DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola acolle un módulo de sensibilización en igualdade, promovido pola Deputación

Un curso busca sensibilizar o alumnado de Enfermaría do seu futuro papel na detección e abordaxe da violencia machista

Impartido pola representante da asociación Apaioga Mercedes Renda

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/11/2021

“A inmensa maioría das vítimas de violencia machista recorren aos servizos sanitarios nalgún momento, tanto por agresións moi graves como por un maltrato psicolóxico continuado. Estas mulleres demandan atención sanitaria, pero non sempre verbalizan cal é a causa”, sinala a axente de igualdade e ex-presidenta da asociación Apaioga Mercedes Renda, que imparte nestes días na Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á UVigo, un módulo de sensibilización en igualdade e perspectiva de xénero. Promovida pola Deputación de Pontevedra e dirixida ao alumnado de primeiro curso, esta iniciativa ten como obxectivo pór de relevo “a importancia e necesidade” de que as futuras e futuros profesionais da enfermaría amplíen a súa formación en ámbitos como a prevención e abordaxe da violencia de xénero. 

O sistema sexo-xénero, a discriminación das mulleres como un fenómeno estrutural, os roles e os estereotipos de xénero, a violencia machista e as violencias dixitais son algúns dos temas a abordar neste módulo de oito horas, que arrancou na mañá deste martes e se completa o xoves. “A idea é poñer no centro na necesidade de que, para ser boas profesionais, teñan sempre unha ventá aberta a detectar estas realidades”, salienta Renda desta iniciativa formativa, que a Deputación promove anualmente desde 2017.

A deputada provincial Noemí Outeda e a subdirectora da escola, Paz Diéguez, acompañaron este martes á ex-presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia (Apaioga) na apertura deste curso. Dirixido a “formar, informar e sensibilizar a futuros profesionais da rama sanitaria”, o seu obxectivo é “proporcionar coñecementos e ferramentas para facilitar unha reflexión autocrítica e promover actitudes feministas", subliñou Outeda, mentres que Diéguez puxo o acento en que pese a que o 80% das estudantes da escola son mulleres, os homes ocupan “case o 90% dos postos de xestión” na área da enfermaría.

Formación orientada á súa futura realidade profesional

Máis aló de ser unha formación de carácter xeral, Renda busca tamén neste curso pór o foco, a través de exemplos e actividades prácticas, na realidade específica do ámbito sanitario. Con esa idea, o módulo “fai fincapé na prevención e na detección temperá” das violencias machistas, así como na “abordaxe do tratamento ás vítimas, que no ámbito sanitario é algo fundamental”. Neste punto, a responsable desta formación incide en que as vítimas, por exemplo, de violencia psicolóxica, “moitas veces non son conscientes de cal é a causa do malestar que teñen e ten que ser a profesional a que faga as preguntas adecuadas” e ser capaz de “identificar determinados síntomas como un posible caso de violencia”. 

Por outra banda outro dos bloques do curso céntrase nos estereotipos e roles de xénero, un ámbito no que tamén é preciso deterse en aspectos propios do ámbito sanitario e na importancia de “saber miralos desde unha perspectiva de xénero”, salienta Renda. “Ás mulleres, por exemplo, están moito máis medicadas para a depresión ou o insomnio”, sostén a responsable deste módulo formativo, á vez que incide tamén en como “na práctica médica é máis fácil que aos homes se lles derive directamente a un especialista tras unha primeira consulta, mentres que ás mulleres adoitan ofrecérselles tratamentos desde atención primaria e tardan máis en ser derivadas”.