DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consello de Campus

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 18/03/2021

Como unha “titulación irrenunciable” para o Campus Crea definiu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o futuro grao en Deseño, que se atopa nestes intres no proceso de avaliación previo á súa implantación. Nunha sesión do Consello de Campus de Pontevedra, Reigosa sinalou que a súa previsión é que esta nova titulación “estea aprobada en breve”, máis ao mesmo tempo recoñeceu tamén que será “difícil” que a tramitación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) complete esta avaliación nun período que faga posible a súa posta en funcionamento o vindeiro curso. “Polo tanto, é posible que finalmente quede para o curso 2022-2023”, recoñeceu Reigosa.

“Se dera tempo, desde logo, nós temos todo preparado para que o grao se puidera implantar no curso 2021-2022”, engadiu o reitor, que este xoves presidiu a xuntanza deste órgano colexiado, que combinou a asistencia presencial e virtual e se completou cos informes do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. Na súa intervención, Reigosa explicou que a memoria do grao en Deseño atópase pendente dun proceso de avaliación externa e amosouse “optimista respecto de que poida aprobarse en breve”.

Convenio co Concello e Facultade de Enfermaría

Reigosa abordou tamén as xestións para a creación dunha futura Facultade de Enfermaría, na que se integrarían ás actuais escolas universitarias, dependentes de institucións públicas, de Pontevedra, Vigo e Ourense. “Temos un preacordo coa Deputación de Pontevedra e contamos ter pronto un acordo tamén coa Consellería de Sanidade e coa Consellería de Educación”, salientou o reitor, que explicou que se trataría dunha facultade con tres sedes e unha dirección común. “Para nós o importante é que o alumnado desas escolas sexa alumnado UVigo a todos os efectos", subliñou.

No seu informe, o reitor referiuse tamén á xuntanza que o pasado luns mantivo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respecto do convenio que Universidade e Concello asinarán proximamente e que implicará, por unha banda, a cesión da parcela na que a administración local prevé instalar un skate-park, e, por outra, a realización por parte do Concello “dun estudo da remodelación do campus”. O propósito desta acción, sinalou, é tratar de “estender o modelo de cidade no campus”, e promover, en función do que ditamine este estudo, accións que contribúan a facer “máis amigable” o espazo exterior ás diferentes facultades.

Reigosa anunciou tamén que “en breve” iniciaranse os traballos para a construción dun “ximnasio tecnificado” na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, unha instalación que se destinará tanto a cuestións de docencia como de investigación. O reitor fixo tamén balance das medidas de prevención da covid-19 implantadas na institución académica e da incidencia da pandemia na comunidade universitaria, á vez que se referiu á conmemoración do 30 aniversario de Belas Artes, á que o Centro Galego de Arte Contemporánea dedica unha exposición, "que amosa o moito talento que saíu da facultade”. 

Novo mapa de titulacións

O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado centrou o seu informe no inicio da negociación do novo mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia. “Por agora, estamos definindo o marco. Non hai aínda discusión sobre titulacións concretas”, salientou Ramos, que presentou unha análise da situación xeral do campus, “en base a que poder definir un pouco as necesidades”. Neste aspecto, o vicerreitor puxo énfase na “boa situación” do campus pontevedrés no referido ao interese que espertan as súas titulacións, “para as que hai moita máis demanda de alumnado que oferta, co cal temos marxe para un certo crecemento”. 

Diferentes actuacións no campus

Previamente, o vicerreitor do campus lembrou no seu informe as diferentes accións impulsadas nos últimos meses, como a elaboración dunha diagnose do estado da iluminación exterior do campus, a posta en servizo dunha marquesiña na que o alumnado poida agardar o autobús ou a instalación dun embarcadoiro, que está a ter “un alto uso por parte da comunidade universitaria”. Soto abordou tamén as diferentes iniciativas que, no marco do Campus Crea, está previsto desenvolver coa colaboración do Consello Social da Universidade, entre as que figura a elaboración dun catálogo de servizos dos grupos de investigación; á vez que fixo balance das diferentes iniciativas levadas a cabo no eido cultural, como a conmemoración do Día de Rosalía ou a renovación do convenio coa Semana Galega de Filosofía.