DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, 

Un congreso internacional reunirá en Ons especialistas en relacións públicas de España e Portugal

Combinará a modalidade presencial coa virtual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/06/2021

No seu obxectivo de fomentar e dar visibilidade ás relacións públicas como disciplina académica e como profesión, a Asociación de Investigadores en Relacións Públicas (AIRP) organiza cada ano un congreso internacional que reúne expertos e profesionais tanto de España e Portugal como de América Latina. Neste 2021, a Universidade de Vigo exercerá por terceira vez como anfitrioa deste encontro, que desta volta terá Ons como sede. Coordinado polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto e Iván Puentes, o XV Congreso Internacional de Investigación en Relacións Públicas desenvolverase na illa entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, combinando a participación presencial de preto de 80 investigadores e investigadoras co seguimento virtual a través de Campus Remoto. De feito, o congreso conta con preto de 250 inscritos e inscritas, que presentarán nas súas seis mesas de comunicacións un cento de investigacións.

“A diferencia doutros congresos que, aínda que poidan ter unha liña prioritaria, abordan a comunicación desde unha perspectiva máis xeral, este ten unha vocación moi específica, que é traballar e potenciar exclusivamente as relacións públicas”, sinala Puentes. Nese senso, o investigador do grupo CP2 pon de relevo que, fóra do ámbito académico, existe un problema de “identificación” cun ámbito profesional que xoga "un papel “clave nas estratexias de comunicación de empresas e organizacións", pero “ao que se lle denomina de moitas formas diferentes; comunicación organizacional, comunicación estratéxica, dirección de comunicacion..., agás como relacións públicas”.

Na illa e na rede

A diferencia das edicións organizadas en 2011 e 2017, que tiveron como sede a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o congreso desenvolverase na illa de Ons, combinando por primeira vez a modalidade presencial coa virtual. Este cambio permitirá, nun contexto de pandemia, que o evento se desenvolva “nun parque nacional perfectamente aforado, con grandes espazos naturais ao aire libre” e coa vontade de “facer o maior número de actividades posibles” no exterior, sinala Puentes. Ao mesmo tempo, o congreso organizado coa colaboración da facultade, a Vicerreitoría do campus e a Deputación de Pontevedra busca tamén “contribuír á difusión das Rías Baixas como un destino turístico seguro”, xa que, engade o seu codirector, “entendemos que a Universidade ademais de ser un axente científico e académico ten que ser tamén un axente económico”.

Dada a situación xerada pola covid-19, prevese que preto de 80 inscritos e inscritas participen de xeito presencial neste evento ao longo das súas tres xornadas. “Para non exceder os aforos, primamos que viñese unha persoa por comunicación e que o resto asistise de forma virtual”, explica Puentes dunha edición que igualou o “récord de participación” acadado en 2019 nas Azores, con 250 inscritos e inscritas. Deste xeito, prevese que acudan a Ons investigadores e investigadoras españois e portugueses, aos que se sumarán, de xeito virtual, "unha parte importante" dos inscritos e inscritas do país luso, así como investigadores de América Latina, “principalmente de Brasil, Arxentina e Ecuador”. 

As relacións públicas ante unha “crise da confianza”

Comunicar en la economía y sociedad de la confianza é o título desta edición dun congreso que buscará pór o foco "nunha clave básica nas novas estratexias de comunicación”. Como destaca Puentes, “a sociedade actual está marcada por unha crise de confianza”, que afecta tanto ao ámbito institucional como ao empresarial e que que fai “que o gran reto das relacións públicas sexa establecer relacións de confianza entre as organizacións e os seus públicos”. Este reto será un dos aspectos a abordar nas seis mesas de presentación de comunicacións que forman parte do programa deste evento, no que tamén se porá o foco noutra serie de cuestións como o ensino das relacións públicas, as novas prácticas profesionais ou o papel que xogan na comunicación política e na “loita contra a desinformación”, como explica Puentes.

A comunicación política será así mesmo o eixo da conferencia de clausura, a cargo do profesor da Universidade do Porto Fernando Vasco Moreira Ribeiro, mentres que o relatorio inaugural, impartido pola docente da Universitat Oberta de Catalunya Laura Verazzi, porá o foco, “nalgo que moitas veces se traballa menos, que son as relacións públicas internas, dentro das empresas e organizacións”. Así mesmo, no marco do congreso procederase á entrega dos premios que a AIRP outorga aos mellores traballos de fin de grao e mestrado sobre relacións públicas.