DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase os días 27 e 28 de maio na sede da Vicerreitoría do campus

Un congreso internacional afondará na formación do alumnado en creatividade

Organizado por profesorado de CCSS e da Comunicación e da Universidade do Minho

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 26/04/2021

Desde hai preto de vinte anos, profesores e profesoras de creatividade publicitaria de diferentes universidades españolas reúnense cada dous anos nun simposio dirixido a pór en común diferentes experiencias e estratexias docentes. Na última edición deste encontro, que tivo lugar en 2018 en Valencia, decidiron dar un paso adiante e sumar a este encontro un congreso que achegase as diferentes temáticas obxecto de análise a estudantes ou investigadores. Xurdiu así o I Congreso Internacional Creatividad y Universidad, que se desenvolverá os días 27 e 28 de maio en Pontevedra, baixo a organización de profesorado das universidades de Vigo e do Minho. Inicialmente previsto para 2020, a covid-19 obrigou a adiar ao presente ano un encontro que, baixo o lema de Pensar creando, crear pensando, buscará afondar na importancia da creatividade como “unha capacidade para resolver problemas”, como sinala a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Montse Vázquez.

“A nosa intención era darlle un enfoque máis amplo ao simposio, poder abrilo tamén ao alumnado e aproveitar eses días para traer máis conferenciantes, organizar unha mesa con profesionais....”, salienta Vázquez, responsable da coordinación deste congreso xunto cos tamén docentes da facultade Ana Belén Fernández Souto e Iván Puentes e a profesora da Universidade do Minho Teresa Ruao. Coas súas inscricións abertas, a previsión inicial é que este evento poida desenvolverse de xeito presencial os días 27 e 28 de maio na sede da Vicerreitoría do campus, aínda que a organización mantén aberta tanto a posibilidade de desenvolvelo de xeito semipresencial como de forma virtual, en función da evolución da situación sanitaria. 

Como ensinar o “que non se pode ensinar”

A concepción da creatividade como “unha capacidade para resolver problemas que parte dunha serie de habilidades que todos temos, aínda que non sempre saibamos desenvolver” fai desta, como sinala Vázquez, unha materia “difícil” de trasladar ao terreo da docencia. “Suponse que é algo que non se pode ensinar, pero hai moitas cousas que si se poden aprender e cuestións que podes aprender a ensinar”, engade a investigadora do grupo CP2 do eixo central dun congreso que buscará tamén pór de relevo a importancia da creatividade como unha “calidade obrigada na sociedade actual”, máis aínda tralo “terremoto mundial que a covid-19 significou”.

O congreso abrirase o xoves 27 cunha conferencia do catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad Complutense de Madrid Francisco García, sobre a “creatividade no mundo actual”, que, como sinala Vázquez, “seguro que será absolutamente diferente da que formulaba no 2020”, cando comezou a definirse o programa dun congreso finalmente adiado. Tamén nesta  xornada, Teresa Rúao e Sara Balonas afondarán nos vínculos entre universidade, investigación e empresa nun relatorio no que presentarán o Create Lab, “un laboratorio que desenvolven desde a Universidade do Minho, pero que ten tamén moita presenza de profesionais e no que antigos alumnos levan a cabo diferentes proxectos”.

Tamén o xoves, desenvolverase o décimo simposio de profesores de creatividade, que, como explica Vázquez, porá o foco en cuestións como os cambios que para a docencia de creatividade publicitaria supuxeron, en aspectos como as prácticas, a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior ou as novas ferramentas comunicativas e tecnolóxicas.

Creatividade no camiño profesional

O venres 28, o congreso acollerá unha mesa de debate na que diferentes profesionais formadas na facultade relatarán o seu percorrido e as experiencias laborais que viviron tras rematar a etapa universitaria. O obxectivo, sinala Vázquez, é afondar en “como esas habilidades” que implica a creatividade “fóronas levando por diferentes camiños e axudáronas a superar obstáculos”. Moderado por Fernández Souto, neste coloquio participarán Ana Moas, deseñadora da axencia Metronoventa e que na súa etapa como alumna fora unha das finalistas do concurso Versus, do Club de Creativos; así como a creativa de DoubleYou Umá de Oliveira, unha das estudantes da facultade que en 2017 gañaba o premio a novos creativos do Festival Iberoamericano de Comunicación Públicitaria El Sol. Xunto a elas estará a tamén egresada Mónica Bastón, responsable da forma Leónlagata, que levou a súa traxectoria profesional “cara outra rama completamente diferente e creou a súa propia marca de deseño de xoias”, así como a egresada da Universidade do Minho Paula Machado.

O congreso completarase cunha conferencia de Jesús Pérez Seoane, da Dirección Xeral de Medios da Xunta de Galicia, que abordará a creatividade publicitaria desde o punto de vista das campañas institucionais, pondo o foco, entre outras cuestións, en como desde a administración autonómica "foron abordando as diferentes campañas sobre a covid-19”.