DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación, dirixida a PAS e PDI, desenvolverase ao longo do mes de novembro

Un curso analizará o potencial transformador das universidades de cara ao cumprimento da Axenda 2030

Tags
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/10/2021

Son moitas as actividades formativas, divulgativas, de concienciación e de cooperación que as universidades desenvolven a prol da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible . Agora que esta folla de ruta cumpre seis anos, a Universidade de Vigo e Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) propoñen analizar o que se ten avanzado neste eido e avaliar o papel que teñen as universidades na sociedade e de que xeito a Axenda 2030 pode contribuír a transformala. Para isto ponse en marcha un curso de formación destinado tanto ao persoal docente e investigador como para o persoal de administracións e servizos ao abeiro da Escola Aberta de Formación Permanente. Con 20 horas de docencia, o curso desenvolverase entre o 1 e o 30 de novembro en modalidade virtual con sesións tanto síncronas como asíncronas.

Que poden facer as universidades polo desenvolvemento sostible?

A Axenda 2030 configurouse como o principal proxecto de transformación das sociedades, coa vista posta en rachar co pasado poñen en marcha unha serie de medidas aprobadas pola ONU para “poñer fin á pobreza e á fame en todo o mundo de aquí a 2030, combater as desigualdades dentro dos países e entre eles, a construír sociedades pacíficas, xustas e inclusivas, a protexer os dereitos humanos e promover a igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres e as nenas, e a garantir unha protección duradeira do planeta e os seus recursos naturais”. Para acadar estes obxectivos, as institucións públicas e privadas teñen que levar a cabo accións que apunten nesa transformación e, como se recolle na xustificación deste curso, “á universidade correspóndelle un papel esencial neste eido”. Por iso, neste curso as persoas participantes traballarán sobre rol que debe desenvolver a universidade en eidos como a gobernanza, o compromiso social, a investigación e a docencia.

O programa comprende catro módulos formativos. O primeiro deles centrase en analizar estes primeiros seis anos da Axenda 2030 e as súas principais aplicacións ata a actualidade, con especial énfase na Estratexia de Desenvolvemento Sostible en España. O segundo módulo céntrase na aplicación específica da Axenda 2030 na universidade desde o punto de vista da política xeral universitaria. Presentaranse os 14 espazos de aplicación da Axenda 2030 na universidade: gobernanza, extensión, investigación e docencia. O terceiro bloque temático abordará as prácticas transformadoras en gobernanza e extensión, para discutir sobre o alcance transformador neste eido, mentres que o derradeiro módulo será para analizar estas prácticas na investigación e a docencia. 

A formación será impartida por José Medina Mateos, politólogo membro do Colectivo de creación política La Mundial e investigador no Grupo de Relacións Internacionais Universidade Autónoma de Madrid do Departamento de Ciencia Política e Relacións Internacionais. As súas liñas de investigación son a cooperación para o desenvolvemento, a seguridade alimentaria, a soberanía alimentaria e a teoría das relacións internacionais.