DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De xeito totalmente aberto e gratuíto a través do Campus Remoto

Conferencias, talleres e seminarios dan forma a unha nova edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo

O programa arranca este martes cunha conferencia de Luz Baz Abella, coordinadora en España da ITF

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 08/03/2021

Diferentes profesionais vencellados ao sector marítimo-portuario participaran desde este martes e ata o vindeiro mes de maio nunha  nova edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo, unha actividade impulsada pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo e que este ano cumpre dez anos. “Nesta edición destacaría, novamente, o ter involucrado a excelentes profesionais relacionados con estes sectores, que xa teñen participado neste ciclo”, subliña o decano da Facultade, Francisco Torres, coordinador do ciclo xunto á docente Mª del Carmen Costas. “Trátase, en todos os supostos, de persoas firmemente convencidas da utilidade dunha formación universitaria pública de calidade e coa necesaria imbricación e transferencia de coñecemento entre empresa e Universidade”, recalca Torres.

O ciclo inclúe conferencias, talleres e seminarios de carácter máis específico. O programa arranca mañá martes, de 17.00 a 18.30 horas, cunha conferencia de Luz Baz Abella, coordinadora en España da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte, unha profesional moi familiarizada cos problemas pesqueiros e que tamén coñece en detalle as dificultades das mulleres para acceder ao traballo no mar. Nesta ocasión, impartirá o relatorio Aspectos de traballo marítimo: actividade da ITF e normativa internacional, centrado nos aspectos fundamentais do convenio sobre traballo marítimo, da actividade da ITF e na función inspectora.

A seguinte cita será o 23 de marzo co taller Operativa de consignación de buques, que se encargará de impartir Roi Gómez,  xerente de adquisicións do grupo Kaleido Logistics. Trátase de que as persoas asistentes poidan estudar con detalle a través dun caso práctico os conceptos básicos, funcións e responsabilidades relacionados coas empresas consignatarias. Para o mes de abril están previstas dúas sesións.  A primeira, o día 13, chegará da man de Antonio Quirós, avogado especialista en Dereito Marítimo, integrante do despacho Avante Legal, que exporá un caso práctico sobre diferentes aspectos relacionados coas coberturas do seguro de protección e indemnización, coñecido como P&I (Protección and Indemnity insurance). Posteriormente, o día 27, Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo SA, impartirá o taller práctico Operación de comercio internacional con transporte marítimo de contedores.

O programa pecharase en maio cunha xornada sobre innovación no sector marítimo

“Se ben este ano o máis probable é que as actuais restricións sanitarias impidan a tradicional visita ao porto de Vigo, o programa incorpora unha xornada específica centrada en certos aspectos xurídicos da navegación e o uso dos denominados buques autónomos”, salienta Torres. Esta actividade, bautizada como II Xornada de innovación no sector marítimo: dereito e buques autónomos, será o 10 de maio e contará coa participación do profesor titular de Dereito Mercantil da Universidade do País Vasco, José Manuel Martín Osante, e as avogadas Beatriz Huarte Melgar,  especialista en Dereito marítimo e pesqueiro, da firma de avogados e economistas Lener, e María Vidal, directora da oficina de Londres de Atlantic Insurance & Reinsurance  brokers, provedor de seguros especializado no sector marítimo, transporte e enerxía.

O ciclo levarase a cabo nesta ocasión baixo a modalidade de docencia mixta, combinando a presencialidade na aula B1 da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo, con capacidade limitada a 18 postos, nos que terán prioridade o alumnado da materia de Dereito marítimo, e a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo –sala de xuntas1-. “Coma en todas as edicións o ciclo é totalmente aberto e gratuíto para calquera persoa interesada que queira asistir”, subliña o coordinador, ao que engade que para solicitar a clave de acceso se debe remitir un correo electrónico a algún dos coordinadores: ftorres@uvigo.es ou carmencostas@uvigo.es.