DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a primeira edición do MakerCamp

De consumidores de tecnoloxía a creadores tecnolóxicos

Rapazas e rapaces aprenden nocións de como programación, deseño e impresión 3D, robótica e videoxogo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
DUVI Ourense 16/05/2022

Este luns e martes, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle a primeira edición de MakerCamp, unha iniciativa organizada no marco do proxecto Interreg Emprende Makers que permite a 25 rapazas e rapazas achegarse dun xeito lúdico e práctico á programación, deseño e impresión 3D, videoxogos e robótica. A idea é fomentar que este colectivo, ademais de consumidores de tecnoloxía, sexan no futuro creadores dela.

Campamento tecnolóxico

A actividade está organizada polo Concello de Ourense, a través da área de Formación Ocupacional, Desenvolvemento Local e Promoción Económica, líder do proxecto Emprende Makers, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, membro tamén do proxecto. Emprende Makers, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, “busca fomentar o emprendemento en adultos pero tamén que as novas xeracións se acheguen a este mundo de oportunidades tecnolóxicas”. As rapazas e rapaces, apunta, xa son nativos dixitais e elementos como tabletas e robots forman parte do seu ocio. “O que queremos é que se acheguen tamén á programación desde pequenos”, afirma o responsable académico. Arredor da metade das e dos participantes neste primeiro campamento tecnolóxico son nenas, facendo fincapé Francisco Javier Rodríguez na importancia de rachar a fenda de xénero no eido TIC.

Pola súa banda, Nieves Fernández, técnica do proxecto Emprende Makers por parte do Concello de Ourense, subliña que “este MakerCamp está enmarcado dentro da actividade 3 do proxecto, que é Academia Maker, que pretende formar a mozos creadores e fomentar o talento” co obxectivo final de que no futuro sexan emprendedores e emprendedoras. Trátase, afirma, de ofrecer un achegamento ás tecnoloxías maker, “que ao final son o futuro e incluso xa o presente”, e concienciar sobre como estas tecnoloxías permiten xerar novos empregos e novas formas de traballar. Por parte do órgano municipal, o taller tamén contou este luns coa visita do seu concelleiro de Promoción Económica, Armando Ojea.

No MakerCamp rapazas e rapaces de entre 8 e 11 anos levan a cabo actividades baseadas na experimentación e no descubrimento relacionadas co mundo maker e as novas tecnoloxías: construirán, programarán e controlarán robots pensados para o ámbito educativo; deseñarán e imprimirán as súas primeiras creacións en 3D; mergullaranse en mundos de realidade virtual e aprenderán a programar os seus primeiros videoxogos con linguaxes básicas visuais. “Ademais de pór aos nenos e nenas en contacto con estas tecnoloxías, o obxectivo destes talleres é fomentar neles a visión de inventores, de creadores, non só de consumidores de tecnoloxía”, sinala Pablo Novoa, docente da actividade. Nunha “contorna superestimulante” para elas e eles, engade, “teñen a percepción de que están xogando cando en realidade están aprendendo a programar, pensamento computacional e, segundo a idade, conceptos de electrónica, realidade virtual ou impresión 3D”. Ademais desta edición, a iniciativa volverá a repetirse o 27, 28 e 29 de xuño e o 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, contando cunha media de 25 participantes en cada campamento.

Proxecto Emprende Makers

O proxecto Emprende Makers foi aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Liderado polo Concello de Ourense, ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho. Ten como principal obxectivo crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa. Ademais, facilitará que as persoas interesadas (especialmente as máis novas) poidan acceder a un espazo e a unhas ferramentas que lles permitan desenvolver proxectos de carácter tecnolóxico e creativo dende a súa concepción e prototipado ata o seu testeo e adaptación ás necesidades do mercado e a súa posterior aceleración e lanzamento. Igualmente, o proxecto contempla poñer a disposición das e dos usuarios interesados unha serie de espazos e sistemas que fomenten o emprendemento e a creatividade na área de innovación.