DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como parte do Programa de Formación Permanente do PDI

Un curso axudará ao profesorado a coñecer as claves da propiedade intelectual na Universidade

A matrícula está aberta ata o 8 deste mes e a docencia desenvolverase do 23 ao 25

Tags
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 02/02/2021

Para o persoal docente e investigador, que xera, publica e divulga moitos dos resultados do seu traballo, é de especial relevancia coñecer os problemas, os retos e tamén as solucións sobre a propiedade intelectual que afectan ao seu día a día. Para resolver as dúbidas que nesta materia se poidan formular os membros do profesorado, a Universidade de Vigo pon en marcha un curso formativo que se desenvolverá a finais deste mes. 

Esta iniciativa insírese no Programa de Formación Permanente do PDI da Universidade de Vigo para o ano 2021 e forma parte das liñas de accións do selo HR. Este selo distingue as universidades que xeran e apoian a existencia dunha contorna estimulante e favorable ao traballo de investigación. Neste caso concreto, trátase dunha aposta para que o persoal investigador cumpra coa lexislación de propiedade intelectual, respectando os dereitos de terceiros e que se protexan os activos de propiedade intelectual xerados nos centros universitarios.

O curso, oito horas de duración, desenvolverase entre os días 23 e 25 deste mes en modalidade virtual síncrona e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro luns 8. Ofértanse 100 prazas como máximo, destinadas ao persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, porén, no caso de quedaren prazas dispoñibles, poderán participar outras persoas interesadas na formación.

Respectar os dereitos propios e os de terceiros 

O programa do curso comprende unha análise dos temas de propiedade intelectual que afectan ao persoal universitario, en particular á titularidade dos resultados da actividade do profesorado universitario, a utilización de materiais doutras persoas na docencia e na investigación, a propiedade intelectual na era dixital, os posibles negocios sobre estes dereitos e a defensa dos resultados de investigación fronte ao uso indebido por outras persoas.

Así, abordaranse temas como a regulación, os dereitos de propiedade intelectual, o réxime xeral de titularidade dos dereitos, as licenzas Creative Commons, a propiedade intelectual e os descubrimentos científicos, o Open Access, a difusión en novos formatos como os e-book, os programas de ordenador e as bases de datos ou a propiedade intelectual nas teses doutorais. Tamén se analizará a Lei de modificación da LPI no que atinxe a citas, compensación por copia privada e usos educativos. Outro enfoque do curso centrarase na explotación dos dereitos de propiedade intelectual como nova fonte de ingresos, nos negocios relativos á  propiedade intelectual e na Lei de transparencia e Lei de reutilización da información do sector público e open data.

O curso será impartido por Carlos A. Gómez Otero, funcionario da escala de Técnico superior de Administración da USC, do Corpo Superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e da escala de Xestión da USC. Ocupou os postos de xefe de Sección do Gabinete Xurídico, de xefe de Servizo de Asesoría Xurídica e de Secretario Xeral Adxunto  da USC dende o ano 2002. Participou en libros, artigos e capítulos de libros sobre temática universitaria. Impartiu seminarios, cursos e conferencias relacionadas co réxime xurídico universitario. É tamén especialista no marco xurídico de creación de Empresas de Base Tecnolóxica,  transferencia de resultados de investigación e en administración electrónica e nembro da Xunta directiva da Asociación Española para el Estudio del Derecho Universitario (AEDUN).