DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conferencia de clausura foi impartida por Mª Emilia Casas, expresidenta do Tribunal Constitucional

O Curso de Negociación Colectiva e Individual no ámbito laboral baixa o pano da súa sétima edición

A formación impartiuse na sede da Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
DUVI 22/11/2024

Tras dez semanas de formación, na tarde deste xoves tivo lugar a clausura do Curso de Negociación Colectiva e Individual no Ámbito Laboral, unha actividade organizada dende a Área de Dereito do Traballo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais.

Este curso, que se insire no catálogo formativo do Centro de Posgrao e Formación Permanente, tiña como obxectivo principal afondar, desde un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións, a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais. Á fronte da súa organización están o catedrático Jaime Cabeza e a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, que explican que se trata dunha formación especializada en negociación colectiva que proporciona ás e aos asistentes as ferramentas necesarias para poder afrontar os conflitos individuais e colectivos no ámbito laboral. 

Conferencia de clausura de Mª Emilia Casas

Na sesión de clausura, celebrada este mércores na sede da Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, a lección maxistral correu a cargo de María Emilia Casas, ex-presidenta do Tribunal Constitucional e, dende o pasado mes de outubro, doutora honoris causa pola Universidade de Vigo. A catedrática Casas Baamonde falou sobre o futuro do modelo de negociación colectiva, analizou o concepto de maior representatividade empresarial das pequenas e medianas empresas, contido nunha norma regramentaria (Real Decreto 439/2024, de 30 de abril), e as dúbidas que xera, especialmente porque se trata dunha categoría non abordada ata agora e que se configura nesa norma regramentaria pero que non existe na Lei Orgánica de Liberdade Sindical. Por último, a catedrática tamén falou sobre a necesidade de relacionar a transición xusta coa negociación colectiva.

No acto participou tamén a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, entidade que colabora na organización do curso, así como o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo, Fernando Cerdeira, e os directores do curso Jaime Cabeza e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, que destacaron o importante papel das partes sociais, a traxectoria desta formación, que xa leva sete edicións, e a novidade desta última, coa ampliación dos contidos, por exemplo en materia de plans de igualdade, dixitalización ou resolución extraxudicial de conflitos individuais.

Tamén interviñeron no acto representantes das organizacións sindicais, en concreto CCOO, UGT e CIG, que destacaron o importante papel que ten a negociación colectiva e a necesidade de formarse permanentemente. O evento concluíu coa entrega de diplomas ao alumnado.