DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento da investigadora de Ecobas Raisa Pérez Vas

O cultivo de rodaballo presenta en Galicia unha clara tendencia á concentración de mercado

Debido, sobre todo, aos problemas coas concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/12/2022

O cultivo de rodaballo presenta en Galicia unha clara tendencia á concentración de mercado, limitándose a só catro as empresas que se dedican a esta actividade, catro firmas que son propietarias das doce plantas de produción de alevíns e de engorde que existen na actualidade nesta comunidade autónoma. Así se salienta na tese de doutoramento da investigadora de Ecobas Raisa Pérez Vas, profesora e investigadora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, unha investigación que entra de cheo no estudo financeiro empresarial da actividade acuícola galega, un sector cada vez máis relevante.

“En gran medida” esta concentración de mercado está provocada, a xuízo da autora da tese, polo marco institucional e, máis especificamente, pola escasa emisión de novas concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre e pola negativa á autorización da ampliación das plantas existentes. “Unha das maiores incertezas que se atopan as empresas galegas acuícolas que posúen as súas plantas de produción no dominio público-terrestre é precisamente a problemática coas concesións que se lle outorgan para levar a cabo a súa actividade produtiva, debido a que son de tempo limitado, estando supeditadas a que se renoven”, salienta a investigadora, ao tempo que explica que a resolución desta problemática é clave para potenciar este sector.

A tese fai fincapé na importancia de crear un marco normativo estable

Desde fai anos existe un debate vixente entre os diferentes gobernos sobre o límite de anos que estas concesións deben ter e a escaseza de concesións que se levan a cabo, “o que provoca que as empresas teñan que analizar si lle é rendible ou non realizar novos investimentos”, explica a investigadora. Tal e como se explica na tese, este tipo de empresas acostuman precisar fortes investimentos, polo que a incerteza que xera a problemática das concesións provoca certo rexeitamento á realización de novos investimentos, xa que é de “vital importancia” analizar si en termos económico-financeiros é rendible, ou non, investir para producir durante un límite determinado de anos que non sempre poderá ser ampliado.

Sendo a acuicultura unha das actividades económicas máis importantes e con máis futuro, tanto en Galicia como en España, así como un dos sectores máis circunscritos ao desenvolvemento sostible, Pérez Vas destaca a importancia de que a economía galega se dote dun marco normativo estable, no que exista un consenso por parte dos organismos gobernamentais para proporcionarlle ás empresas unha contorna de seguridade xurídica, sen menoscabar o necesario uso sostible do litoral.

Un sector clave para Galicia

Dirixida polas catedráticas Pilar Cibrán e Irene Pisón, a tese levou a cabo dous casos de estudo relacionados co sector acuícola. Por unha banda, a tendencia cara a unha concentración do mercado das empresas de cultivo de rodaballo, impulsado polo marco normativo no que operan, levou á investigadora a realizar unha valoración dunha opción de abandono dunha das empresas que menor cota de mercado presenta. Doutra banda, dado que a produción de algas para o consumo humano é un sector en auxe  -situación motivada, entre outros factores, por cambios nos hábitos de consumo da dieta humana-, a investigadora decidiu estudar tamén a viabilidade de expansión dunha empresa galega que opera neste sector. No caso de estudo da empresa de cultivo de rodaballo conclúese que a opción de abandonar o mercado é unha opción válida, mentres que a valoración realizada sobre a empresa de produción de algas confire que a opción de expansión provoca un importante incremento na valoración da empresa.

“En ambos casos de estudo puiden comprobar a importancia que ten a influencia da lexislación vixente de costas promovida tanto a nivel autonómico como nacional, así como a influencia da Rede Natura”, recalca a investigadora, quen tamén resalta que España é un dos grandes produtores acuícolas a nivel europeo, “de aí a importancia de albergar un marco institucional que interrelacione a parte económica financeira coa sostenibilidade co obxectivo de potenciar un sector clave para Galicia”.