DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este temática centrará, o 1 e 2 de decembro, as II Xornadas de Creación e Pensamento

Conferencias e danzas para pór o foco na importancia da saúde mental

Promovidas pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/11/2022

Un espectáculo de danza, unha conferencia e un taller conforman o programa das II Xornadas de Creación e Pensamento, que a Vicerreitoría do campus impulsa xunto coa Concellería de Promoción Económica e Universidades ao abeiro dun convenio de colaboración e que teñen como propósito afondar en diferentes problemáticas sociais a través da combinación da reflexión e a representación escénica. Tras pór o foco o pasado ano na violencia machista, a saúde mental será neste 2022 o eixo temático dun evento que arranca o xoves 1 de decembro na Casa das Campás co espectáculo de baile e música tradicional galega DeMente, a cargo da compañía de Fran Sieira. Esta representación verase sucedida por un coloquio sobre prevención do suicidio co psiquiatra Andrés Fontalba e o ciclo completarase ao día seguinte na Facultade de Fisioterapia cun taller impartido por Miguel Muñoz-Cruzado, presidente da Asociación Española de Fisioterapeutas en Salud Mental. 

Reflexión, prevención e abordaxe clínica

“Os problemas de saúde mental son, por desgraza, un tema moi candente na nosa sociedade”, sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, do eixo temático dunhas xornadas abertas a toda a cidadanía e organizadas coa colaboración da Facultade de Fisioterapia. Da súa apertura encargarase, o xoves 1 ás 17.30 horas, o bailarín e coreógrafo Fran Sieira, que traballou nos últimos anos con compañías como Nova Galega de Danza e grupos como Tanxugueiras, ás que acompañou cunha coreografía deseñada por el sobre o escenario do Benidorm Fest. Nestas xornadas, a compañía de Sieira presentará na sede da Vicerreitoría unha adaptación de DeMente, un espectáculo que pon o foco nos estigmas que rodean unhas patoloxías que, como sinala o texto de presentación da obra, “sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas”, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Unha hora máis tarde, a actividade continuará na Casa das Campás cun coloquio co psiquiatra Andrés Fontalba, subdirector médico da Área Sanitaria Norte de Málaga. No seu relatorio, o tamén profesor asociado da Universidad de Málaga porá o foco na prevención en materia de saúde mental e nos estigmas asociados a este tipo de patoloxías, á vez que buscará achegar ao público asistente ferramentas que lles axuden na identificación de “signos e síntomas relacionados co suicidio”, como explica a profesora da Facultade de Fisioterapia, Rocío Abalo. 

O venres 2, estas Xornadas de Creación e Pensamento trasládanse a este centro, onde ás 17.00 horas terá lugar un coloquio e un taller centrado no papel que pode xogar a fisioterapia na avaliación e tratamento de trastornos mentais, a cargo do presidente da Asociación Española de Fisioterapeutas en Salud Mental, Miguel Muñoz-Cruzado Barba, profesor colaborador da Universidad de Málaga. Aberto tamén ao público, trátase dunha actividade que permitirá á súa vez achegar o alumnado de Fisioterapia ás intervencións específicas que estes profesionais poden realizar no tratamento de determinadas patoloxías mentais.