Trátase dunhas xornadas de empregabilidade inseridas no programa EmpregoinCampus
Un conxunto de actividades conectan o alumnado coa realidade profesional de diversos sectores
A iniciativa botou a andar en Fisioterapia e na EE Forestal
Promover un contacto directo entre o alumnado das diferentes facultades e escolas e as e os profesionais dos sectores nos que desenvolverán a súa traxectoria profesional é o obxectivo das xornadas de promoción do emprego organizadas pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio do Consello Social. Inseridas no programa EmpregoinCampus, que promove a Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, trátase dun conxunto de actividades dirixidas a “dar o alumnado unha visión xeral dos seus ámbitos laborais, de diferentes posibilidades de emprendemento ou das áreas que actualmente poden ter mellores saídas”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón. Coordinadas polos propios centros, co obxectivo de dar resposta “ás particularidades das diferentes titulacións”, trátase dunha serie de xornadas que arrancaron na Facultade de Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal e que continuarán nos primeiros meses do vindeiro curso.
Dando continuidade ao formato de mesas saídas profesionais do pasado curso, estas actividades dirixidas “a mellorar a inserción laboral do estudantado”, sinala Lantarón, “adáptanse as necesidades de cada un dos centros e á realidade laboral dos diferentes sectores”, combinando a participación de profesionais e empresas privadas coas de representantes de institucións e entidades do sector público.
Xornadas en Fisioterapia
No marco deste programa, Fisioterapia promovía nos últimos días unha xornada de orientación, dirixida principalmente a alumnado de último curso, que buscaba tanto amosarlles diferentes ámbitos laborais e de especialización como “a que comprendan a traxectoria que seguiron diferentes profesionais ata chegar a coordinar unha clínica ou traballar de forma autónoma”, apunta a vicedecana Alejandra Alonso. Con ese propósito, o encontro contou coa participación de Margarita González, da clínica Suturo, quen afondou tanto no implica a coordinación dunha clínica como no traballo na fisioterapia uroxinecolóxica; e de María Rodil, quen afondou no traballo por conta propia. Daniel Ferreiro, de Oximesa, abordou a especialización en fisioterapia respiratoria e "en como é o traballo a domicilio”, mentres Alfonso Freiro, supervisor do Servizo de Rehabilitación do CHOP, abordou o traballo tanto en centros de atención primaria como nos hospitais. A apertura da xornada correu a cargo da directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, quen puxo o foco en que o “punto de inflexión” que supón a saída ao mercado laboral require dun “proceso de reflexión”.
Previamente, esta programación botara a andar no mes de abril na EE Forestal cunha mesa inserida na programación da Semana Forestal 2025 e que tiña como obxectivo achegar ao alumnado as experiencias de profesionais formados neste centro. O encontro contou coa participación de Francisco Álvarez, director executivo de Ecowarm e presidente do Clúster da Biomasa de Galicia; Ana Rodríguez, directora de compras e vendas de Madeiras O Fragueiro; Fran Abilleira, xerente de Redenor, e da enxeñeira Noelia Méndez, da asociación de empresarios Lugomadera.
Como explica Lantarón, a programación de EmpregoinCampus continuará nos primeiros meses do curso 2025/2026 con novas iniciativas, como as mesas redondas que a Facultade de Comunicación centrará tanto no sector publicitario como no audiovisual. Belas Artes, pola súa banda, promoverá unha sesión centrada no ámbito profesional da arte, mentres que Dirección e Xestión Pública impulsará un encontro con institucións e empresas e Deseño acollerá seminarios e encontros, que se inserirán á súa vez na programación de Debut.