DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa última reunión neste 2020, celebrada de xeito semipresencial

O Consello de Campus aborda os trámites do Grao en Deseño e a aposta polas enerxías renovables

A sesión completouse cos informes dos vicerreitores do campus e Economía e Comunicación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 18/12/2020

Combinando a asistencia presencial, na sede da Vicerreitoría, co seguimento virtual a través de Campus Remoto, o Consello de Campus de Pontevedra desenvolveu este venres a súa última sesión neste 2020, na que, entre outras cuestións, o reitor, Manuel Reigosa, abordou o estado no que se atopan os trámites de cara a implantación do grao en Deseño, así como o avance nas obras da planta de biomasa. A xuntanza completouse cos informes do vicerreitor do campus pontevedrés, Jorge Soto; do vicerreitor de Economía, José María Martín, e da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

Á espera dun informe externo

No referido á implantación do Grao en Deseño, Reigosa explicou que se atopa “pendente dun informe externo, de persoas alleas ao Sistema Universitario de Galicia”, solicitado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. “Estamos á espera de que chegue ese informe e imos intentar que a Secretaría Xeral de Universidades dea o visto bo, se é posible, a tempo para que poidamos implantalo no curso 2021-2022”, salientou Reigosa, que lembrou que, unha vez se conte con ese informe externo, a proposta terá que someterse á súa “avaliación interna, a través da ACSUG”. O reitor subliñou que se trata dunha “titulación irrenunciable, que debe estar no campus de Pontevedra”, pola que “apostamos e seguiremos apostando”. Neste punto, Reigosa lembrou que se trata dun grao “que encaixa perfectamente nas liñas de especialización do Campus Crea, que é seguramente a titulación máis acaída que puideramos pensar para este campus”, e que ademais de que “pensamos que vai ter tirón en materia de captación de alumnado”, pode contribuír “a que se establezan sinerxías con outras titulacións”, así como a “atraer novo talento investigador” a Pontevedra. 

Aposta polas enerxías renovables

Neste último Consello de Campus de 2020, Reigosa informou tamén de que “a primeira fase do noso plan de sostibilidade enerxética do campus” atópase próximo ao seu remate. No marco da aposta da institución académica polas enerxías renovables, en Pontevedra fíxose “unha aposta” pola instalación dunha planta de biomasa, da que “en breve teremos rematada a primeira fase”. Trátase, lembrou, dun “pequeno district heating” que subministrará o calor xerado pola biomasa “en distintos edificios” e que se suma aos paneis fotovoltaicos das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. Reigosa lembrou que se trata dunha actuación financiada nun 80% pola Xunta de Galicia, e que tras esta primeira fase virán unha segunda e unha terceira xa que, sinalou, “aspiramos a que os tres campus” poidan levar a cabo a maior parte do seu “esforzo” enerxético a través de renovables. Isto suporía, en primeiro termo un “abaratamento dos custos” neste eido, pero tamén, algo “seguramente máis importante”, pór de relevo o “papel dinamizador dunha contorna ecoloxicamente sostible” por parte da Universidade, algo que, lembrou, “concorda especialmente”, no caso de Pontevedra, co programa Green Campus.

No seu informe, o reitor abordou tamén a compra de equipamentos informático para o profesorado que no segundo cuadrimestre impartirá docencia nas Aula Integra, nas que se combina o alumnado que asiste de xeito presencial con aquel outro que segue as clases de xeito telemático. Segundo explicou, “moito antes de que empece o cuadrimestre” estará completado o proceso de compra de ordenadores con pantalla táctil para este profesorado e tamén dun “número maior” de equipos, que permitirá “ter cuberta a posibilidade de que teñamos que impartir docencia online”, no caso de que a situación sanitaria o requirise. 

Diferentes actuacións no campus

O vicerreitor Jorge Soto, pola súa banda, deu conta de diferentes actuacións acometidas recentemente, como a renovación do sistema de videovixilancia, o lanzamento da revista científica internacional do Campus Crea, ou a sinatura, este mércores, dun convenio de colaboración co Foro Empresa Pontevedra. Facendo balance, o vicerreitor sinalou que ao longo de 2020 realizáronse 117 intervencións de mantemento nos diferentes centros, que supuxeron un investimento de máis de 227.000 euros, ao tempo que se referiu a algunhas iniciativas previstas para os próximos meses. A vindeira semana, anunciou, está prevista a instalación dunha marquesiña para o alumnado que agarda no campus polo autobús e entre os proxectos nos que se traballa de cara aos próximos meses figuran, entre outros, a ampliación da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario ou a creación dunha “aula medioambiental” nunha parcela situada trala Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Liñas orzamentarias e plan de comunicación

Nesta xuntanza, o vicerreitor de Economía informou das liñas estratéxicas orzamentarias da Universidade cara 2021, presentadas o pasado luns no Claustro. José María Martín Moreno explicou que, á falta da aprobación por parte do Consello de Goberno e do Consello Social, a UVigo contará en 2021 cun orzamento de 184.640.912 euros, á espera das novas partidas procedentes de fondos autonómicos, estatais e europeos para infraestruturas e programa de I+D+i. Ademais, o vicerreitor de Economía realizou un repaso das actuacións acometidas nos anos 2019 e 2020, á vez que abordou en que “nos imos centrar principalmente en 2021”, ano no que, lembrou, está previsto que se proceda á negociación do novo plan de financiamento das universidades do SUG. Por último, Martín Moreno informou tamén aos e ás integrantes deste órgano colexiado dos criterios polos que se procedeu “ao reparto do orzamento polos distintos centros da Universidade de Vigo”.

A sesión completouse co informe no que a vicerreitora Mónica Valderrama, presentaba o Plan de Comunicación da Universidade, o primeiro deste tipo co que conta a institución e que busca promover unha “harmonización” na súa comunicación, así como mellorar a súa visibilidade. A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais referiuse así mesmo ás Pautas básicas de publicación nas redes sociais da Universidade de Vigo, un documento que recolle unha serie de recomendacións que permitan ás persoas que xestionan diferentes perfís en redes sociais no seo da institución desenvolver este labor dun xeito harmonizado e coherente. Valderrama afondou tamén no labor promocional que se está a realizar do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable do Campus Crea, tendo en conta ademais que este programa, lembrou, “é un xeito de amosar como as diferentes titulacións do campus poden atopar motivos de sinerxía”.