DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou a xerontóloga Teresa Martínez na conferencia inaugural da Cátedra ACP-Innova

A covid-19 puxo sobre a mesa a necesidade dunha “profunda reforma” nas residencias da terceira idade

Avoga por un modelo baseado en “pequenas unidades de convivencia”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/09/2021

“Algo que a covid-19 puxo de manifesto é que temos un modelo de coidados de longa duración que require dunha profunda reforma”, salienta a psicóloga e xerontóloga Teresa Martínez, que este martes impartiu a conferencia inaugural da Cátedra ACP-Innova, promovida pola Universidade de Vigo e as empresas Saraiva, Activiza e Envita. Contribuír a promover un novo modelo de coidados en centros de atención sociosanitaria como as residencias de maiores é o obxectivo central dunha cátedra que avoga por un “enfoque centrado nas persoas”, eixo do relatorio que Martínez Rodríguez impartiu na sede da Vicerreitoría. “A pandemia que puxo de manifesto que as estruturas actuais xeraron contaxio e mortes”, subliñou a conferenciante, que incidiu na necesidade de fomentar un “modelo centrado nas persoas”, que contribúa a que aquelas que precisan coidados “non perdan o control da súa vida”. 

Froito do convenio asinado recentemente entre estas tres empresas e a Universidade, a Cátedra ACP-Innova. Hacia un nuevo modelo de cuidados ten como obxectivo o estudo do “modelo do sector sociosanitario”, co propósito de contribuír, a través da formación, a investigación e a innovación, a que este poida “mellorar día a día”, como salientou o seu director, o profesor José María Cancela. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a secretaria da cátedra e xerenta de Saraiva, Lucía Saborido, participaron tamén na presentación dunha actividade sustentada, sinalaron, na idea da “colaboración público-privada” como fonte para a innovación. “Esta alianza permítenos empoderarnos máis de cara a dar respostas á cidadanía e contribuír a mellorar a calidade de vida de colectivos vulnerables, como as persoas maiores”, salientou o vicerreitor na apertura dunha conferencia que contou coa asistencia do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, así como de representantes de Domus VI e da Fundación San Rosendo, e que puido seguirse tamén de xeito virtual, a través de Campus Remoto.

Reformar “radicalmente” o modelo actual

Como un “referente na atención centrada na persoa” presentou Saborido a Teresa Martínez, psicóloga, xerontóloga e doutora en Ciencias da Saúde pola Universidad de Oviedo, que foi directora xeral de Planificación e Calidade da Consejería de Bienestar Social do Principado de Asturias, así como autora de numerosas publicacións centradas na implantación desa “atención centrada na persoa” nos servizos xerontolóxicos. Trátase, como explicou, dun “enfoque que pon a mirada no valor da persoa que precisa coidados e intenta fuxir dunha mirada só centrada na enfermidade e carencia ou en cuestións de xestión dos servizos”. Supón, engadiu, un modelo que avoga porque aquelas persoas que precisan coidados poidan, “con apoios, gozar dunha vida con sentido”. 

Neste punto, Martínez recalcou a necesidade de “reformar radicalmente o modelo residencial que temos en España, que aínda segue sendo, en moitos casos, altamente institucional”, caracterizado pola existencia de grandes centros, “con persoal que rota, nos que todo está organizado por horarios e tarefas” e onde “a persoa perde o control da súa vida”. Esa reforma, sinalou, abranguería en primeiro termo unha “gran liña que noutros países xa levan anos desenvolvendo”, como é “apoiar que as persoas poidan estar nas súas casas, con apoios flexibles e coidados profesionais en coordinación” co ámbito sanitario. A partires de aí, engadiu, como “as residencias seguen sendo necesarias”, sería preciso apostar porque, “cando non se poida vivir en casa, vívase como na casa”. Trátase nese senso, de promover, “como fixeron outros países”, un modelo centrado en “pequenas unidades convivencia, onde as persoas viven en grupo estables, reducidos e acompañados por auxiliares moi formados e onde poden realizar actividades como se estiveran na súa casa”. A idea, engadiu, é xerar “contornas significativas, domésticas e profesionais, con atención integral, pero nas que as persoas poidan decidir o seu día a día”. 

Promover cambios tras o “tsunami” da pandemia

Nese senso, Martínez recoñeceu que o “tsunami” que para o modelo de residencias da terceira idade supuxo a covid-19 fai deste un “momento moi importante” de cara a promover un modelo de “centrado na persoa”, algo que resulta especialmente relevante, sostivo, no caso das persoas “cun deterioro cognitivo importante”. O impulso deste enfoque implicaría, engadiu, “coñecer a historia e o modo de vida” de cada usuario e usuaria destes centros, co propósito de definir un “plan de atención e vida” personalizado, que sitúe á “persoa no centro”. Para iso, engadiu, é preciso “coidar a todos os actores do coidado”, tanto aos profesionais como as propias familias, avanzando “cara organizacións centradas nas persoas, que permitan relacións de apoio”.