O seu obxectivo é “consolidar e reforzar” esta infraestrutura da UVigo que acaba de cumprir 20 anos
Damián Costas, novo director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla
Ata agora era o responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños
Damián Costas será o substituto de José Manuel García Estévez á fronte da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat. Esta infraestrutura do Centro de Investigación Mariña da UVigo, que acaba de cumprir 20 anos, abre así unha nova etapa que segundo o seu novo director buscará “consolidar e reforzar esta infraestrutura estratéxica ao servizo da investigación mariña da UVigo e de Galicia”. O obxectivo de Costas é seguir “mellorando a calidade dos servizos que prestamos e adaptándonos ás novas necesidades científicas e tecnolóxicas que nos soliciten os grupos de investigación e, especialmente, dende o Centro Investigación Mariña (CIM) e European Marine Biological Resource Centre (EMBRC)”.
“O mar é o comezo de tódolos camiños"
Damián Costas chega á dirección da Ecimat coa experiencia de ter formado parte desta infraestrutura dende a súa inauguración en xuño de 2006, con Ricardo Beiras como director, exercendo sempre como responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños (UCM). “Para o bo e para o malo, teño participado dende a inicial posta en marcha da instalación ata as progresivas ampliacións e aumento de capacidades, mesmo no período da crise do 2008-2013 onde o centro seguiu medrando a pesar dun contexto moi complexo grazas á enorme iniciativa do persoal técnico e dirección”, lembra. Esta experiencia, engade, “creo que me permite coñecer de primeira man tanto as fortalezas do centro como os retos que temos por diante, algo que considero unha boa base para asumir agora a dirección con coñecemento da realidade da Ecimat, que en algúns aspectos ten que mudar”.
Con esta bagaxe, Damián Costas valora, por encima de todo, o traballo feito por todas as persoas que formaron parte da estación durante estas dúas décadas previas. “O prestixio que hoxe ten a Ecimat é o resultado dun esforzo colectivo sostido no tempo” e agarda que esta nova etapa, que afronta con ilusión, axude a que “continúe sendo unha estación mariña de referencia, unha infraestrutura útil e un elemento clave para consolidar o CIM e a UVigo como unha referencia internacional no ámbito das ciencias mariñas”. Agradece tamén a confianza deposita nel polo novo equipo reitoral e recalca: “o mar é o comezo de todos os camiños. Camiñémolos”.
Un futuro baseado nas persoas
De cara aos vindeiros anos, o novo responsable da Ecimat aposta pola dirección como “un exercicio aberto, participativo, baseado na escoita activa, na confianza, na colaboración, a participación, a co-gobernanza, o rigor, a vocación de servizo e a posta en valor do coñecemento e da experiencia de todo o equipo que forma parte da Ecimat para a sociedade”. Creará órganos internos que fomenten a colaboración, transparencia e comunicación, “porque o verdadeiro valor da Ecimat reside nas persoas, así que estou convencido de que, traballando como un único equipo, con estrutura, funcións e obxectivos claros e moito máis interrelacionado” e “sempre en coordinación coa dirección do CIM e a Vicerreitoría de Investigación”.
Por outra banda, Costas aposta por seguir potenciando a captación de usuarios externos, para continuar sendo unha infraestrutura aberta e dinámica. “Temos a obriga de fortalecer a colaboración coa contorna inmediata, grupos de investigación e outras institucións, pero tamén cos sectores máis ligados ao mar, empresas acuícolas e tecnolóxicas, sectores produtivos locais, confrarías, depuradoras, organizacións de produtores e ambientais. Temos que estar abertos a darlle á sociedade o retorno que nos exixe e atopar as canles que o fagan posible dentro da Universidade”.
A nivel internacional, e por medio da participación como un dos centros que representan a España en EMBRC, infraestrutura incluída no Mapa de Ruta Europeo para Infraestruturas de Investigación (ESFRI), “a Ecimat debe potenciar os seus servizos especialmente aqueles de maior demanda como é o caso do acceso aos ecosistemas, cultivos mariños, mesocosmos e oceanografía”.
Finalmente, avanza que realizará un plan de mantemento das infraestruturas, equipos e espazos, “xa que estamos nunha contorna hostil a pé de mar ou no propio mar, como o caso do pantalán, batea, embarcacións, toma de auga, etc., o que require unha labor de mantemento moi intensa e custosa. Queremos avanzar na modernización das instalacións e equipos, impulsar a dixitalización e automatización dalgúns procesos, a identificación de novos servizos en contacto co persoal investigador, reformar a normativa de funcionamento interno, elaborar un catálogo de servizos, recuperar algúns servizos e capacidades perdidos ou de baixa demanda nos últimos anos, etc.”
Unha infraestrutura punteira en Galicia
Situada na illa de Toralla, a Ecimat atópase nunha zona de elevada produtividade mariña e, co paso do tempo, foise dotando de instalacións, equipamentos e infraestruturas punteiras, entre eles unha batea experimental na ría de Aldán, un sistema avanzado de mesocosmos e o novo buque oceanográfico científico híbrido enchufable, xunto con outras embarcacións máis pequenas. Ademais, forma parte da rede europea EMBRC, o que converte á Ecimat nun punto de acceso estratéxico para investigadores de toda Europa interesados no estudo experimental dos ecosistemas mariños.
Neste momento o persoal, servizos e espazos atópanse organizados funcionalmente en catro grupos de traballo: Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños (UCM), Unidade de Calidade Ambiental e Histoloxía (UCA), Unidade de Medio Mariño (UMM) e Unidade de Oceanografía (UO). A estación dispón dunha toma de auga de mar dobre a case 400 m de distancia en dirección ás Illas Cíes situada a 8 m de profundidade “polo que dispoñemos de moi boa calidade de auga de mar”, detalla o novo director.
O edificio principal conta con diferentes salas isotérmicas, laboratorio húmido, salas de cultivos mariños, organismos de colección e modelo, laboratorio de bioseguridade, pañol de mergullo, laboratorio seco, procesado e conservacións de mostras e salas de reunións. Ao seu carón está o mesocosmos, inaugurado en 2023, que ademais de laboratorio, dispón de diferentes tipos de tanques que permiten recrear ecosistemas mariños en condicións próximas ás naturais.
Todo isto, concreta Costas, “traduciuse en 2025 en máis de 1100 reservas de servizos, máis de 350 reservas de equipos e unha ocupación de aproximadamente o 75% das salas isotermas, laboratorios cedidos e espazos de traballo e reunións.
