DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Dolores María Garrido asinaron este xoves o acordo de colaboración

Un convenio coa Fundación Denis Suárez activa a participación do alumnado nas actividades deportivas

A vindeira semana haberá competicións e unha “gran festa” con música e xogos tradicionais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Deportes
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/09/2024

A Universidade de Vigo conta cun novo aliado na promoción do deporte, sobre todo entre os seus alumnos e alumnas. Trátase da Fundación Denis Suárez, un proxecto co que este futbolista galego, ex-céltico e na actualidade centrocampista no Villareal CF, busca empregar a actividade deportiva como unha ferramenta coa que axudar á sociedade galega a construír un futuro mellor. Así se explicou este xoves na sinatura dun convenio marco de colaboración entre ambas entidades, un acordo rubricado polo reitor, Manuel Reigosa, e a directora da fundación, Dolores María Garrido, nun acto que contou tamén coa participación da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e do director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Xabier Rial.

“Coa sinatura deste convenio cumprimos un obxectivo clarísimo deste equipo de goberno e que se refire á interacción cos distintos axentes sociais que están facendo labores moi importantes, neste caso no mundo do deporte”, explicou a vicerreitora Susana Reboreda, quen salientou que o acordo coa Fundación Denis Suárez abre unha porta “interesantísima” de cara a incentivar a participación do alumnado nas actividades deportivas, “algo que non sempre é doado”.

Pola súa banda a directora da fundación, Dolores María Garrido, agradeceulle ao reitor e á vicerreitora a “porta aberta” que atoparan na UVigo, a pesares de ser unha fundación de moi recente creación. “Arrancamos como un club deportivo no 2018 cumprindo un soño de Denis desde que iniciara a súa carreira profesional, pero en pouco tempo decatámonos de que o club quedaba pequeno para darlle acubillo a todas as actividades que tiñamos en mente relacionadas con fins sociais, polo que en 2023 decidiuse pór en marcha a fundación”, explicou Garrido, quen remarcou a importancia de “contar co apoio da Universidade de Vigo”, unha colaboración que supón tamén unha “gran responsabilidade que asumimos con moitísima ilusión”. 

Xornadas deportivas de benvida para a comunidade universitaria

A colaboración, formalizada hoxe a través deste convenio, vaise traducir “desde xa” en múltiples actividades. O primeiro evento será xa a vindeiras semana, trátase dunhas Xornadas deportivas de benvida para a comunidade universitaria, e pensadas especialmente para o alumnado que acaba de incorporarse ás aulas universitarias, organizadas de maneira conxunta pola Área de Benestar, Saúde e Deporte; as tres delegacións de estudantes de Ciencias Experimentais e a Fundación Denís Suárez.

“Estou segura de que esta competición é a primeira de moitas outras actividades que están por vir e nas que o alumnado terá un papel fundamental”, subliñou a vicerreitora, quen indicou que o acordo coa Fundación Denis Suárez foi “un enorme estímulo” que activou de xeito claro a participación do alumnado.  

As xornadas de benvida , tal e como explicou o director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Xabier Rial, desenvolveranse nas instalacións deportivas do campus de Vigo o mércores 25 e xoves 26. O primeiro día haberá competicións de equipos mixtos de baloncesto 3X3, fútbol 7, tenis de mesa e voleibol, e as finais serán ao día seguinte, cando tamén está previsto realizar unha” gran festa” á que están convidados e convidadas todo o alumnado da UVigo, participaran ou non na competición. “Será a última hora da mañá, entre as 13.00 e as 15.00 h”, indicou Rial quen explicou que haberá xogos tradicionais  e música, “coa idea de que sirva de punto de encontro e de que sexa algo que perdure no tempo. “A previsión é que participen arredor de 300 estudantes”, indicou Rial.

No caso da responsable da Fundación Denis Suárez  valorou moi favorablemente a experiencia que está a supor a colaboración na organización desta competición. “O feito de ter un traballo tan fluído e dinámico co alumnado é especialmente gratificante para nós”, apuntou Garrido, quen explicou que o labor da fundación consiste, sobre todo, en darlle “apoio absoluto e supervisión ao traballo que está facendo o alumnado, achegándolle ideas e colaborando con eles en todo o que poidamos”.

Vixencia inicial de catro anos

O convenio de colaboración UVigo-Fundación Denis Suárez terá unha duración inicial de catro anos, se ben a idea é que se prolongue no tempo. O texto asinado contempla a realización de diferentes actividades e proxectos de interese para ambas institucións, entre elas, o desenvolvemento de proxectos de investigación e a posta en marcha de cursos, conferencias, simposios ou seminarios. Así mesmo tamén se inclúe o intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos culturais de interese común ou a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade.