DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Cando falo de corpo’, que poderá visitarse ata o 24 de abril

Corpo e diáspora conectan ás creacións de 17 artistas na Sala Manuel Moldes

Comisariada pola egresada de Belas Artes Cora Novoa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/03/2026

A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que deste este xoves reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as creacións de 17 artistas, a meirande parte formados na Facultade de Belas Artes. Coa tamén egresada deste centro Cora Novoa como comisaria, esta mostra conecta, sinala, un conxunto de “prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos” e que comparten “unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación”. Baixo o título de Cando falo de corpo, a exposición promovida co apoio da Deputación de Pontevedra propón tamén un achegamento ao traballo dun conxunto de artistas naturais ou formados en Galicia.

O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e o vicedecano de Belas Artes e coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, participan na tarde deste xoves na inauguración dunha exposición que poderá visitarse ata o 24 de abril. Como destaca Pérez-Jofre, trátase dun proxecto que responde “a unha das liñas de traballo da sala, que é a de contar con comisarias e artistas novas e novos, vinculados á facultade”. De feito, tanto Novoa como boa parte das e dos artistas de diferentes xeracións participantes formáronse neste centro e contan na actualidade “cunha traxectoria moi interesante, recoñecida con premios, residencias ou bolsas”, subliña Pérez-Jofre. Ao mesmo tempo, o coordinador da sala de exposicións do campus subliña o interese dun proxecto que afonda tamén “na idea do desprazamento, xa que moitos destes artistas, por diferentes circunstancias, atópanse fóra de Galicia”.

Construíndo un corpo colectivo

Cando folo de corpo reúne as creacións de Lois Cid, Taro, Raquel Álvarez, Noa Castro, Lara Castro, Ana Gesto, Marina González Guerreiro, Andrea Davila, Pablo Agma, Uxía González, Alba Matilla, Álvaro Chior, Carlos Fer, Eva Antelo, Ángel Arias, Adrián G. Salgueiro e Mourae. Novoa, pola súa banda, abordou o labor curatorial como “unha extensión do traballo artístico”, de tal xeito que a exposición congrega 18 achegas á idea da corporalidade. “Cada obra é como unha parte dun corpo. Nalgunhas é só un xesto, noutras un obxecto, unha imaxe, un discurso...”, sinala a comisaria dunha mostra na que a idea de corpo “atravesa todas as pezas”. Faino, subliña, “non como tema abstracto, senón coma condición”, como o punto desde o que “se percibe e percorre, lembra, comunica e crea”. 

Trátase nese senso dunha temática que nalgúns casos reflíctese na obra final, mentres que noutras “o corpo non se fai explícito”, pero é parte do proceso artístico. Así, na mostra poden verse desde pezas en vídeo resultado de performances ou traballos fotográficos, ata instalacións, pezas sonoras, debuxo ou obras como a de Uxía González, que empregou a taxidermia para incluír na súa pezas os corpos dunhas xoaniñas que atopou mortas.

Esta exposición forma parte dun proxecto expositivo e de investigación de Novoa e viuse precedida pola mostra A que me refiro cando falo de corpo, que esta artista visual, performer e investigadora presentaba o pasado ano na Galería Sarao de Ferrol. “Entendo a miña forma de traballar como a dunha creadora de situacións, de experiencias”, sinala a comisaria deste proxecto, que actualmente cursa estudos de doutoramento na Universitat Politécnica de Valencia. De feito, o seu propósito con este proxecto é articular un diálogo entre as diferentes pezas, contribuíndo a “xerar como unha especie de corpo colectivo” a través da relacións que se establecen entre as obras “nun espazo e nun tempo concreto”.

Ao mesmo tempo, a idea de que o corpo “abrangue a experiencia e a vivencia no mundo”, conéctase co outro fío condutor da mostra, a diáspora, entendida como “dispersión, como disgregación dunha comunidade, tanto de forma voluntaria como forzosa”. De feito, non todos os artistas seleccionados atópanse actualmente fóra de Galicia, pero si reúnen experiencias que os conectan coa idea de que “a diáspora moldea unha corporalidade e unhas vivencias”, sinala Novoa.