DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adquirirán competencias durante tres meses na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial

Convócanse dúas bolsas para a formación no campus de persoas con diversidade intelectual

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de decembro de 2021

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 29/11/2021

Ofrecer a mozas e mozos con diversidade intelectual formación práctica en dependencias da Universidade de Vigo que lles facilite a adquisición de estratexias, habilidades e competencias persoais e profesionais encamiñadas a completar a súa preparación para o seu acceso ao mercado laboral e acadar así maiores graos de autonomía e independencia persoal. Con este obxectivo convócanse dúas bolsas para a formación de persoas con diversidade intelectual no campus de Ourense.

A iniciativa, recóllese na súa convocatoria, xorde tendo en conta que a Universidade de Vigo, como institución pública do ámbito educativo, “desexa implicarse na inclusión social de persoas con discapacidade a través da formación, proporcionándolles experiencias inclusivas e de normalización dentro da universidade, non só no ámbito da formación regulada senón tamén da formación ao longo de toda a vida”. A convocatoria dá continuidade a outras similares realizadas en anos anteriores e que se viron suspendidas debido á situación sanitaria provocada pola covid-19.

Entre os 18 e os 30 anos

As bolsas convocadas son de formación na especialidade de auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial do campus, onde están ubicadas as facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. Os requisitos para solicitalas son posuír unha discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%; ter unha idade comprendida entre os 18 e os 30 anos; estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; contar co respaldo dunha entidade ou asociación especializada no apoio a persoas con discapacidade e estar inscrito no curso de capacitación no ámbito do emprego con apoio que se ofrece ao abeiro desta iniciativa.

As persoas beneficiarias terán unha titora, que exercerá ese papel contando co apoio e asesoramento da entidade ou asociación que respalda á persoa beneficiaria. As ou os seleccionados realizarán un curso de capacitación laboral no ámbito do emprego con apoio, cunha parte de formación teórica á que seguirán as prácticas no servizo de destino. A duración máxima do período formativo será de tres meses, que se desenvolverán xa no ano 2022. O número de horas de colaboración será de 20 horas semanais, en horario compatible coa actividade da unidade na que se desenvolve a formación. A dotación económica bruta será como máximo de 480 euros mensuais para cada beneficiario ou beneficiaria, contía que estará suxeita á retención do IRPF e ás obrigas de cotización á Seguridade Social establecidas na normativa vixente nestas materias. As e os bolseiros non adquirirán ningunha relación contractual, administrativa ou estatutaria coa Universidade de Vigo e as bolsas non suporán ningún compromiso de cara á posterior incorporación do bolseiro ou bolseira aos cadros de persoal da institución académica.

A convocatoria contempla dúas fases para o proceso de selección. Nunha primeira valoraranse aspectos como a formación da persoa solicitante e outras actividades desenvolvidas por el ou ela de especial relevancia realizadas ao longo da súa traxectoria persoal e nas que sexan valores importantes o traballo en equipo, a iniciativa profesional, a inquietude intelectual, a capacidade de empatía e a boa disposición cara a aprendizaxe. A segunda fase será unha entrevista presencial, co fin de que a persoa candidata poida pór de manifesto a súas habilidades sociais e o grao de autonomía persoal, así como o seu interese na formación. Nela, a ou o candidato poderá estar acompañada dun profesional da entidade que o apoia. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de decembro de 2021.