DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se celebran este mércores e xoves en Santiago

O debate sobre a reforma do financiamento autonómico reúne a conselleiros de Facenda e académicos

Organizadas por Rifde e a Cátedra de Finanzas Autonómicas da UVigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 10/11/2021

Este mércores e xoves celébrase en Santiago de Compostela as xornadas Finanzas autonómicas: os asuntos pendentes, organizadas pola Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (Rifde) e a Cátedra de Finanzas Autonómicas da Universidade de Vigo. A cita reúne a especialistas da administración, entre eles conselleiros de Facenda de varias comunidades autónomas (Galicia, Castilla y León, Estremadura e Comunitat Valenciana), e investigadoras e investigadores do eido universitario para analizar “os aspectos máis relevantes do financiamento autonómico".

O comité organizador destas xornadas, nas que participan máis de medio centenar de especialistas, está integrado polos economistas María Cadaval, Xaquín Fernández Leiceaga, Santiago Lago e Jorge Martínez-Vázquez. A cita enmárcase na liña de traballo de Rifde, que desde 2013 promove o debate sobre temas relacionados co sistema descentralizado español, e a Cátedra de Finanzas Autonómicas da UVigo, posta en marcha este mes de maio co apoio da Consellaría de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia co obxectivo de “mellorar o coñecemento do funcionamento financeiro das autonomías a través de cursos, xornadas e conferencias neste eido”.

A agardada reforma

As xornadas, nas que se mesturan mesas redondas e conferencias, foron inauguradas por Almudena Chacón, directora Xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta, e Santiago Lago, catedrático da UVigo, director da Cátedra de Finanzas Autonómicas o e co-director de Rifde, xunto ao catedrático na Georgia State University Jorge Martínez-Vázquez. Seguiulle a conferencia Que facer mentres se espera a reforma?, do director executivo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada Ángel de la Fuente. A intervención dos titualres de Facenda autonómicos produciuse na sesión A reforma pendente: sobre urxencias e parches, que contou coa participación dos conselleiros Pilar Blanco-Morales, da Junta de Estremadura; Carlos Fernández Carriedo, da Junta de Castilla y León; Vicent Soler, da Generalitat Valenciana, e de Miguel Corgos, novo conselleiro galego de Facenda. A mesa estivo moderada polo catedrático da Universidad de Málaga José Sánchez Maldonado.

Na súa intervención, Miguel Corgos, indican en nota de prensa desde a Xunta de Galicia, subliñou que o novo modelo de financiamento debe respectar os principios básicos de suficiencia, transparencia, multilateralidade, equidade, autonomía financeira e corresponsabilidade fiscal. O conselleiro sinalou que o novo modelo debe ademais garantir a igualdade plena de todos os cidadáns no acceso aos servizos públicos con independencia do seu lugar de residencia e destacou que o novo sistema de financiamento debe cumprir co principio de equidade na asignación de recursos entre as comunidades autónomas, e que neste sentido, coñecer o custe real de prestación dos servizos de cada comunidade daría unha imaxe máis certeira das verdadeiras necesidades de financiamento de cada territorio.

O programa do xoves abordará en dúas mesas redondas a débeda pública e o saneamento financeiro dos gobernos rexionais e as necesidades de gasto no sistema de financiamento autonómico, para acabar coa conferencia de clausura  sobre perspectivas sobre o financiamento autonómico, a cargo da secretaria xeral de Financiamento Autonómico e Local do Ministerio de Facenda, Inés Olóndriz Moragas.