DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese na Facultade de Ciencias desde o 27 ao 30 de xuño

Un curso afonda no elementos biosaludables e o medio ambiente

No marco da programación de extensión universitaria deste verán

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 29/06/2022

Entre a oferta de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que este ano organiza a Vicerreitoría do campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense, está un titulado Xornadas medio ambientalmente biosaudables. Avaliando a saúde do planeta e os seus moradores. Nel afóndanse en diferentes eidos desde unha perspectiva bio, desde a extracción de bioactivos ata a biomedicina.

Conferencias e visitas

Dirixido polo persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias María Dolores Torres, Noelia Flórez e Andrés Moure (Grupo EQ-2, Biomasa e Desenvolvemento Sostible), a actividade celébrase desde este luns 27 e ata o xoves 30 de xuño. Arredor dunha vintena de estudantes dos graos que se imparten neste centro (Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos) e de doutoramento participan nela. O curso mestura conferencias, impartidas fundamentalmente por profesorado das tres universidades galegas pero tamén do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e Arborea (Portugal), con visitas guiadas a centros da contorna de especial interese para as temáticas abordadas.

A programación arrancou o luns abordando o apoio ao talento investigador da Axencia Galega de Innovación, con Lourdes Bouzón, e continuou achegándose a diferentes aspectos relacionados coa extracción de bioactivos, como a súa relevancia na investigación industrial; a recuperación da cascarilla de cacao para o desenvolvemento de alimentos funcionais e a actividade antioxidante e enzimática de compoñentes de macroalgas. Xa o martes, a actividade consistiu nunha visita ao Centro Tecnolóxico do Mar e ao Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), en Vigo.

Este mércores a programación volveu ao campus de Ourense cunha xornada intensa de conferencias nas que estaba previsto que se abordase a biomasa como o novo petróleo renovable; a actividade antioxidante dos lípidos mariños na saúde; a aplicación de GPC a un polímero sostible e heteroxéneo como a lignina; o efecto antitumoral de compostos de orixe natural en cancro de próstata e de mama; a NADPH Oxidasa no endotelio vascular e o sulfuro de hidróxeno como alternativa terapéutica na artrose. Por último, o xoves está previsto que as e os participante visiten a Estación Depuradora de Augas Residuais de Ourense e volvan ao campus para abordar os ecoprocesos para tratamento de augas; o aproveitamento de residuos agroindustriais para a obtención de biomoléculas e os procesos biolóxicos para a recuperación de solos contaminados.