A iniciativa está financiada pola Deputación de Ourense
A convocatoria de axudas Inou 2026 destinará 59.000 euros a proxectos de investigación relacionados coa provincia
Os estudos serán desenvolvidos por grupos do campus
O financiamento de proxectos de interese para a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, apoiando as investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade. Con este obxectivo convócase unha nova edición, a correspondente a 2026, das Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou.
A iniciativa está financiada pola Deputación Provincial de Ourense ao abeiro do convenio anual asinado entre este órgano e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. A dotación máxima da convocatoria é de 59.000 euros, sendo a subvención máxima para cada proxecto, que se desenvolverá ao longo do ano 2026, de 5900 euros.
Con estas axudas quérese impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus dos diferentes ámbitos de coñecemento (Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Arte e Humanidades). Ademais, quérese contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia.
Prazo ata o 23 de febreiro
Poderá beneficiarse destas axudas o persoal investigador que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que forme parte dun grupo de investigación da Universidade de Vigo. Os proxectos realizaranse de forma individual, cun ou dous investigadores ou investigadoras principais e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar. Cada grupo de investigación só poderá liderar unha solicitude.
Coa finalidade de potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros do campus de Ourense, tamén terá a consideración de ámbito diferente para a súa avaliación os proxectos liderados por persoal investigador de distintas áreas de coñecemento do mesmo ámbito, sempre que as súas tarefas investigadoras se desenvolvan en diferentes centros e se xustifique axeitadamente.
O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o día 23 de febreiro. As propostas presentadas serán avaliadas por unha comisión formada polo vicerreitor do campus de Ourense e o director do Campus Auga, ou as persoas en quen deleguen; un representante da Deputación Provincial de Ourense e cinco persoas, unha por cada ámbito de coñecemento do campus de Ourense, pertencentes ao sector de persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo e vinculación permanente con, polo menos, un sexenio recoñecido.
O pasado ano 2025, foron doce os proxectos financiados ao abeiro da convocatoria Inou, abranguendo desde proxectos no eido científico, como un sobre a dixitalización de datos meteorolóxicos en Ourense para a ciencia aberta, ata o social, como un proxecto sobre a poboación centenaria ourensá.
