O desfile terá lugar o venres 22 no Pazo da Cultura
Debut 2024 conmemorará os 20 anos dos estudos de moda na UVigo cun amplo programa formativo
Integrado por conferencias e unha decena de talleres
Na noite do venres 22 de novembro, 14 novos titulados e tituladas no mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentarán no Pazo da Cultura as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM) e coas que optarán aos premios que outorgan a Fundación Bimba y Lola e a Fundación Artesanía de Galicia. Este desfile será o acto central da décimo oitava edición de Debut, coa que este ano se conmemora o 20 aniversario da posta en marcha da formación en moda na Universidade de Vigo, que arrancou no curso 2004/2005 co título propio de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), substituído no curso 2017/2018 polo actual mestrado, adscrito á Facultade de Deseño. A formación será de feito un dos eixes centrais da programación que complementa este desfile e na que se insiren dez talleres e seminarios, dirixidos tanto ao alumnado do máster como do Grao en Deseño.
As conferencias da deseñadora de vestiario Bina Daigeler e do xestor de proxectos de Loewe Enrique de Santiago e unha xornada na que os novos titulados e titulados manteñen unha serie de entrevistas de traballo completan unha programación á que se incorpora, como novidade, a exhibición das coleccións no Pazo da Cultura nas dúas xornadas posteriores ao desfile. De aí que a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, incidise en que se trata dun “programa moi poderoso, con moitísima formación”, na presentación de Debut 2024, un evento no que se implica “todo o profesorado e alumnado” da Facultade de Deseño e que “non sería posible sen o apoio” de Concello, Universidade e diferentes entidades públicas e privadas.
“Debut é, sen lugar a dúbidas, unha mostra de innovación e transferencia e unha oportunidade formativa, ademais dun trampolín laboral para os nosos egresados e egresadas”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, que destacou nesta presentación a importancia deste evento para a Universidade e para o Campus Crea. Nesa mesma liña, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destaco a importancia da colaboración entre institucións para impulsar “proxectos culturais e formativos de moitísima calidade”, mentres que o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, puxo de relevo a “exitosa traxectoria” do título propio e do actual mestrado, así como o feito de que nesta edición o alumnado do Grao en Deseño colabore por primeira vez no deseño da imaxe gráfica e na organización do evento.
Máis de 40 proxectos sobre a pasarela
Alba Caballero, Silvia Colombo, Lula de Navasqués, Silvia G. María, Lucía González, Jorge Hurtado, Rubén Mascato, Raúl Rodríguez Mena, Lorena Peiteado, Mercedes Pereira, Luiselena Tilve, Clo Vicente, Alba Vidal e Laura Vidales serán as e os 14 novos titulados e tituladas que o venres 22 presentarán os seus TFM nunha pasarela programada para as 20.00 horas e que terá un prezo de entrada de cinco euros. “Todos eles son proxectos cunha identidade propia”, recoñeceu Dopico, que explicou que o desfile completarase cun segundo bloque no que se presentarán preto dunha trintena de coleccións máis pequenas”, realizadas o pasado curso polo alumnado do primeiro ano do mestrado.
O evento pecharase coa entrega do premio ao deseño e á creatividade, que outorga a Fundación Bimba y Lola, e o galardón á colección con maior valor artesanal, que concede a Fundación Artesanía de Galicia, da Xunta de Galicia. De decidir o nome dos gañadores e gañadoras encargarase un tribunal composto por Enrique de Santiago, xestor de proxectos en Loewe; Fabrizio Bencherucci, docente da escola Polimoda, de Florencia, e consultor técnico comercial do Gruppo Tessile Bellandi; Natalia Culebras, directora de Deseño Sostible e deseñadora xefe de camisas e denim en Dior Men; Nilus Amadeus Lange, profesor da Basel Academy of Art and Design; Pablo Pallardo, director de accesorios de Bimba y Lola; Aurea Aburto, deseñadora de accesorios de Bimba y Lola; e Charo Froján e Alfredo Olmedo, deseñadores da marca DDUE.
Na que será unha das novidades desta edición, doce destas coleccións realizadas como TFM poderán contemplarse o sábado 23, de 16.00 a 20.00 horas, e o domingo 24, de 11.00 a 14.00 horas, na sala de exposicións do Pazo da Cultura, coa participación dos seus deseñadores e deseñadoras.
O deseño de vestiario e a relación coa artesanía
Abertas á cidadanía, a programación de Debut abrangue dúas conferencias, nas tardes do mércores 20 e xoves 21. A primeira delas, promovida coa colaboración dos Premios Feroz, correrá a cargo da deseñadora de vestiario Bina Daileger, que, como lembrou Dopico, atesoura “unha impresionante traxectoria” na industria cinematográfica. Nos últimos anos, responsabilizouse da dirección de vestiario da serie sobre Cristóbal Balenciaga e do vestiario da última longametraxe de Almodovar e previamente foi candidata ao Oscar ao mellor deseño de vestiario polo seu traballo en Mulan. O seu relatorio terá lugar en Belas Artes e ao día seguinte a Facultade de Deseño acollerá unha conferencia de Enrique de Santiago, “xestor de proxectos vinculados sobre todo ao ámbito de artesanía en Loewe, unha das marcas referenciais” neste eido.
Aposta pola formación
Como apuntou Dopico, un dos “obxectivos principais” de Debut é contribuír a que as e os estudantes sexan “capaces de facer proxectos reais, con calidade profesional, desde o primeiro día en que comezan a súa formación”. Con esa idea, o evento suma s participación do alumnado do Grao en Deseño, que se responsabilizou do deseño tipográfico desta edición e que van producir tamén “os paneis de saída do desfile”. Isto motivou de feito que o programa formativo desta edición arrancase xa en outubro, co Obradoiro de Acción Gráfica que está a impartir o artista plástico Eduardo Outeiro.
A esta actividade sumaranse ao longo da vindeira semana outra serie de propostas, como un obradoiro de cestaría contemporánea, impartido pola deseñadora e artesá Belén Martínez; un taller sobre técnicas de feltro impartido pola egresada Wêdyla Rodrigues, gañadora do premio de Artesanía de Galicia en Debut 2023; ou un taller de iniciación ao bordado. O programa formativo de Debut abrangue así mesmo obradoiros de debuxo, retoque fotográfico, ilustración para moda e modelado e impresión 3D, así como un taller sobre investigación téxtil impartido por Fabrizio Bencherucci. Este terá lugar o xoves, xornada na que o Pazo da Cultura acollerá tamén as Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, na que os egresados e egresadas que presentan as súas coleccións manteñen entrevistas de traballo con diferentes firmas do sector. Finalmente, o propio día 22 terá lugar un seminario sobre a posta en escena da colección de moda.