DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impártese cada xoves e venres na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense

O curso de especialistas en autonomía de mozas e mozos tutelados xa está en marcha

A actividade prolongarase ata maio de 2022

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 08/10/2021

O curso Especialista en Autonomía de Mozos e Mozas no Sistema de Protección, ofertado este curso académico por primeira vez na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, xa está en marcha. 14 persoas fórmanse nel para acompañar á mocidade tutelada no seu camiño de emancipación, adquirindo coñecementos e habilidades necesarios para o deseño de estratexias socioeducativas eficaces e de calidade para este proceso.

Coordinado polo profesor Deibe Fernández Simo e dirixido pola profesora María Victoria Carrera, o curso conta con 360 horas de formación teórica e práctica que se desenvolverán ata maio de 2022. O perfil das e dos inscritos é maioritariamente o de profesionais, xa con experiencia laboral, que queren especializarse ou actualizarse na temática do curso e abrir novos ámbitos de traballo. Tamén hai egresadas e egreados que remataron recentemente os seus estudos e que están interesados nesta liña de especialización. O curso, explica Deibe Fernández Simo, “naceu da necesidade que se ten detectado no mercado laboral e na educación social de apoiar os procesos de emancipación da mocidade en situacións de dificultade social, que é unha mocidade que ten que emanciparse nun período de tempo moi curto”, xa que, lembra, “habitualmente cando chegan aos 18 anos estes mozos e mozas xa teñen que contar coa autonomía precisa para desenvolverse por eles mesmos, ao carecer de apoio familiar”.

Formación integral

A actividade, explican os seus promotores, constitúe a única oferta formativa especializada en Galicia neste eido e ten entre os seus obxectivos facilitar unha formación especializada no ámbito da protección á infancia e á adolescencia; favorecer o deseño profesional de estratexias específicas no apoio á transición á vida adulta da adolescencia vulnerable e coñecer os procesos de acompañamento socioeducativo con adolescencia en protección. O curso está pensado, tal e como indican os seus responsables, “para facilitarlle ás figuras profesionais que vaian a acompañar a esta mocidade as habilidades, as destrezas, para traballar axeitadamente o proceso de autonomía con este colectivo”, ofrecéndolles “unha formación integral sobre todos os aspectos que teñen que ver coa autonomía desta mocidade”.

Ao longo do curso, que ten carácter presencial, nos módulos teóricos as e os inscritos abordarán cuestións como a regulación xurídica do sistema de protección de menores; o perfil da adolescencia en protección; as competencias profesionais para a acción socioeducativa con adolescencia; o modelo de vivendas e protocolos; a acción socioeducativa e xénero; o ocio da adolescencia; o vínculo e acompañamento socioeducativo e a inserción laboral da mocidade en dificultade social. Ademais, as persoas participantes realizarán 210 horas de prácticas en vivendas tuteladas e asistidas ou en oficinas de inserción laboral con mocidade en protección en colaboración coa oenegué do sector Igaxes, ofrecendo o curso unha bolsa de emprego de dez contratos de traballo en recursos residenciais. O profesorado da formación é da Universidade de Vigo e de outras institucións académicas referentes, ademais de profesionais de dilatada experiencia no sector.