DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consello de Goberno

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 22/12/2025

A 251.111.612 euros ascende o orzamento da UVigo para 2026 aprobado este luns polo Consello de Goberno con 33 votos a favor, seis en contra e seis abstencións. Cun incremento de pouco máis de 2,7 m€ (1,1%) respecto de 2025, os orzamentos para o vindeiro ano, serán sometidos o 29 de decembro a aprobación do Consello Social, último trámite antes da súa validación definitiva. 

O visto e prace do órgano de goberno da UVigo a un orzamento récord para o ano que vén, foi o punto máis destacado da orde do día do derradeiro Consello ordinario de 2025 no que tamén se aprobou o teito de gasto, “axustado á regra e que garante o reforzo da prestación do servizo público pola Universidade de Vigo”, asegurou a xerenta, Yolanda Lesmes, na súa intervención. Na sesión celebrada este luns tamén se deu luz verde ao límite de prazas de grao e mestrado para o vindeiro curso e os premios extraodinarios de grao do curso 24/25, así como á creación de 30 prazas de catedrático e 30 de titular con cargo á Oferta de Emprego Pública (OEP) de 2024.

Cómpre lembrar que logo da derradeira sesión ordinaria do Consello de 2025, celebrada hoxe, mañá martes, o órgano de Goberno da UVigo volverá reunirse, desta volta, en sesión extraordinaria para aprobar o acordo de descentralización do Grao en Medicina. 

Orzamento de ingresos e gastos

Na súa intervención na sesión deste luns, a xerenta da UVigo volveu debullar o máis destacado dos orzamentos de 2026, empezando polos ingresos, nos que as transferencias correntes (capítulo IV) representan un 64,89% do total (162.934 millóns de euros), cun incremento de 6,5 m€ respecto de 2025. Por detrás deste capítulo, no que se computan todos os ingresos por subvencións correntes que a Universidade recibe da Xunta de Galicia (147.9 m€); da Administración Xeral do Estado para programas como Campus Rural, María Goyri e Erasmus (10.8 m€); así como doutros organismos e entidades públicas e privadas, sitúanse as transferencias de capital (capítulo VII), que superan neste orzamento os 42 millóns, o que representa un 16,8% do total. Pola súa banda, o capítulo de variación de activos financeiros, que inclúe os ingresos por reintegros de préstamos ao persoal e o remanente de tesouraría, representa o 11,25%, cunha cifra que supera lixeiramente os 28 m€. Completan a previsión orzamentaria de ingresos, dunha banda, as taxas, prezos públicos e outros ingresos (capítulo III) (6,75%) que ascenden a 16.950.951 m€, dos que máis de 13 corresponden a dereitos de matrícula e servizos académicos por titulacións oficiais, e, doutra, os ingresos patrimoniais (capítulo V), que ascenden a 725.000 euros.

En canto á distribución do orzamento de gastos por capítulos, o de persoal (capítulo I) representa a maior porcentaxe cun 59,12% e 148,45 millóns de euros, cun incremento de algo máis de 2,7 m€ respecto do 2025, que recolle o gasto afectado do programa Maria Goyri. Pola súa banda, o capítulo de investimentos reais (capítulo II), asociados ao funcionamento, proxectos de investigación, equipamentos, investimentos en infraestruturas informáticas, equipamentos deportivos e outras infraestruturas,  ascende neste orzamento a 59,11 millóns (23,54%), mentres que o de gastos correntes en bens e servizos (capítulo II), que ten unha previsión dos custos das subministracións e servizos en fase de licitación, tales como a limpeza e outros que se van ver afectados polo incremento dos prezos do consumo, sube a case 34 m€ (13,54%). 

En relación cos programas de gasto que máis peso teñen no conxunto do orzamento no 2026, o relativo a goberno e administración sitúase en primeiro lugar con 156 millóns de euros (62%), seguido do programa para investigación e transferencia que roza os 52 m€, que inclúen os algo máis de 9 millóns para proxectos internacionais; 2,8 para sostemento de centros de investigación e 1,5 m€ para contratos predoutorais e outras axudas á investigación. 

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero, interveu neste punto para dar detalle de investimentos por un importe de 8,6 millóns de euros, que se distribúen entre 6 m€ da construción do edificio de Enxeñaría Aeroespacial; 1 millón destinado a melloras de eficiencia enerxética; 1,7 para mantemento de edificios e instalacións e 820.000 euros para equipamento de laboratorios docentes e 300.000 para obras de remediación de radón. “Non comprometemos actuacións plurianuais porque este é un ano de transición e queremos que o equipo de goberno que veña teña as mans libres”, dixo Quintero.

Rexeitamento aos orzamentos

Na quenda de intervencións posterior á exposición dos detalles do orzamento algúns dos integrantes do Consello manifestaron o seu desacordo coas contas para o 2026, que por exemplo, para o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, “non fan ningunha previsión para a renovación profunda que precisan as instalacións de laboratorios de centros como a EEI”. O director da Escola tamén demandou un orzamento de acompañamento para solucionar o problema do radon, porque “medir está ben, pero actuar implica uns fondos que non temos”, unha demanda ante a que o vicerreitor de Planificación asegurou que se está elaborar un proxecto que proximamente será licitado.

Pola súa banda, o catedrático e candidato á Reitoría por Consenso, Jacobo Porteiro, anunciou a súa intención de votar en contra duns orzamentos que considera están “totalmente desequilibrados, porque se consumimos 7 millóns ao ano de remanente, non quedará”. Porteiro manifestou a súa contrariedade porque “non sabemos a que se dirixe ese remanente”. No mesmo sentido manifestouse o docente e investigador do Departamento de Dereito Público, Virxilio Rodríguez, para quen “tirar de remanente de tesourería para equilibrar e non poder definir o concepto de onde van eses 6 millóns de euros, non é razoable”. Para a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Dolores Garza, “as explicacións non son suficientes e lévase a Universidade a un punto perigoso”, asegurou, ao tempo de lamentou o escaso investimento destinado a edificacións que teñen máis de 30 anos. En contra do orzamento tamén se manifestou o decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Alvaro López Mira, porque desde a súa creación o centro “non se dotou de medios financeiros para poder avanzar todo o rápido que queremos. Somos un centro infradotado que recibe un terzo do que outros centros do seu tamaño”, asegurou.

En relación coa utilización do remanente, a xerenta reiterou que non está prohibido o seu uso e que a Universidade non ten débeda, así como que se están acometendo obras. “O orzamento estaría desequilibrado se houbese débeda”, dixo Yolanda Lesmes, ao tempo que sinalou que “se trata de non perder competitividade e garantir o servizo público”. Na mesma dirección, o docente e investigador do Departamento de Didácticas Especiais Vicente Romo asegurou que “o que non é eficiente é incorporar un remanente ano tras ano” e que a UVigo é unha institución saneada. “Este é un orzamento equilibrado e se no futuro hai tensión de tesourería, é facilmente solucionable”, asegurou. Mentres, a catedrática de Dereito Público Especial Carmen Ruíz Hidalgo afirmou que “lle parece gravísimo que se aprobe un orzamento e se deixe caer a dúbida de que non se fai correctamente”, así como que “a universidade presta un servizo público e non está para aforrar e acumular remanente”. Pola súa banda, a catedrática de Dereito Privado e secretaria xeral da UVigo, María José Bravo Bosch, tamén interveu neste punto para asegurar que a incorporación do remanente non implica un desequilibrio, “non xera déficit, nin altera o equilibrio orzamentario. É unha operación válida, legal, que non implica desviación financeira, que non compromete ingresos futuros, nin xera débeda”.

Aprobado o teito de gasto

Previa á aprobación dos orzamentos, na sesión de hoxe deuse luz verde ao establecemento do teito de gasto para o exercicio orzamentario 2026 por un importe de 251,1 millóns de euros, que segundo a xerenta “resulta axustado á regra de gasto e garante o reforzo da prestación do servizo público pola Universidade de Vigo”. Yolanda Lesmes explicou que, de conformidade coa taxa de referencia establecida polo Estado do 3,30% “que é a única que consta nun informe oficial e é a que se utilizou para os orzamentos de 2025, “o 29% dos ingresos e dos gastos están destinados a gasto afectado, sendo ese 29% o que se resta para calcular o límite de gasto”. Así, o total do gasto en 2026 pasa a ser de 251,1 millóns de euros; o total afectado restaríanse 74 millóns e o total dos capítulos VII e IX (gasto financeiro que tamén se restaría) 203.2000 euros, de xeito que o total non afectado non financeiro sitúase en 176,89 millóns de euros. “Na regra de gasto utilizamos o tope do 3%, co cal o incremento autorizado sobre o ano 2025 sería duns 5 millóns de euros. Isto dá un teito de gasto non financeiro de 181,9 millóns de euros e o orzamento plantéxase para os gastos non financeiros e non afectados de 176 millóns co cal se presenta un teito de gasto acorde coa regra  de gastos establecida”, detallou a xerenta.

Neste punto da orde do día o candidato de Consenso, Jacobo Porteiro, manifestou a súa estrañeza porque “cría que o noso teito de gasto o marcaba a Xunta que este ano é dun 1,6%”, ao que a xerenta respondeu que a administración autonómica utiliza esta porcentaxe derivada do sobrefinanciamento que ten sobre o teito de gasto do Estado. Os parámetros son distintos porque a Xunta fai o cálculo sobre ingresos e non sobre gastos”, explicou Lesmes, que tamén lembrou que a UVigo é a única universidade galega que establece teito de gasto.  

Solicitude de máis de 5600 prazas de grao e mestrado

Aprobado por asentimento, o Consello de Goberno deu o seu visto e prace aos límites de prazas de grao e máster para o vindeiro curso académico, que suman no seu conxunto 5610 prazas, ás que habería que sumar as correspondentes ás titulacións do Centro Universitario da Defensa (CUD), que son aprobadas polo Ministerio de Defensa. Presentada polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, trátase, como explicou, dunha solicitude de prazas “que ten que ser aprobada pola Secretaría Xeral de Universidades”, así como polo Consello de Docencia Clínica, no referido ás titulacións do ámbito de Ciencias da Saúde. 
 
No caso dos graos, aprobouse un límite de 3756 prazas de novo ingreso, catro máis das ofertadas no presente curso, sen ter en conta o grao que se imparte no CUD, onde está prevista a posta en marcha no curso 2026/2027 do novo Grao en Enxeñaría das Tecnoloxías Navais, en substitución do de Enxeñaría Mecánica. Alén desta titulación, está prevista a implantación o vindeiro curso do programa de simultaneidade en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, que contaría con dez prazas, reducíndose en cinco as que ofertan cada un destes graos da Facultade de Comunicación. Así, Publicidade e Relacións Públicas pasará a contar con 95 prazas de novo ingreso e Comunicación Audiovisual con 45.
 
Ademais, solicítase un incremento de cinco prazas no Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, co propósito de que poida ofertar un total de 70; e de dúas no grao da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, que pasan de 55 a 57. Así mesmo, proponse unha redución de tres prazas no Grao en Enxeñaría en Organización Industrial, que pasa de 64 a 61.
 
No referido aos mestrados, o límite de prazas aprobado ascende a 1854, 98 máis das ofertadas no presente curso. A falta da súa aprobación definitiva, en varios dos casos, explicou Lago, está prevista a posta en marcha de catro novos másters no curso 2026/2027. Unha destas novas titulacións sería o mestrado en Vehículos Autónomos, un título “interuniversitario entre as tres universidades públicas galegas”, que contaría con oito prazas na UVigo. Esta titulación está pendente da verificación da ACSUG, ao igual que Química Teórica e Modelización Computacional, un título “coordinado pola Universidad Autónoma de Madrid e no que participan varias universidades españolas”. En Vigo contaría con cinco prazas, mentres que tería oito o novo máster en Traballo Social no Ámbito Sanitario, un título “coordinado pola Universidad de Castilla-La Mancha, no que participan seis universidades españolas”, apuntou o vicerreitor, que explicou que esta titulación está pendente da verificación da Aneca. A cuarta novidade será o Máster en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas, con dez prazas, cuxo inicio “foi adiado este curso” e porase en marcha no 2026/2027.
 
Por outra banda, o máster en Enerxía e Sostibilidade, “que quedou en suspenso” no presente curso e volvería ofertarse o próximo, con 30 prazas. Con ese mesmo número contaría tamén o mestrado en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación dos Produtos na Pesca, “que se oferta bianualmente”. Ademais, solicítase o incremento de cinco prazas no máster en Mecatrónica, que pasaría de 30 a 35; e en dúas as de Dirección e Innovación da Cadea de Subministro, que pasa de 33 a 35, á vez que non se produciría a extinción de ningún mestrado.
 
O Consello de Goberno deu así mesmo o seu visto e prace ás programacións docentes anuais (PDA) de titulacións de grao e de máster para o curso 2026/2027, ás que, como sinalo Lago, non presentan “novidades importantes”, alén da “incorporación dos novos cursos dos títulos verificados e modificados en convocatorias anteriores, coa súa correspondente programación docente anual”.  

53 premios extraordinarios de grao 

Durante a sesión acordouse conceder os Premios Extraordinarios de Grao correspondentes ao curso 2024/2025 a 53 egresadas e egresados da Universidade de Vigo, concretamente a 31 mulleres e 22 homes. No campus de Vigo estes galardóns recaeron en 23 persoas (10 mulleres e 13 homes): oito da Escola de Enxeñería Industrial; tres de Filoloxía e Tradución; dous de cada un dos seguintes centros: Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Escola de Enxeñaría de Miñas e Enerxía e Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; e un dos seguintes: Bioloxía, Comercio, Ciencias do Mar e Química. 

No campus de Ourense as persoas premiadas son 13 (nove mulleres e catro homes). Catro son da Facultade de Educación e Traballo Social; tres da Facultade de Ciencias; dous de Ciencias Empresariais e Turismo e un de cada un dos seguintes centros: as facultades de Dereito e Historia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Polo que respecta ao campus de Pontevedra, foron nove as e os premiados (seis mulleres e tres homes):  tres da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; dous de Comunicación e un de cada un dos seguintes centros: Belas Artes, Dirección e Xestión Pública, Fisioterapia e Escola de Enxeñaría Forestal. 

Tamén se concederon oito premios extraordinarios de grao do curso 2024/2025 a egresadas e egresados dos centros adscritos á UVigo. Seis deles recaeron en mulleres e dous en homes. Concedeuse un galardón por cada un dos centros: as escolas universitarias de Enfermaría de Ourense, da Deputación Provincial de Pontevedra, Meixoeiro e Povisa; o Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín; a Escola Universitaria de Profesorado de EXB María Sedes Sapientiae e o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa. 

Actualización de salarios no mes de xaneiro

No seu informe ao Consello de Goberno o reitor anunciou que a actualización de salarios do persoal da UVigo se levará a cabo en xaneiro e que os incrementos de 2026 se calcula que poidan estar en febreiro, “medidas que agardamos que poidan axudar a sobrelevar a costa de xaneiro”, recalcou Reigosa, quen tamén fixo públicas no seu informe as datas para a solicitude de sexenios: do 9 ao 30 de xaneiro para o persoal funcionario e do 9 de febreiro ao 2 de marzo para o laboral.

Asinado xa o memorando co RC Celta e con Metrodora, o reitor subliñou que a idea é darlle “certa velocidade” e que partir do 8 de xaneiro se comezará xa a traballar na posta en marcha dese novo centro adscrito “no que temos depositadas bastantes esperanzas de que sexa algo moi positivo, tanto para a Universidade de Vigo e o RC Celta como para o conxunto da sociedade galega”. Así mesmo, fixo tamén mención á celebración do Consello Galego de Universidades no que se deu o visto e bo a posta en marcha do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxía Naval para a Defensa no Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín co que se substituirá o Grao en Enxeñería Mecánica que se impartía ata o de agora, e que era idéntico ao impartido na Escola de Enxeñería Industrial. 

Outros temas

Na derradeira sesión ordinaria o ano aprobouse a creación de 30 prazas de catedrático  e 30 de titular con cargo á OEP de 2024. Tamén, se acordou simplificar o procedemento de quinquenios para facilitar o traballo dos departamentos e os centros e modificar a normativa de profesorado substituto recollendo as suxestións achegadas dende os servizos e os departamentos.

Dotura banda, tamén se aprobou por asentimento a elevación ao Consello Social da UVigo da proposta de aprobación da aceptación pola Universidade de Vigo dunha doazón da Asociación de Tradutores Galegos. Trátase da cesión gratuíta por parte desta entidade dos contidos que integran a súa Biblioteca Virtual da Literatura Universal en Galego (BIVIR), con obras traducidas ao galego da literatura universal que se atopan libres de dereitos de autor. Por último, renovouse o acordo para a equiparación do salario do persoal investigador Ramón y Cajal ao da figura de profesorado contratado doutor/profesorado permanente laboral, sen prexuízo de que se a convocatoria de axudas Ramón Cajal fixase unha retribución superior será de aplicación esta última. Por último, ratificáronse varios cambios de vogais no Comité de Publicacións e elixiuse a José Manuel García Eirín como representante do PTXAS na comisión de seguimento do Plan Estratéxico.