DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de especialistas do eido xurídico e informático

Un curso afondará no impacto do desenvolvemento da intelixencia artificial nos dereitos humanos

Será do 5 ao 7 de xuño no campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Democracia
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 20/05/2024

No campus de Ourense, do 5 ao 7 de xuño, terá lugar un curso que afondará desde un punto de vista interdisciplinar nunha das grandes preocupacións da sociedade actual: o impacto que nos dereitos humanos ten e vai a ter o desenvolvemento da intelixencia artificial (IA). Será na décima edición do Curso sobre dereitos humanos, sociedade e tecnoloxías da información, organizado desde a Facultade de Dereito e a Escola Superior de Enxeñaría Informática polas profesoras de Filosofía do Dereito Susana Álvarez e Ana Garriga.

O curso leva por título Os dereitos fundamentais ante a intelixencia artificial: cuestións técnicas, éticas e xurídicas e enmárcase nas actividades da iniciativa Datatransco A conciliación do dereito á protección de datos co cumprimento polos poderes públicos do deber de transparencia e de loita contra a corrupción. Trátase dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades a través da convocatoria de proxectos de xeración de coñecemento 2021 no que participan membros das universidades de Vigo, Jaume I, Alcalá, Miguel Hernández, Oberta e Pablo de Olavide, completando o equipo de traballo especialistas de universidades de Bélxica, Italia e Francia. Igualmente, a formación realízase vinculada ao programa de doutoramento Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica da UVigo. 

Desde a protección de menores á discriminación algorítmica

Todas as sesións do curso poderán seguirse a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, desenvolvéndose as conferencias dos dous primeiros días de xeito presencial na Facultade de Dereito ourensá e as do terceiro día de xeito virtual. O programa contará cunha ampla participación de profesorado da Universidade de Vigo, encabezada por Susana Álvarez e Ana Garriga, que participan no citado proxecto estatal, e estando tamén Pedro Cuesta, Leandro Rodríguez e Daniel González. Completa o programa Mónica Areas, da Universidad de Alcalá, e Migle Laukyte, da Pompeu Fabra e do European Group on Ethics in Science and New Technologies. 

A programación arrancará cunha conferencia titulada Intelixencia artificial e sociedade: unha mirada particular aos menores. Seguiranlle intervencións sobre os retos xurídicos da IA e a introdución ás redes neuronais e aprendizaxe profunda. Tamén se falará da discriminación algorítmica desde o eido xurídico e os dereitos humanos e a IA; a explicabilidade e transparencia algorítmica e a investigación en bioinformática e intelixencia artificial. O terceiro día de actividade desenvolverase a través do Campus Remoto da UVigo e nel abordaranse temas como a protección de datos na investigación e a protección dos menores no Regulamento Europeo de Servizos Dixitais.