A actividade desenvólvese no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 25 de setembro
Un curso afonda na visibilización da importancia da saúde mental na mocidade
Desde este martes pola tarde e ata o 25 de setembro o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a celebración dun curso centrado na visibilización da importancia da saúde mental na mocidade, dirixido por María Teresa Barge, deputada de Xuventude e Igualdade de Ourense, e José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social. A iniciativa enmárcase na programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, organizados pola Vicerreitoría do campus con financiamento da Deputación de Ourense.
O obxectivo principal desta formación, de 30 horas, é, tal e como explican os seus responsables, explorar e visibilizar a importancia da saúde mental na mocidade. Nas súas sesións búscase proporcionar ás persoas asistentes “ferramentas e coñecementos clave, como a identificación de factores de risco, a promoción da resiliencia e o autocoidado para comprender, previr e abordar os problemas relacionados coa saúde mental na mocidade”. O avance da sociedade e os cambios nos estilos de vida, lembran desde a organización da actividade, “traen como consecuencia que durante os últimos anos a mocidade teña que enfrontarse a unha serie de retos e presións que poden afectar significativamente o seu benestar psicolóxico”.
Ao longo do curso abórdanse temas como o sufrimento psíquico na mocidade na época dixital, a demanda psicoterapeútica, a intelixencia emocional, a soidade non desexada, a diversidade no alumnado universitario ou a saúde mental nas diferente etapas da vida. Tamén haberá unha visita ao centro ecuestre do Mundil para coñecer o seu traballo en saúde mental e terapia con animais. As sesións corren a cargo de especialistas na diferentes materias, entre eles o persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense José María Failde e Maribel Doval. A actividade inaugurouse este martes pola tarde nun acto no que participaron os seus responsables e Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.