendo unha relación comparada coa evolución que tivo este delito na doutrina alemá e na doutrina española”, dúas doutrinas que, apuntou, “tiveron unha influencia moi importante no dereito penal colombiano”. O convidado realizou unha presentación histórica que tiña como obxectivo que as persoas asistentes puidesen “entender de que forma se foi configurando o delito, como se ten interpretado desde fins do século XVIII ata hoxe en día”. 

Segundo explicou o profesor, “a evolución do delito de estafa en Colombia, que está moi marcada pola tradición alemá, italiana e española, non logrou configurar axeitadamente un modelo de interpretación que permita a día de hoxe solucionar os problemas asociados coa aplicación deste delito na práctica dunha maneira sistemática e coherente, con certo grao de seguridade xurídica para as persoas que se poidan ver involucradas na investigación por este tema, ben sexa en calidade de vítimas ben sexa en calidade de autores do delito”. 

Na súa intervención na Facultade de Dereito ourensá, Ricardo Echavarría Ramírez sinalou o interese deste tipo de iniciativas de análise comparada entre diferentes países e apuntou que “desde o punto de vista do dereito penal, é natural para alguén que, como no meu caso vén de Colombia, ter un contacto coa doutrina e co profesorado español”. Así, lembrou, ademais de existir “unha relación moi fluída por exemplo no temático, porque compartimos categorías e conceptos comúns” tamén hai “un intercambio forte entre profesorado latinoamericano con profesorado español”, subliñando que “sempre é un gusto dialogar con colegas cos que se comparten categorías comúns, porque para ambas partes é moi edificante”.