DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase entre o 21 deste mes e o 9 de xullo a través de Moovi e Campus Remoto

O curso de Iniciación á ensinanza do español como lingua estranxeira chega á súa décima edición

Recoñecido polo Instituto Cervantes, a matrícula está aberta ata o domingo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
DUVI 11/06/2021

O curso de Iniciación á ensinanza do español como lingua estranxeira (ELE) celebra este ano o seu décimo aniversario como unha ferramenta para a formación de profesorado co recoñecemento do Instituto Cervantes. Trátase dunha actividade, organizada polo Centro de Linguas da UVigo, de 40 horas de duración, dirixida a graduados ou estudantes dos últimos cursos de grao ou mestrado que queiran orientar o seu futuro profesional cara a ensinanza de ELE.

Esta décima edición botará a andar o vindeiro 21 de xuño e as clases estenderanse ata o 9 de xullo. Dada a situación sanitaria derivada da pandemia, a docencia será totalmente virtual pero dividida en dous bloques: 30 horas impartirase en modalidade síncrona de luns a venres, de 9 a 11, a través de plataforma Campus Remoto da Universidade de Vigo e outras 10 horas serán en asíncrono a través da plataforma MooVi.  

O curso está aberto para calquera persoa de calquera lugar do mundo pero a comunidade universitaria ten un desconto especial no prezo da matrícula do curso. A inscrición está aberta ata este domingo.

Metodoloxía de traballo

Os participantes no curso analizarán diferentes técnicas comunicativas, tanto teóricas como prácticas e iranse familiarizando coas competencias que un profesor en español como lingua estranxeira debe empregar na aula, por exemplo, programar e planificar unha clase, seleccionar a metodoloxía, determinar que gramática ensinar, como presentar o léxico e a cultura, que materiais didácticos existen e como se poden adaptar ás súas necesidades, que recursos se poden empregar na aula e como se reflicten as novas tecnoloxías, con especial atención ás redes sociais, nestes ámbitos. Estes coñecementos axudaranlles a organizar situacións de aprendizaxe; avaliar ao alumnado; facilitar a comunicación intercultural e servirse das TIC para o desenvolvemento do seu traballo.

A matrícula está aberta a persoas tituladas, estudantes de último ano de grao que desexen especializarse na ensinanza de español como lingua estranxeira, persoas tituladas en Filoloxía que desexen especializarse na ensinanza de español como lingua estranxeira, docentes de español como lingua segunda e estranxeira, docentes doutras linguas estranxeiras e persoas voluntarios de organizacións no gubernamentais.

Servizo de recoñecemento de cursos de formación de profesores

Como novidade, este ano 2021 o Instituto Cervantes puxo en marcha o Servizo de recoñecemento de cursos de formación de profesores, como un paso máis no seu compromiso coa calidade na ensinanza do español e na formación do profesorado. Nunha primeira fase este servizo está restrinxido ás entidades de formación de profesores coas que o Instituto Cervantes ven colaborando, entre elas o Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. Posteriormente, a partir do ano 2023 abrirase ás institucións de Educación Superior que ofrezan cursos de formación de profesores contemplados dentro dos requisitos, condicións e criterios establecidos polo Instituto Cervantes que se ofrecerán proximamente ao público.