DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tivo lugar na Igrexa dos Pais Franciscanos da cidade de Ourense

O Coro Universitario do Campus de Ourense únese cun concerto á celebración do Nadal

O repertorio incluíu panxoliñas, poemas e pezas de diferentes tradicións e idiomas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 20/12/2021

O Coro Universitario do Campus de Ourense deu a benvida este venres pola noite ao Nadal cun concerto na Igrexa dos Pais Franciscanos, no Parque de San Lázaro da cidade de Ourense. O case medio centenar de membros da agrupación, formada por persoas da comunidade universitaria e alleas a ela, actuaron por primeira vez este curso académico ante o público, amosando a súa emoción por poder facelo a pesar da situación sanitaria.

O concerto levou por título Saudade da nosa voz: cantos dos ríos de son e vento e nel a formación coral universitaria, baixo a dirección de Ruth González, interpretou, fiel ao seu estilo de mestura de estilos, canción galego-portuguesa e anglosaxona; panxoliñas tradicionais e panxoliñas galegas e grandes poemas. Así, o público que se achegou ao concerto puido oír cancións como Compañeira (de Fuxan os ventos); Balaio (tradicional brasileira); Bring me little water, Silvy (Huddie W. Ledbetter); Here comes the sun (George Harrison/John Lennon; Da Rosa Rosiña (panxoliña galega); Gabon izarra (panxoliña vasca); Nerea Izango Zen (poema de Mikel Laboa); Canto ó idioma galego (poema de Manuel María) e Nadal de Luintra (Berrogüeto).