DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xabier Álvarez deixa a súa dirección despois de 15 anos de dedicación

O coro do campus abre unha nova etapa con Ruth González ao seu fronte

A nova responsable é unha das cantoras da agrupación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/09/2020

A pandemia da covid-19 mudou os plans vitais de moitas persoas. Entre elas está o ata agora director do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum Xabier Álvarez, que ao ser colectivo de risco decidiu deixar a dirección da agrupación coral despois de fundala e dirixila durante 15 anos. A proposta del, asume o cargo Ruth González, cantora desta formación. Entre a continuidade e a renovación, a súa nova responsable aposta por “un coro educador, aberto, cooperativo, inclusivo e interxeracional”.

Novos retos en tempos de covid-19

“Neste momento os meus sentimentos por dirixir o coro son de auténtica ledicia e moitísimo ánimo. Sinto moita enerxía que quero usar para seguir co labor humanitario, formador e artístico que comezou Xabier e que o coro siga na liña filosófica que fai del un punto de encontro interxeracional da comunidade universitaria e aberto á sociedade ourensá”, comenta Ruth González. Agradecendo a confianza depositada nela polo anterior director, a nova responsable da agrupación sinala como “a tarefa realizada por Xabier dende o seu comezo cun Obradoiro de Coro ata conseguir a aprobación e constitución oficial do Coro Universitario do Campus de Ourense, dotado dos seus propios estatutos e apoiado polo Consello de Goberno da Universidade, foi de moito esforzo, traballo, enerxía e paixón”.

A experiencia no mundo coral de Ruth González, lembra, comezou precisamente como cantora do Obradoiro de Coro do campus no ano 2007, formando parte desde entón e ata a actualidade do coro universitario ourensán. “Durante estes anos combinei a docencia en varias escolas de música coma profesora de frauta traveseira, linguaxe musical e coro e coma coralista en diversas formacións, coma a Capela Madrigalista de Ourense dende o 2016 e o coro de cámara Kantantibus dende o ano 2019”, apunta. Polo que respecta á experiencia en dirección, a traxectoria de Ruth González comezou en 2012 cando formou o Coro da Escola de Música de Barbadás, un coro infantil-xuvenil que aínda dirixe. Igualmente lidera dende o ano 2013 a Coral Polifónica Auria Canta e desde o 2016 o Coro Berea en Sober. “A música coral converteuse na miña paixón dentro e fóra da miña profesión e agradezo moito aos meus directores, compañeiros coralistas e mestres por facerme este inmenso agasallo que forma parte da miña vida”, subliña.

Na nova etapa que comeza á fronte do Coro Universitario do Campus de Ourense Ruth González sinala que “a expectativa a curto prazo é facilitar a todos os meus compañeiros a volta aos ensaios, comezando a traballar cun ritmo estable e onde sintan seguridade e ledicia, adaptando o repertorio ás condicións que vivimos nestes tempos”. Para poder afrontar o novo curso, engade, os obxectivos e os retos que se marca son deseñar, establecer e aprobar os protocolos precisos para adaptar a actividade coral á nova normalidade e garantir a calidade da formación musical para o curso 2020/2021 e sucesivos, “realizando as adaptacións pertinentes para ofrecer continuidade no canto colectivo, cun profesor de técnica vogal e un pianista que consten coma colaboradores do coro e que facilitarán as tarefas de aprendizaxe, empaste, proxección da voz, traballo de fraseo e calidade do son en conxunto”.

Unha despedida

“Poderiamos dicir que foi a covid-19 quen me retirou. Ao pertencer eu ao grupo de persoas de alto risco de contaxio, pareceume que tanto pola miña saúde coma por un elemental sentido da responsabilidade co grupo de cantores debía apartarme. Desde o primeiro momento tiven claro un obxectivo:  garantir a continuidade do noso proxecto coral”, explica pola súa banda Xabier Álvarez sobre a decisión tomada. Apuntando como non se podía manter por máis tempo a etapa de inactividade do coro, o ata agora director salienta como “cumpría empezar o curso cantando, ensaiando e eu non me vía en condicións de afrontar este reto”. A decisión, recalca, foi moi difícil pois, apunta, “non vou negar que me supuxo un fondo desacougo porque os meus plans de vida eran outros. Víame no coro aínda uns cantos anos máis, con moitos proxectos, enerxía e a ilusión do primeiro día”.

Na súa despedida, fai un balance moi positivo da etapa desenvolvida. “Cómprense agora 15 anos daquela primeira chamada á comunidade do campus para crear un coro propio. Era un soño particular meu que, ao ser compartido, chegou a facerse realidade. Pero non foi fácil, sobre todo, nos comezos. Pouco a pouco o coro foi medrando coma unha planta nova: con moitos coidados, atencións e cariño”, lembra Xavier Álvarez. Os ensaios, detalla, “fóronse convertendo no eixo vertebrador do grupo cun enfoque sempre didáctico e formativo. A propia idiosincrasia do coro, coma un grupo interxeracional, foise convertendo nun dos nosos sinais de identidade e sempre cun enfoque fondamente humanista, integrador e solidario”. A día de hoxe o coro, indica por último o seu fundador, “pódese dicir que está no seu mellor momento: capaz de afrontar retos artísticos cada vez máis ambiciosos”, augurando “unha longa vida ao Coro Universitario do Campus de Ourense”.