DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa programación desenvólvese no campus de Ourense e na zona da Limia

Un curso afonda nas ferramentas para o coñecemento e difusión social da historia, a arte e a arqueoloxía

Entre os temas abordados na primeira sesión estivo a represión sobre as mulleres no franquismo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 13/07/2022

Entre os cursos de extensión universitaria que se celebran este verán no campus de Ourense, con financiamento da Deputación de Ourense, está un titulado Historia, arte e arqueoloxía: ferramentas para o seu coñecemento e difusión social. Trátase dun curso multidisciplinar que achegará ás e aos asistentes a diferentes modelos de abordaxe do pasado e da súa divulgación.

O curso, dirixido pola profesora da Facultade de Historia da Universidade de Vigo Carmen Pérez Maestro, arrancou este mércores no Edificio de Ferro do campus de Ourense e continuará ata o sábado 16. As dúas primeiras sesións terán un carácter máis teórico, de conferencias en aula, e as dúas últimas consistirán en visitas a diferentes espazos da zona da Limia de interese en relación ás temáticas abordadas. “É un curso interdisciplinar no que se vai falar de arte, de arqueoloxía e de historia e de como o profesorado da Universidade emprega diferentes métodos de investigación para estudar o pasado. Hai xente que estuda desde os documentos, outras desde a materialidade arqueolóxica, etc”, explica a directora da actividade, na que están inscritas 28 persoas. A primeira sesión contou con intervencións sobre “os vellos debates e novas ferramentas de análise” no eido da represión cara as mulleres no franquismo, a cargo do historiador da UVigo Julio Prada; sobre a achega das listas de embarque do porto de Vigo ao estudo da emigración galega a Venezuela, con Tania Pérez e José Ramón Campos, e sobre os rituais en honra a Artemis na Grecia clásica a través do estudo da cerámica, coa profesora Susana Reboreda.

Relato da represión

O profesor Julio Prada foi o encargado de abrir o curso falando das “novas ferramentas conceptuais para o estudo da represión das mulleres”. Na primeira parte da súa intervención abordou a evolución dos estudos historiográficos e do método de achegamento ás historias das mulleres que tiveron algún protagonismo na resistencia antifranquista ou antifascista. Así, falou de como van evolucionando estes estudos, desde a recuperación de figuras singulares de mulleres ata a introdución do que son os novos métodos da historia cultural e social, para rematar no que son as novas investigacións que, dixo, “o que tratan fundamentalmente é de complexizar o relato sobre esa represión”.

O profesor e decano da Facultade de Historia de Ourense puxo exemplos desas novas ferramentas conceptuais aplicadas ao estudo das distintas formas de represión sexuada, en particular o tema das “rapadas” e as violacións. “As novas ferramentas céntranse no estudo do relato. O problema está en que xa pasaron 80 e pico anos dos feitos e hai unha escaseza de fontes escritas moi grandes, entón, a pregunta é como nos podemos achegar aos relatos actuais sobre a represión das mulleres de hai 80 anos, que son relatos tremendamente reconstruídos?”. Na actualidade, indicou Julio Prada, “o que se defende é a idea de que o que hai que facer é novas preguntas sobre eses relatos, porque non podemos buscar respostas que poderíamos buscar fai 60 anos, cando había testemuñas próximas. Hoxe o que hai é unha reconstrución do relato, unha adaptación aos tempos actuais”. Neste senso apuntou que “hai que pensar que estamos empregando categorías de análise actuais, por exemplo o termo represión sexuada, que en 1936 ou 1939 era descoñecidos” polo que, dixo, “esas categorías conceptuais hai que trasladalas ao pasado e ver cal é a finalidade deste novo relato que construímos”.  

Na súa conferencia Julio Prada tamén falou do que “fixemos en Galicia nestes estudos, onde fomos pioneiros na Facultade de Historia do campus de Ourense” e tratou de “desmontar un pouco iso que se di de que sempre as mulleres son as grandes esquecidas dos estudos da represión, que non é para nada certo”. Por exemplo en Galicia, indicou, “sabemos moito máis da represión das mulleres, dun xeito moi detallado, respecto dos homes, o que tampouco é nada raro xa que o número de mulleres represaliadas é menor e entón o seguimento tamén é máis doado”.

Máis programación

A programación continuará o xoves no campus de Ourense con conferencias sobre a arqueoloxía experimental como ferramenta de investigación e o seu potencial educativo (con Beatriz Comendador); a presenza militar romana no val do Salas e a súa interacción coas comunidades indíxenas (con Joao Fonte); a arte rupestre como materialidade arqueolóxica e as ferramentas para o seu estudo na paisaxe (a cargo da profesora Carmen Pérez) e a pegada do mestre Mateo en Ourense (con Victoriano Nodar). O venres a actividade trasladarase ao Concello de Baltar para falar de “romper fronteiras no Alto Támega a través da arqueoloxía e investigación”, con Lucía Rodríguez, e de minería do estaño entre as serras de Larouco e Gomariz dende o período romano ao século XX, con Emmanuelle Meunier. Tamén haberá obradoiros de fiado e tinguido con Manuel García e abordarase a recreación histórica como medio de divulgación. Por último, o curso rematará cun percorrido polo Couto Mixto e a súa historia e polo Castelo da Piconha e a aldea de Pena, con Juan Galiña e Eduardo Breogán Nieto.